Skip to Content

Visita ao CIMUS do alumnado de Bioloxía e Psicoloxía de 2BACH

O xoves 17 de xaneiro o alumnado de Bioloxía e Psicoloxía tivo a inmensa sorte de facer unha visita guiada a tres laboratorios do CIMUS: ao do grupo de investigación Innopharma (dirixido por Ángel Carracedo e Mabel Loza), da man do Dr. Daniel Torrecilla, ao do grupo de investigación Genomics and Bioinformatics (dirixido por Ángel Carracedo, e no apartado de investigación en Psicoloxía por Montse Prieto), da man da graduada en Psicoloxía e doutoranda María Tubío, e ao do grupo de investigación Molecular Metabolism (dirixido por Rubén Nogueiras) da man do licenciado en Bioloxía e doctorando Marcos Fernández (que cursou estudos no Xelmírez II, todo un orgullo para nós) e a Dra. Cintia Folgueira.

A visita non so foi fructífera dende o punto de vista académico, senón moi, moi entretida. A paixón que vimos nas persoas que nos mostraron o seu traballo e o do seu equipo fixo que os percorridos e as explicacións foran amenas e doadas de comprender, a pesares da complexidade das materias investigadas.

O alumnado recibiu explicacions, entre moitas outras, sobre como certo grupo de neuronas no hipotálamo de ratos regula o seu apetito (Molecular Metabolism), como se procede para facer un cribado de substancias químicas para que se saiba se son útiles para desenvolver un fármaco con posterioridade (Innopharma) ou como se está a investigar sobre os factores xenéticos presentes no Trastorno de Espectro Autista (Genomics and Bioinformatics). Foron divididos en tres pequenos grupos (triple traballo para as persoas que fixeron de guías, moitas grazas!) para poder seres atendidos mellor. A organización foi perfecta, como sempre, xa que dela se encargou Ruth González.

O noso alumnado voltou ao instituto sabendo cousas novas e interesantes e sabendo que en Galicia se fai investigación de moita calidade.

Moitas grazas pola vosa atención, polo voso cariño, pola vosa dedicación. Moitas grazas por todo!

Volveremos. Eso seguro.

Pódese ver o albúm de fotos na seguinte ligazón Fotos



story | by Dr. Radut