Skip to Content

Previr o narcisismo

XOAN A. SOLER

 

JOEL GÓMEZ 
SANTIAGO / LA VOZ 13/03/2019 08:44 H

 Buscar información para resolver dúbidas ao ser pai levaron a Julio Rodríguez, biólogo e psicólogo, especialista da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago  IDIS) a escribir o seu primeiro libro, Previr o  narcisismo. Educa ao teu fillo para ser feliz, non para ser o mellor. Presentouno o ano pasado. Agora acaba de publicar o que di a ciencia sobre educación e crianza, tamén resultado daquel traballo. Onte falou no Xelmírez II desta faceta. O instituto programara unha intervención de 50 minutos, pero mantivo case dúas horas de diálogo co seu alumnado e docentes. 

«A editora insistiu no interese do capítulo que lle tiña dedicado á prevención do narcisismo a través da educación. Ampliei ese asunto no primeiro libro. Vin que pode afectar desde unha esfera persoal a todos os estratos da sociedade. Porque ese narcisismo de querer ser o máis alto, o máis guapo, ter sempre a última novidade da tecnoloxía, de vehículo, roupa e outros produtos está relacionado cun consumismo irracional que deriva neste problema medioambiental que temos hoxe co cambio climático», afirma.

A característica central do  narcisismo é «un sentimento de superioridade que non é real; como un delirio de grandeza, de pensar que se é alguén extraordinario e que o resto dos seres humanos están nun segundo plano. Ao non ser iso así aparece o problema do narcisismo, dunha persoa que non ten os cimentos da personalidade ben formados e que é infeliz aínda que lle pareza que o ten todo, pola súa necesidade vital de excesiva admiración, que é como unha especie de droga que o alimenta», indica.

Cando a persoa narcisista non obtén a admiración que cre merecer «aparecen a ira, problemas psicolóxicos que poden derivar en depresión, mesmo en casos extremos no suicidio», di Rodríguez. Eses problemas maniféstanse no traballo e na contorna social e de amizades «e se esa persoa adquire unha posición de poder extrapola a súa negatividade ao resto da poboación. O exemplo paradigmático é o nazismo: afirmaban que eran unha raza superior e por iso pensaban que podían facer o que quixesen co resto da xente, mesmo chegar á súa eliminación. Hoxe temos reaccións de Donald Trump. Ou de Anders Breivik, autor da masacre de Noruega en 2011. Ou do alemán Andreas Lubitz, quen se suicidou estrelando un avión nos Alpes no ano 2015. Tamén gran parte da violencia machista é derivada do narcisismo. Hai trazos desta conduta comúns nestes casos», asegura. 

Por iso Julio Rodríguez reitera a interese da educación para previlo. «A cultura do narcisismo aumenta o consumismo e a superficialidade. E está a medrar moito desde finais dos anos 90 do século pasado, promovida polo mercado, que se aproveita diso, xa desde a adolescencia. E así o evidencian estudos transculturais», argumenta o experto.

Unha forma de combater o  narcisismo é «non buscar a felicidade en algo externo, evitar o consumismo irracional. Como di o francés Serge Latouche, economista do decrecemento, se somos felices non consumimos». 

No seu diálogo con estudantes do Xelmírez II, Julio Rodríguez resaltou o difícil que é facer entender a unha persoa narcisista que non pode telo todo e a frustración que iso lle crea. Ou o trastorno que se xera polo problema que supoñen perfís falsos nas redes sociais, que provocan que quen os crea teñan despois medo e ansiedade a saír á rúa e mostrarse realmente como son, e que relacionou coa superficialidade e a aparencia que se atopan nas redes sociais tamén como reflexo do  narcisismo.

Especialista. Julio Rodríguez estudou Bioloxía e Psicoloxía. Doutorouse cun estudo sobre factores xenéticos implicados en doenzas de reumatoloxía.

Publicacións. Publicou «Previr o  narcisismo. Educa ao teu fillo para ser feliz, non para ser o mellor» (2018) e agora «O que di a ciencia sobre educación e crianza».

Ler a nova en La Voz de Galicia



page_ppp | by Dr. Radut