Curso 2018/19

Recoñecemento académico

Recoñecemento académico

 

         Catro alumnos do IES Río Cabe de Monforte de Lemos, Sofía Fouces, Alex Parada, Gloria Pérez e María Rodríguez, acompañados polas súas familias e polo director do centro, Carlos Parada González, recibiron o xoves día 4, en Santiago, o diploma acreditativo que a Universidade de Santiago de Compostela outorga aos estudantes de bacharelato de Galicia que acaden a puntuación de sobresaínte  como nota de acceso á Universidade.

 

         O acto, que tivo lugar no Pazo de Congresos e  forma parte do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, estivo presidido pola reitor da mesma.

  

         Nos distintos discursos púxose en valor o traballo e o esforzo diario do alumnado para acadar os seus obxectivos, o cal coincide plenamente coa filosofía educativa do noso centro.

 

         Noraboa a todo o alumnado e comunidade educativa.

 

 

O alumnado de 1º BAC disfruta dun premio en Galipark

O mércores 26 o alumnado de 1º BAC viaxou a Padrón; visitou a casa de Rosalía de Castro e a continuación disfrutou dunha xornada moi completa en Galipark con propostas tan diversas como tirolina, tiro ó arco, pista de xeo, actividades acuáticas... 

A viaxe foi o premio que acadaron polo traballo realizado por un compañeiro, Alejandro García, que resultou gañador dun concurso de carteis do día da muller.

Excursión a Roma do alumnado de 4º ESO

O martes 18 o alumnado de 4º ESO iniciou a súa viaxe de fin de curso a Roma. Na foto anterior vémolos coas familias antes de coller o bus que os trasladou a Santiago.

Hoxe, mércores 19, comezarán o percorrido cunha visita panorámica por toda a cidade, da que nos irán informando as profesoras Bea e Tania.

Podedes ver algunhas imaxes: 

 

Esta é a crónica que Bea e Tania veñen de enviarnos:

O primeiro día na cidade de Roma foi intenso e variado. 

A nosa xornada comezou ás nove da mañá cunha guía panorámica na que puidemos gozar das vistas dos monumentos máis significativos da capital italiana, así como múltiples curiosidades: a orixe española de dous emperadores e tres papas, os antollos do emperador Nerón, o aviso ao son dun canón ás doce da mañá de que é hora de descansar ou a nevada de pétalos de rosas brancas que cae todos os 5 de agosto sobre a Igrexa de Santa Maria Maggiore para recordar unha invernal nevada en pleno verán. Neste mesmo destino puidemos visitar o berce de Xesús e a pía bautismal onde se bautizou o noso rei emérito D. Juan Carlos de Borbón.
 
Logo da vista guiada, puidemos coñecer a pé a Bocca della verita, que segundo a lenda come as mans dos mentireiros (afortunadamente nós volvemos coas mans de todos), o Teatro di Marcello, a Piazza del Campidoglio, onde se atopa o concello, Piazza Venezia, a concurrida Fontana di Trevi, Pantheon e Piazza Navona.
 
De camiño, deixámonos agradar por múltiples sorpresas, pois Roma agocha múltiples segredos a cada paso e numerosas xeaderías que puxeron unha nota fresca nunha tarde ben calorosa.
 Agora rematamos o día ceando en Gran Caffe Maggiore e visitando a Piazza dela Repubblica. 
 Mañá máis! 
 
Xoves 20
 
 
 
 
A cidade eterna  non deixa de sorprendernos. Logo de percorrer o primeiro día 21 Km., hoxe comezamos visitando a Basílica de San Clemente. A continuación, achegámonos a unha das igrexas máis queridas polos romanos:a Basílica de Santa María in Ara Coelli onde tivemos que ascender unha escaleira de 124 chanzos para poder divisar o seu sorprendente interior e as vistas da cidade dende a colina. Ninguén quedou indiferente...
 
De novo foron varias as anécdotas que fomos aprendendo nas múltiples paradas de camiño a un dos barrios máis coñecidos de Roma: Trastévere. Puidemos ver a Illa Tiverina, a Casa di Dante, pai da lingua italiana moderna. Pasendo polas bohemias, orixinais e coloridas rúas deste barrio visitamos Sant' Egidio e a Igrexa de Santa Maria della Scala nunha das rúas imprescindibles xunto con Via della Lungaretta. 
 
A continuación, xantamos para repoñer forzas para a visita estrela do día. Os Museos Vaticanos agardaban por nós. Aquí, unha mostra das coleccións de arte máis importantes do mundo sorprendeunos no recorrido das diversas salas que reflicten distintas pegadas históricas tales como a réplica do salón do emperador Nerón, a bañeira da súa esposa onde cabía o leite de cincocentas burras, a escultura con máis réplicas: o Laocoonte e os seus fillos, o Apolo de Bellvedere que ten máis de 2.000 anos, o Patio da Piña onde tamén está a obra contemporánea de Arnaldo Pomodoro (regalada ao Papa con motivo do Mundial de Fútbol de Italia). 
 
Despois de distintas galerías chegamos á auténtica marabilla do Renacemento: a Capilla Sixtina. Esta excepcional creación de gran complexidade iconográfica espertou a curiosidade dos nosos intrépidos e cansos viaxeiros que lle fixeron ao noso guía varias preguntas moi interesantes. A visita rematou na Basílica de San Pedro. Alí empapámonis da grandiosidade desta construción e observamos a Pietá de Miguel Ángel. Xa na praza comprobamos o poder das Matemáticas e a súa importancia na arquitectura. 
 
 
 
Satisfeitos de non ternos perdido entre a multitude, regresamos para a cea que resultou moi amena polas notas de humor e o bo ánimo de todos tras gozar dunha intensa xornada cultural. 
 
 
Venres 21
 
Todos os camiños levan a Roma, pero... ¿se xa estás en Roma? Se xa estás aquí cada camiño ten unha sorpresa que ofrecerche. 
 
Así de curiosos espertamos hoxe. Á primeira hora, ben cediño, dirixímonos á igrexa de San Pietro in Vincole que alberga as cadeas de San Pedro e o Moisés de Miguel Ángel. Por fin, puidemos ver a perfección desta escultura que levou ó propio autor a preguntarlle: "¿Por que non me falas?". E enfurecido golpeouna causándolle algúns danos. 
 
Despois, achegámonos o Coliseo onde iniciamos unha visita guiada ao tamén chamado Anfiteatro Flavio. Este edificio cuxa construción se demorou dez anos só abraiounos. Custabanos imaxinar en directo as batallas de gladiadores nas que tantos participantes así como as loitas contra feras e as batallas navais dos primeiros tempos. Constantino, o primeiro emperador cristián cambio o seu uso... Deixou de ser propaganda do imperio e quedou abandonada, pasou a ser fortaleza, hospital e incluso canteira. De feito, as súas pedras encóntranse en distintos lugares de Roma como a Fontana di Trevi ou a Basílica de San Pedro. Tamén tivemos ocasión de reparar que neste edificio o aforo sería catro veces máis que a poboación de Monforte...  Como vedes, non nos deixou indiferente. 
 
 
Acto seguido, continuamos a nosa visita polos restos arqueolóxicos do Foro Romano onde se atopan múltiples restos de templos. Descubrimos así a Roma máis antiga paseando polas súas rúas e á par os nosos pasos cruzáronse cos dun coñecido chef dos nosos estudantes: Alberto Chicote. 
 
 
Posteriormente, xantamos nas proximidades, visitamos Santʼ Andrea della Valle onde gozamos dun concerto en directo. Proseguimos o noso itinerario paseando por Campo dei Fiori e rematamos a tarde cun paseo polo barrio do Trastévere na que fomos á coñecida Basílica de Santa María in Trastévere. 
 
Antes de cear, tivemos tempo libre para facer agunhas compras e descansar nesta última tarde das nosas "Vacacións en Roma". 
 
 
Sábado 22
 
O noso derradeiro día en Roma comezou cedo e un pouco nubrado. Aínda así, tivemos a ocasión de visitar Santa María degli Angeli e dei Martiri na Piazza della Repubblica, recomendada xa dende o primeiro día polos nosos guías. Pero, distintos imprevistos alleos a nós impedíronnos visitala ata hoxe. Como se adoita dicir... á terceira vai a vencida! Por fin, puidemos ver esta basílica deseñada polo mestre Miguel Ángel sobre as Termas de Diocleciano onde o máis chamativo son as súas pinturas e os retablos traídos dende a Basílica de San Pedro do Vaticano. Así, é unha das máis ricas pinacotecas da que tivemos que saír ás présas, xa que estaba a piques de comezar unha celebración litúrxica.
 
 
Á saída, como non, puxemos rumbo cara á imprescindible Piazza di Espagna, na que se atopan algunhas das tendas máis luxosas da cidade. Neste lugar os nosos viaxeiros aproveitaron para facer algunhas compras e sacar unha foto de grupo para a que xa se colocan moito mellor ca o primeiro día. Son uns expertos modelos!
 
Máis tarde e, tras tempo de lecer ben desexado, voltamos ó noso punto de referencia nestes días, a Piazza de Santa María Maggiore para xantar.
 
A nosa grande experiencia romana remata camiño do aeroporto. Os nosos aventureiros e nós mesmas recoñecemos que o esforzo físico de pasear as rúas de Roma deixa en nós unha pegada cultural imborrable.
 
 
 
- No sé como despedirme, no encuentro palabras. 
- No son necesarias. 
Vacaciones en Roma. William Wyler
 
Foi un pracer viaxar con vós! 
Grazas! 
 

Coas musas de Dona Emilia

 

O pasado venres 14 de xuño, alumnado e profesorado de nocturno do IES Río Cabe, desprazáronse ó concello de Lalín para aproximarse á figura de Emilia Pardo Bazán.

A actividade incluíu a visita á Fraga de Catasós e ó Pazo de Quiroga, no lugar de Quintela, onde a escritora pasou longas tempadas ó ser ambos propiedade da familia do seu home, José Quiroga Pérez de Deza. No paseo pola fraga, declarada Monumento Natural, puideron contemplar carballos centenarios e os castiñeiros coa maior taxa de crecemento de Europa, que alcanzan máis de 30 metros de altura e 5 de diámetro.

Remataron a excursión no Pazo de Liñares (parroquia de Prado), chamado pola Condesa de Pardo Bazán “El Palacio del Recuerdo”. Percorreron as instalacións deste singular edificio guiados por persoal de turismo do Concello de Lalín.

A excursión foi organizada por unha alumna do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas. e incluíu citas dalgún dos libros de Dona Emilia que ben puideron estar inspirados nestes lugares.

Queremos felicitar a dita alumna, Iria García, polo ameno da visita e a súa profesionalidade.

 

Graduación do alumnado de 4ºESO

 O pasado venres 14 foi a Graduación do alumnado de 4ºESO. Con este simbólico acto despedimos o fin dunha etapa de ensino obrigatorio despois do que se poden escoller alternativas distintas.

Velaquí unha pequena mostra do que aconteceu ese día. Posteriormente iremos engadindo fotos á galería.  

 

Festival musical

O venres 7 celebrouse no Salón de actos o tradicional festival musical de fin de curso, organizado pola profesora de música Eva Dios, no que participaron 2º, 3º, 4º ESO e 1º BAC. Foros 2 horas de música en directo nas que tamén tocou o grupo "Os caralludos do Cabe", formado por varios profesores e alumnos.

Grazas a todos pola vosa participación.

 

Andaina ó Caurel do alumnado de 1ºESO

O pasado luns o alumnado de 1ºESO fixo durante toda a xornada unha ruta de senderismo polo Caurel. O percorrido foi pola ruta Uxío Novoneyra

A actividade foi organizada polo departamento de Educación física.

Diplomas, premios varios... para celebrar o Día das Letras

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o  martes 21 procedeuse á entrega dalgúns dos diferentes premios que se foron organizando ó longo do curso: Oratoria, disfraces de Entroido, diversos concursos convocados dende a Biblioteca e entrega de Diplomas ó esforzo académico. No evento estiveron presentes alumnado, profesorado, outros membros da comunidade educativa e familias.

 

 Deixámosvos algúns dos momentos deste acto, que tamén poderedes ver próximamente na Galería de imaxes:

 

 

"Enfrontamentos coas tropas napoleónicas" e historia da nosa cidade

Nesta mañá de luns o alumnado de 1º BAC  puido visualizar dende outra perspectiva algunhas zoas algo descoñecidas da nosa cidade.

Da man de Felipe Aira Pardo soubemos de múltiples detalles da historia monfortina: "1809: os franceses en Monforte" ten como obxectivo recordar os 3 asaltos sufridos na cidade por parte das tropas francesas. Con ese fío condutor, o noso guía foi desgranando episodios deses feitos históricos bastante descoñecidos para a poboación en xeral. 

 

Tamén se fixo un percorrido polos lugares emblemáticos da zoa vella: rúas que coñeceron un esplendor hoxe perdido totalmente, restos da longa muralla derruídos... e todo salpicado con lendas, datos e detalles do noso pasado dignos de coñecer por un alumnado que viu hoxe Monforte dende outro punto de mira . 

Ciclo Técnico deportivo en Fútbol na Mostra FP Lemos

 

Dentro da Mostra de FP, á que nos referimos noutra entrada, estaba o Ciclo de Técnico deportivo en Fútbol Nivel I, titulación  necesaria  para desenvolver a  función de adestrador dun dos deportes con maior  número de practicantes do país: O fútbol. 

Os alumnos do centro foron encargados de orientar, explicar e divulgar  en que consiste  este ciclo,  así como  as saídas profesionais desta formación, ademais de levar a cabo varias actividades demostrando as habilidades, destrezas e  coñecementos adquiridos durante o proceso formativo.  Neste sentido realizaron pequenos retos  de habilidades e destrezas co balón de fútbol, así como circuítos de condución  e situacións de 1x1.  En todas estas actividades os alumnos do ciclo ían dando pautas aos participantes da mostra de como mellorar a súa eficacia na realización das actividades.

 A nivel xeral a experiencia é  moi construtiva, xa  que permite  visualizar  un dos ciclos formativos menos coñecidos da contorna, ademais  de que só existen 3 centros públicos en Galicia que ofertan este tipo de formación.

 

Distribuir contido