Skip to Content

A roda do ano 2017/18

 

 

No centro desenvólvense diferentes programas, cada un deles pensado para dar resposta a determinadas necesidades educativas entre as que está a difusión da lingua galega:

  • Contrato-Programa sobre excelencia educativa: para aquel alumnado con aptitudes e interese en linguaxes creativos propios da programación e do audiovisual (STARgal).
  • Contrato-Programa Espazo familia, para mellorar a relación coas familias.
  • Proxecta TÍCaras para mozas emprendedoras nas TIC, buscando superar a fenda de xénero no uso destas ferramentas, e que en Boiro como en calquera parte de Galicia é ben manifesta.
  • Proxecta Faite eco do lóxico, buscando mellorar os hábitos alimenticios do noso alumnado e a promover unha dieta baseada en hortalizas, froitas e peixes do lugar.
  • Proxecta Deporte na Cachada, para concienciar sobre a necesidade de facer deporte regularmente.
  • Proxecta Quérote+, para contribuír a pelear contra a violencia de xénero.
  • Proxecta Apúntome a non beber.
  • Intercambio lingüístico con alumnado de Francia.
  • Obradoiro teatral Roberto Vidal Bolaño, dirixido a aqueles rapaces e rapazas con interese polo mundo teatral.
 
A Roda do Ano é unha superestrutura de proxectos e á vez un contedor de produtos cos que pretendemos repensar a nosa relación cos seres que nos rodean e coa terra na que vivimos. O nome Roda do Ano provén da concepción circular do tempo que tiñan os poboados celtas e permítenos estudar, a través das súas festividades, aspectos antropolóxicos, lingüísticos, musicais, plásticos, técnicos e ecolóxicos do noso país.
Na seguinte presentación podedes ver os eventos tal cal se foron organizando "ó redor" do curso:

 

 Eis un resumo das festividades e as correspondentes actividades:

1. Samhain - A morte na nosa cultura e a morte hoxe, nas redes sociais

  • Semana 30 out - 3 nov: proxección de curtas de medo na Biblioteca. Estiveron guionizándose, gravándose e montándose nas titorías, clases de Galego e Tecnoloxía durante o mes de outubro. Poden verse na lista de distribución Recreos Arrepiantes 2017.
  • 31 outubro: celebración do Magosto coa contada Quico Cadaval e Marga Alborés; 2 horas duración, na Casa Cultura; festa popular con posto de “Maquillaxe terrorífica”, xogos populares e degustación de castañas. (Colaboran Dpto. Ed. Física e Asociación Xogos Tradicionais de Compostela.) Ver imaxes en Flickr

2. Yule - O nacemento da luz, reflexión sobre o tempo que adicamos ós seres queridos e ó medio no que vivimos

  • Semana 11 - 15 decembro: instalación sobre deidades (Depto. Tecnoloxía) e realización da enquisa sobre redes sociais (proxecta TÍCaras, Dptos. de  tecnoloxía e Matemáticas). Divulgación dos spots feitos polo alumnado.
  • 21 decembro: entrega de agasallos a cargo do Equipo Apalpador. Os agasallos foron elaborados nas aulas de Tecnoloxía, Relixión, Valores Éticos e Titorías, e o alumnado realizou videotitoriais para a materia de Galego explicando como fixeron o seu regalo (poden verse na lista de distribución da nosa canle. Un dos traballos foi finalista no concurso Youtubeir@s).
  • 18 decembro: O Bosque galego precisa o teu tempo, visita guiada e plantación no bosque de Froxán (ver unidade completa no blog Vaidelingua do Dpto. Galego)

3. Imbolc - O espertar da terra. Preparando o noso corpo con alimentación saudable

4. Ostara - Época adicada ós Bos Amores

  • Concurso literario “Máis ca palabras” que todos os anos promove o Dep.de Lingua Galega e que este ano xirou en torno á temática da violencia machista e ó respecto nas relacións persoais. As modalidades deste ano foron:
    • Videopoesía, organizadas a partir dun obradoiro con Antía Otero
    • Regueifas/Batalla, organizadas a partir dos obradoiros de Manolo Maseda e Narci Rodríguez respectivamente
  • Fomos convidados a participar na Regueifesta despois dunha peza que enviaron dous alumnos (“Os dous de sempre”) ó Enreguéifate, grazas ó obradoiro de Regueifas. Ver imaxes
  • Publicouse o videopoema "Xa non atendo ó meu amigo", creado no Proxecta Tícaras. Outras obras poden atoparse na lista de distribución "Máis ca palabras" do noso Cachavideo

5. Beltaine - O festival máis alegre, os Maios

  • STARgal 1: selección e mostra das mellores producións audiovisuais do ano.
  • STARgal 2: competición en videoxogos elaborados polo alumnado.
  • STARgal 3: Mostra interactiva de produtos tecnolóxicos relativos a María Victoria Moreno.
  • Representacións teatrais de Manar, obra producida e interpretada pola nosa profesora de teatro, Sabela Hermida.
  • Celebración da Romaría popular das Letras Galegas no noso centro con xogos popularas e batalla de regueifas.

Ver imaxes de todas as actividades na galería de Flickr

6. Litha - Reconto das millas percorridas

  • Percorrido da “milla diaria” con todo o alumnado do centro
  • Representación das obras teatrais do Obradoiro RVB, que este ano son sketches sacados de diferentes pezas de Chévere, quen veñen de celebrar os seus 30 anos de percorrido.
  • Festival fin de curso: moitas millas percorridas: resumo audiovisual do ano, concerto do alumnado de música e entrega de diplomas ó alumnado de 4º..
  • Alboroque da Casiña dos Maios, módulo bioclimático (ver vídeo elaborado para explicar o concepto da Bioconstrución) para sensibilizar sobre a construción e materiais que nos rodean e reforzar o contacto cos traballos manuais e a natureza (actividade prevista para maio pero que rematou a final de curso, dada a súa complexidade. O alumnado fixo vídeos didácticos para a materia de Galego sobre os problemas de saúde dos materiais de construción convencionais). Ver imaxes

 



page | by Dr. Radut