Participación do IES Auga da Laxe no proxecto de innovación CODOS

O noso centro acaba de sumarse ao proxecto de innovación CODOS, promovido polo IES Escolas Proval, coa instalación de catro medidores de CO2 automatizados (dos 24 que ten neste momento o proxecto) en catro aulas. Son prototipos que envían datos, en tempo real, a unha web á que se pode acceder libremente dende a páxina  http://codos.meteoproval.es/iesaugadalaxe/, dende o enlace que se pode atopar na páxina do noso centro ou co código QR que o alumnado e profesorado poderá atopar nos propios medidores. Os obxectivos da nosa incorporación ao proxecto son analizar os datos obtidos polos medidores, desenvolver actividades no centro e entre os centros participantes e concienciar a alumnado e profesorado da necesidade de ventilar as aulas. Agradecemos ao IES Escolas Proval a oportunidade de pór en marcha no noso centro este proxecto, que esperamos permita compartir resultados de interese para o alumnado, verdadeiro protagonista da nosa actividade docente.

 

No curso 2020/2021 os dous institutos do Concello de Nigrán, IES Escolas Proval e IES Val Miñor, recibiron un dos Premios de Innovación de Formación Profesional da Xunta de Galicia co seu proxecto “Monitorización continua de parámetros físicos para mellora da calidade ambiental en contornos educativos”. A súa idea era deseñar medidores de CO2 de baixo custo e materiais didácticos para desenvolver nas súas aulas e, nun segundo momento, compartilo cos centros da mesma área educativa. A finais do curso pasado incorporouse ao proxecto o IES Primeiro de Marzo de Baiona e este curso chegou o tempo do IES Auga da Laxe.

 

Segundo a “Guía para ventilación en aulas” elaborada polo CSIC, os valores óptimos de CO2 deben oscilar entre 665 e 813 ppm, correspondentes a 6-8 renovacións completas de aire por hora (ACH). Valores de COpor riba de 800 ppm considéranse superiores ao recomendable, non só para frear a transmisión da covid, senón para garantir o benestar e rendemento académico do alumnado. Nese sentido, agardamos que a instalación dos medidores nos permita facer un seguimento dos niveis de CO2 nas aulas e concienciarnos da importancia da ventilación.