Skip to Content

Por 365 días de respecto e igualdade

Desenvolvemento

365 días de Respecto e Igualdade

O centro durante todo o curso estivo novamente involucrado no Plan Proxecta 365 días de Respecto e Igualdade. Neste ocasión, o alumnado que máis participou foi 1.º e 2.º da ESO mais todo o IES Arcebispo Xelmírez II reflexionou, debatiu e tivo formación mediante as charlas, ponencias ou actividades.  O Plan de Igualdade foi revisado e adaptámonos aos novos tempos, a fomentar o empodaramento e as novas masculinidades, a crear novos puntos de formación (recuncho lila) ou a visibilizar/explicar certos conceptos que aínda non estaban o suficientemente claros entre o alumnado.

As actividades foron distribuídas segundo as efemérides e a programación das actividades; tentando cadrar no calendario cada charla para que fosen interdisciplinar e se lles sacase o maior rendemento posible. Cómpre destacar que como en todas as tarefas ou actividades tamén nos tivemos que adaptar ás necesidades/dificultades que fomos atopando a medida que se propoñían fichas, debates sobre xénero, etc. Mais sempre desde Titorías, Orientación e Claustro en xeral se conseguiu avanzar e que o respecto e igualdade avance entre a mocidade.

Por 365 días de respecto e igualdade. Conclusión

O Proxecto 365 días de respecto e igualdade foi un proxecto con altibaixos, con moitas reflexións por parte do alumnado e do profesorado, con actitudes negativas e positivas durante todo o período que nos fixeron medrar a nivel grupo e como comunidade educativa.

O plan de igualdade precisa Proxectos coma este mais tamén necesitaría o apoio de dúas Equipas de Igualdade (unha de profesorado e outra de alumnado) que traballen plenamente contidos, proxectos e que apoien e colaboren cos titores, con orientación e co profesorado.

Como coordinadora considero que son primordiais estas equipas para chegar de maneira rápida a todos e cada un dos alumnos e alumnas e para centralizar moitas das actividades. É imprescindible que un centro como IES A. Xelmírez II conte con grupos de traballo que apoien os proxectos porque podemos sementar con charlas, reflexións ou foros pero precisamos persoas que recollan ese froito e que continúen co labor xerado durante estes cursos.

O fin de curso está moi próximo...

O alumnado de 1.º de BACH tivo unha charla informativa sobre agresións e violencia sexual a cargo de persoal especializado.

CHARLA AGRESIÓN SEXUAL

Para rematar, no mes de xuño realizáronse dúas charlas – coloquio.

A primeira foi sobre violencia de xénero e sobre as circunstancias legais. Esta charla foi impartida pola maxistrada Ana López Suevos en dúas sesións seguidas: unha explicativa para o alumnado e outra de formación para o profesorado sobre o Protocolo de Violencia de Xénero nos centros educativos.

Ana López Suevos

A segunda das charlas do mes e última do Proxecta de 365 días de respecto e igualdade foi coa xogadora Pauleta Domínguez, sobre deporte e igualdade. Esta charla foi xestionada de maneira interdisciplinar coa docente de Lingua Castelá, Begoña Louzao, quen coordinou as entrevistas que os rapaces de 2.º da ESO lle realizarían á xogadora como se fose unha rolda de prensa. Posteriormente, a rapazada de portugués asistiu a esa “rolda de prensa” ao estar xogando Pauleta Domínguez en Lisboa e tamén puideron reflexionar sobre a importancia de aprendizaxe de idiomas. A súa vez, visibilizaron a importancia que supón que para o fútbol galego feminino haxa referentes a alto nivel como é o seu caso ou o de Verónica Boquete. No terceiro trimestre tamén se lles deu a coñecer “o primeiro álbum de equipas femininas” e comezaron a colección de cromos. Despois da charla de Pauleta Domínguez, conseguiron completar o álbum e pegar o seu cromo. Desta forma, pecharon esta actividade cotiá e viron como normal que as protagonistas fosen mulleres.

Pauleta

O novo ano chega cunha morea de oportunidades...

Xaneiro chegou cargado de oportunidades, un novo obradoiro para 1.º da ESO  impartido por “Pantallas amigas” sobre “Violencia de xénero e o novo contexto dixital” centrado no coñecemento e na prevención das novas formas de violencia que xorden nese eido. Estiveron moi atentos ao que a ponente comentaba e xeráronse moitas preguntas.

Pantallas amigasPantallas amigasPantallas amigas

Debido ao calendario escolar, o mes de febreiro, é un mes con moitas actividades polo que decidimos que só terían a visita dun Policía Nacional que impartiría obradoiros en 1.º, 2.º e 3.º da ESO para tratar o uso das novas tecnoloxías e a exposición constante que se fai da imaxe nelas. É relevante que sexan críticos consigo mesmos e fagan un uso responsable de Internet xa que ao seren nativos dixitais moitas veces non se percatan do tempo que invirten nas redes e de como o fan.

En marzo, creáronse unha serie de recomendacións literarias, de música, etc. E comentáronse por niveis/cursos con eles tanto nos recreos como no Club de Lectura.

Dadas as circunstancias da COVID e a separación dos patios, o profesorado e os titores e titoras tiveron que buscar a forma axeitada para difundir estas suxestións. É probable que esta actividade se repita no vindeiro curso xa que deu bos froitos e o alumnado demandaba máis libros recomendados, cancións, etc.  Houbo difusión por medio de podcast e de lecturas de grandes mulleres da historia en todos os ámbitos.

Desde marzo a maio, alén das actividades propiamente de titoría, tamén se creou un podcast de “Memoria histórica sobre as mulleres” coa colaboración de Agareso. Foi xestionado na materia de Lingua Galega e Literatura en colaboración coas titorías de 1.º ESO C e coa aula de 1.º ESO Desdobre AB coa participación activa da súa titora, Beatriz Busto.

Memoria históricaMemoria históricaMemoria históricaMemoria histórica

Podcast1

Podcast2

Seguimos na loita...

Aínda que seguimos traballando contidos interdisciplinarmente con varias materias e niveis diverxentes, decantámonos por seguir reforzando contidos en 1.º da ESO. Algúns destes alumnos e alumnas contaron cunha charla sobre o tratamento de violencia de xénero na publicidade e nos medios audiovisuais, a cargo de persoal especializado. Esta charla non saiu como deseñamos e a docente de Lingua Galega e Literatura, ao ser experta en audiovisuais, considerou que era necesario dedicar varias sesións da súa materia para explicar pormenorizadamente conceptos e dúbidas mediante exemplos que facilitasen a súa comprensión e aprendizaxe.

Linguaxe sexista

O alumnado de 1.º de BACH contou nesas datas tamén co espectáculo teatral sobre Violencia de Xénero: “Golpes”e quedaron moi impresionados. Deste xeito, puidemos traballar o xénero teatral nas aulas.

Peza teatral Gopes

Decembro xa está aquí...

Tendo en consideración que a “carta” forma parte do currículo de 1.º da ESO en Lingua Galega e Lingua Castelá, o alumnado escribiu unha serie de cartas á persoas que perderon a seres queridos pola violencia de xénero ou que simplemente alzaron a voz no pasado para defender os nosos dereitos.

Cartas

Contamos nos corredores coa exposición: “Cartas de Amor” cedida pola Consellería; exposición gráfica de ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e mocidade. Esta exposición colocouse nos corredores e os rapaces puideron traballar contidos a partir delas nas materias de Lingua e nas titorías.

CArtas de amor

Ver fotos

Nos departamentos de Linguas tamén se traballou en 2.º da ESO o tema da violencia de xénero por medio da banda deseñada.  Analizaron viñetas presentes en Internet sobre as desigualdades. En Lingua Galega, os docentes amosaronlles estratexias e instrumentos de como podían realizar a actividade e en Lingua Castelá puxeron en práctica eses coñecementos e engadiron a súa creatividade para xerar como produto final o cómic.

Banda deseñada

Ver fotos

Di non á violencia de xénero...

No mes de novembro, organizáronse cartaces, imaxes e lemas para facer visible en cada lugar do centro o rexeitamento de toda a comunidade educativa á violencia. Reciclamos o mural do curso pasado como símbolo do traballo feito polos compañeiros en anos anteriores e démoslle outra vida. A economía circular estivo presente ao carón do respecto e da igualdade. Cada xesto a prol da igualdade, conta. Por iso, voltamos pegar na escaleira esas palabras recortadas polo alumnado para que o traballo dos compañeiros non quedase no esquecemento.

Nas aulas de 1.º da ESO creáronse unha serie de indicacións coa palabra NON introducindo cada unha desas frases que deberían desbotar do seu día a día e que, posteriormente, colocarían en cartaces polos corredores. Ex. Non insultar...

Máis tarde, estes rapaces fixeron un decálogo de boas prácticas para que haxa respecto e igualdade no Instituto. Isto fixo que eles se responsabilizasen e analizasen a situación actual nos deportes, no seu día a día… e desevolvesen ao mesmo tempo a súa iniciativa e a súa competencia cívica e social.

ChanzosChanzosChanzos

Nas aulas de 1.º, 2.º e 3.º da ESO de Galego e Portugués reflexionaron sobre todo tipo de mensaxes que aparecían en redes sociais e outras que escoitan no seu contorno máis próximo. O profesorado foi resolvendo dúbidas sobre diversos conceptos e eles extraeron pequenas ideas de porque as leis continúan obsoletas canto á violencia de xénero.

Doutra banda, contamos coa campaña do Concello da obra “Amor amargo”, estivo destinada ao alumnado de 3.º e 4.º da ESO usando como base o libro de Xosé A. Perozo. O obxectivo era divulgar entre o alumnado e entre o profesorado coñecementos sobre a problemática da violencia de xénero na nosa sociedade. Cada estudante recibiu un exemplar en propiedade e cada titor/a xestionou na hora de titoría actividades de opinións, foros…  Tamén se intentou que estes libros chegasen a outros rapaces e prestáronse na “Hora de Ler”.

Na semana do 25 de Novembro, ademais de traballar na cartelería, de realizar un decálogo feminista e de que en cada titoría se concienciase sobre o problema da Violencia ofreceuselle un obradoiro a 4.º da ESO, o espectáculo de Lucía Aldao e María Lado. Esta performance, realizouse en colaboración coas titorías e co departamento de Lingua Galega e de Historia. Nel conxugouse poesía e música e desbotaron todo tipo de estereotipos e prexuízos de xénero.

Lucía, Aldao e María LadoLucía, Aldao e María Lado

En Outubro comezan as actividades...

Despois de analizar o Plan de Igualdade e que os titores realizasen unha serie de preguntas, exposición de temas, etc. viron a importancia de crear conciencia entre parte do alumnado antes de crear propiamente unha equipa de igualdade con eles e tamén outra co profesorado. Foi necesario descubrir a que nivel de profundidade tiñan coñecemento para evitar prexuízos e estereotipos e tamén para determinar en que curso era primordial unha maior fincapé coas charlas, foros ou conversas sobre o tema.

Usamos algúns recreos para conversar de maneira distendida cos rapazada, propoñer lecturas e ver as súas reaccións con respecto ao machismo, as desigualdades sociais...

Nese momento coa  axuda da responsable da biblioteca, Ana Belén Blanco Varela revisamos o fondo bibliográfico existente en Iguadade e xurdiu a creación do “Recuncho Lila”, un pequeno expositor con libros sobre igualdade para que fose moi visible. Observamos que había exemplares acordes a un nivel de 1.º e 2.º de BACH pero que non había moitos libros a niveis baixos. Ese tamén foi un dos motivos polos que pensamos que era esencial traballar máis con eses cursos.

Desta forma a rapazada podería curiosear e levalos para ler na casa. Así non só contribuímos ao Plan Lector, senón que tamén activamos as súas ganas de saber.

Tamén foi decisivo ver cales eran as disciplinas onde a desvantaxe ou o nesgo de xénero era máis evidente; e o Deporte e a Economía foron dúas temáticas nas que centramos moitos dos debates. As materias de Lingua Galega e de Lingua Castelán foron esenciais para a realización tarefas de investigación sobre mulleres na ciencia, na literatura, na música... e por suposto, no deporte e na economía.

Recuncho lila

Ver fotos

Distribuir contido


by Dr. Radut