Skip to Content

A Roda do ano 2018/19

A Roda do Ano é un Contrato-Programa na liña de de mellora de coñecementos para acadar a excelencia educativa. Con esta actuación tratamos de darlle resposta ó alumnado con maior motivación para aprender á vez que creamos un programa que aporte identidade ó centro. Supón unha medida de atención á diversidade na que se desenvolven iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado.

De acordo coa proposta da Consellería, estas iniciativas traduciranse na planificación de diferentes obradoiros nos que ó longo do curso se traballará de forma cooperativa nun proxecto co fin de obter un produto final. No noso caso, traballamos sobre o concepto do paso do tempo dun xeito cíclico, como adoitaba ser comprendido polos pobos celtas. Os nosos antergos celebraban oito festividades relacionadas co ciclo solar, e adicaban cada unha a unha deidade. Na Cachada pretendemos facer unha chamada de atención sobre a fuxida cara adiante que son a maioría das actividades nas que traballan os rapaces e rapazas, xenerándose unha atmósfera de ansiedade insana e pouco produtica. Reivindicamos conceder un tempo a cada evento, e facelo sen perder consciencia da relación que temos coa natureza e os seus procesos vitais.

Baixo esta filosofía, organizamos seis eventos nos que aglutinamos o resultado de diferentes proxectos. 

 

  • Campaña Samaín: festividade que marca o inicio do ano novo celta e o dunha nova Roda do Ano. Época de meditación e reflexión sobre os ciclos da natureza, da vida e da morte. Comezamos esta celebración cos Recreos Arrepiantes, que consisten na lectura de contos de medo e visionado de curtas de terror creados polo alumnado nas linguas que se imparten no centro. Este ano tivemos con nós a Paula Carballeira contándonos fantásticas historias de medo. Asemade, na entrada principal do centro tivemos unha exhibición de cabaciñas que contiñan elementos metálicos reciclados (as cabaciñas robóticas) e tamén unha mostra de debuxos sobre esta época tan especial do ano. Como remate, todo isto compleméntase cun magosto popular no que se realizaron varios obradoiros: maquillaxe terrorífica, xogos populares, regueifas… 

 

  • Campaña Yule-Nadal: festa de época neolítica que simboliza o retorno da vida e da luz, da esperanza, liberación do antigo. Remataremos o primeiro trimestre cunha instalación de luz onde se amosaron 400 bolsas de compra e camisetas customizadas a partir de elementos reciclados, con deseños do propio alumnado (software Canva) transferidos. Esta instalación, xunto a unha árbore feita con botellas recicladas, adornouse cun alumeado gobernado por sensores, animando así a reflexionar sobre un consumo enerxético razonable. O martes 18 de decembro fixemos un acto de prendido das luces, honra que tivo Alicia Guijas por gañar o xogo Kahoot de preguntas sobre reciclaxe. Ademais, tivemos operativos dous postos de comercio xusto e dous videoxogos de Scratch relativos a este tipo de mercado. Con esta campaña quixemos incidir na importancia de reutilizar e reciclar, reflexionando sobre o impacto medioambiental do consumo ilimitado de recursos fósiles, especialmente do plástico. Apoiamos a campaña cun spot no que as "Raíñas Magas" animaban a reducir o consumismo en nadal.

 

  • Campaña Imbolc: en febreiro, o pobo celta celebraba o espertar da terra e o crecente poder do Sol. O seu gran símbolo era a deusa Bríxida, do lume, a sabedoría, a poesía e as fontes sagradas.Os departamentos de Francés, Historia e Matemáticas, no marco do intercambio con Francia (proxecto Memorias Cruzadas) organizaron unha semana temática (charlas, mesas redondas, performances, actividades ‘breakout’, etc.) e unha exposición sobre Memoria Histórica con produtos elaborados polo alumnado do intercambio de Francés de 3º. Centrándose xa na Festa da Candelaria ("Día en que casan os paxariños"), ó alumnado de 1º propúxoselle un xogo de orientación para coñecer os paxaros máis importantes da zona.

 

  • Campaña Ostara: o equinoccio de primavera simboliza o espírito de equilibrio e renovación; época de comezar a plantar, do amor, de promesas e decisións. Realizaremos unha instalación adicada ós bos amores, particularmente sensible co colectivo LGTBI. Para isto, e a través do Plan de Acción Titorial, tratarase a importancia do respecto nas relacións interpersoais e amorosas. Posteriormente, e a través do Club do Antifás (obradoiro audiovisual) e dun obradoiro específico de videopoesía a cargo da poeta Antía Otero, formamos o alumnado para que crease os seus videopoemas. Na lista de distribución de Youtube Máis que palabras 2019 tedes unha escolma das mellores, e aquí a que gañou o certame: 

 

 

  • Campaña Beltaine: coa chegada de maio e a primeira floración do Verán celebrábase o festival máis alegre dos antigos, que festexaban con danzas arredor de fogueiras, encantamentos, recolleita de flores… Por cuarto ano, organizamos a nosa competición STARgal: un conxunto de instalacións polas que pasa todo o alumnado do centro para escoller as mellores producións audiovisuais do curso e para competir en diferentes probas de robótica e videoxogos (elaborados respectivamente con LEGO, Mbot, Arduino e Scratch). Este ano incorporamos un planetario hinchable e estudamos Astronomía partindo do momento e lugar no que naceu Fraguas. Atribuiuse un rol especialmente importante ás nenas que participaron na campaña, loitando así contra a fenda dixital. Como vén sendo habitual, a creación de todos estes produtos está vinculada en temática ás Letras galegas (Antón Fraguas este ano) e ó labor normalizador do EDLG do noso centro (este curso, o mundo das abellas no proxecto Mundiapicula).

 

  • Campaña Litha: co solsticio de verán celebrábase que as plantas están no seu apoxeo, recollendo herbas medicinais e máxicas, dándose baños purificadores e facendo grandes fogueiras. No centro organizamos un festival de fin de curso no que facemos a nosa propia recolleita dos proxectos desenvolvidos ó longo do ano. De colofón, ofertamos unha saída para o alumnado que colaborou na organización dos diferentes proxectos (Cachatrip).

 



page | by Dr. Radut