Skip to Content

Información sobre a Hora de ler

Que é a Hora de ler?

A Hora de ler é o programa específico de fomento da lectura organizado polo Equipo da Biblioteca deste instituto. Leva funcionando xa varios cursos, desde a incorporación do noso centro ao PLAMBE (Plan de Melloras de Bibliotecas Escolares).

Na Hora de ler dedícanse durante todo o curso unha serie de sesións de clase á lectura libre. No programa participa todo o alumnado de ESO.

Calendario da Hora de ler

Nas aulas do alumnado da ESO, así como na sala de profesores, estará visible o calendario da Hora de Ler para este curso 2022-2023. Este curso haberá 25 sesións de lectura. O día que corresponde á Hora de ler aparece marcado cun icono. Máis abaixo especifícase a sesión concreta que corresponde a cada día.

Enlace ao Calendario

Que se pode ler?

A Hora de ler é un programa de lectura libre, non dirixida.

O alumnado ten que traer da súa casa ou pedir en préstamo na Biblioteca do instituto calquera tipo de material de lectura (libros, cómics), en función dos seus gustos. Vale tanto o soporte tradicional en papel como o libro electrónico (ebook).

O alumnado pode tamén aproveitar a Hora de ler para ler aqueles libros de lectura obrigatorios ou recomendados polos diferentes departamentos.

Importante:

Na Hora de ler non se admiten como materiais de lectura xornais ou revistas, así como non se permite o móbil como soporte da lectura.

A Hora de ler, como programa de lectura libre, non pode ser utilizada polo alumnado nin para estudar, traballar co libro de texto ou facer tarefas escolares.

Cando ocasionalmente un alumno/a non traia o material de lectura, o profesorado deberá indicarlle qué actividades debe facer. Se algún alumno ou grupo de alumnos non trouxesen material de lectura de modo frecuente tede en conta que se trata dunha actividade de carácter obrigatorio. Poñédevos nese caso en contacto coa responsable do Equipo da Biblioteca.

O profesorado durante a Hora de ler

A mellor promoción da lectura é o exemplo: pedímoslle ao profesorado que durante a Hora de ler dea exemplo ao alumnado traendo tamén o correspondente material de lectura.

Avaliación da Hora de ler

A Hora de ler nin é unha actividade académica nin é avaliable. Nada impide, porén, que cada profesor/a poida dentro das posibilidades que lle permitan os criterios de avaliación do seu departamento didáctico, ter en conta as lecturas feitas, o Caderno de Viaxe e a actitude ante a Hora de ler á hora de dar a cualificación final do seu alumnado.

O Equipo da Biblioteca realiza sempre a final de curso unha enquisa entre o alumnado da Hora de Ler para avaliar a actividade e incorporar estes resultados á Memoria final do PLAMBE.



page_ppp | by Dr. Radut