Excursión a Roma do alumnado de 4º ESO

O martes 18 o alumnado de 4º ESO iniciou a súa viaxe de fin de curso a Roma. Na foto anterior vémolos coas familias antes de coller o bus que os trasladou a Santiago.

Hoxe, mércores 19, comezarán o percorrido cunha visita panorámica por toda a cidade, da que nos irán informando as profesoras Bea e Tania.

Podedes ver algunhas imaxes: 

 

Esta é a crónica que Bea e Tania veñen de enviarnos:

O primeiro día na cidade de Roma foi intenso e variado. 

A nosa xornada comezou ás nove da mañá cunha guía panorámica na que puidemos gozar das vistas dos monumentos máis significativos da capital italiana, así como múltiples curiosidades: a orixe española de dous emperadores e tres papas, os antollos do emperador Nerón, o aviso ao son dun canón ás doce da mañá de que é hora de descansar ou a nevada de pétalos de rosas brancas que cae todos os 5 de agosto sobre a Igrexa de Santa Maria Maggiore para recordar unha invernal nevada en pleno verán. Neste mesmo destino puidemos visitar o berce de Xesús e a pía bautismal onde se bautizou o noso rei emérito D. Juan Carlos de Borbón.
 
Logo da vista guiada, puidemos coñecer a pé a Bocca della verita, que segundo a lenda come as mans dos mentireiros (afortunadamente nós volvemos coas mans de todos), o Teatro di Marcello, a Piazza del Campidoglio, onde se atopa o concello, Piazza Venezia, a concurrida Fontana di Trevi, Pantheon e Piazza Navona.
 
De camiño, deixámonos agradar por múltiples sorpresas, pois Roma agocha múltiples segredos a cada paso e numerosas xeaderías que puxeron unha nota fresca nunha tarde ben calorosa.
 Agora rematamos o día ceando en Gran Caffe Maggiore e visitando a Piazza dela Repubblica. 
 Mañá máis! 
 
Xoves 20
 
 
 
 
A cidade eterna  non deixa de sorprendernos. Logo de percorrer o primeiro día 21 Km., hoxe comezamos visitando a Basílica de San Clemente. A continuación, achegámonos a unha das igrexas máis queridas polos romanos:a Basílica de Santa María in Ara Coelli onde tivemos que ascender unha escaleira de 124 chanzos para poder divisar o seu sorprendente interior e as vistas da cidade dende a colina. Ninguén quedou indiferente...
 
De novo foron varias as anécdotas que fomos aprendendo nas múltiples paradas de camiño a un dos barrios máis coñecidos de Roma: Trastévere. Puidemos ver a Illa Tiverina, a Casa di Dante, pai da lingua italiana moderna. Pasendo polas bohemias, orixinais e coloridas rúas deste barrio visitamos Sant' Egidio e a Igrexa de Santa Maria della Scala nunha das rúas imprescindibles xunto con Via della Lungaretta. 
 
A continuación, xantamos para repoñer forzas para a visita estrela do día. Os Museos Vaticanos agardaban por nós. Aquí, unha mostra das coleccións de arte máis importantes do mundo sorprendeunos no recorrido das diversas salas que reflicten distintas pegadas históricas tales como a réplica do salón do emperador Nerón, a bañeira da súa esposa onde cabía o leite de cincocentas burras, a escultura con máis réplicas: o Laocoonte e os seus fillos, o Apolo de Bellvedere que ten máis de 2.000 anos, o Patio da Piña onde tamén está a obra contemporánea de Arnaldo Pomodoro (regalada ao Papa con motivo do Mundial de Fútbol de Italia). 
 
Despois de distintas galerías chegamos á auténtica marabilla do Renacemento: a Capilla Sixtina. Esta excepcional creación de gran complexidade iconográfica espertou a curiosidade dos nosos intrépidos e cansos viaxeiros que lle fixeron ao noso guía varias preguntas moi interesantes. A visita rematou na Basílica de San Pedro. Alí empapámonis da grandiosidade desta construción e observamos a Pietá de Miguel Ángel. Xa na praza comprobamos o poder das Matemáticas e a súa importancia na arquitectura. 
 
 
 
Satisfeitos de non ternos perdido entre a multitude, regresamos para a cea que resultou moi amena polas notas de humor e o bo ánimo de todos tras gozar dunha intensa xornada cultural. 
 
 
Venres 21
 
Todos os camiños levan a Roma, pero... ¿se xa estás en Roma? Se xa estás aquí cada camiño ten unha sorpresa que ofrecerche. 
 
Así de curiosos espertamos hoxe. Á primeira hora, ben cediño, dirixímonos á igrexa de San Pietro in Vincole que alberga as cadeas de San Pedro e o Moisés de Miguel Ángel. Por fin, puidemos ver a perfección desta escultura que levou ó propio autor a preguntarlle: "¿Por que non me falas?". E enfurecido golpeouna causándolle algúns danos. 
 
Despois, achegámonos o Coliseo onde iniciamos unha visita guiada ao tamén chamado Anfiteatro Flavio. Este edificio cuxa construción se demorou dez anos só abraiounos. Custabanos imaxinar en directo as batallas de gladiadores nas que tantos participantes así como as loitas contra feras e as batallas navais dos primeiros tempos. Constantino, o primeiro emperador cristián cambio o seu uso... Deixou de ser propaganda do imperio e quedou abandonada, pasou a ser fortaleza, hospital e incluso canteira. De feito, as súas pedras encóntranse en distintos lugares de Roma como a Fontana di Trevi ou a Basílica de San Pedro. Tamén tivemos ocasión de reparar que neste edificio o aforo sería catro veces máis que a poboación de Monforte...  Como vedes, non nos deixou indiferente. 
 
 
Acto seguido, continuamos a nosa visita polos restos arqueolóxicos do Foro Romano onde se atopan múltiples restos de templos. Descubrimos así a Roma máis antiga paseando polas súas rúas e á par os nosos pasos cruzáronse cos dun coñecido chef dos nosos estudantes: Alberto Chicote. 
 
 
Posteriormente, xantamos nas proximidades, visitamos Santʼ Andrea della Valle onde gozamos dun concerto en directo. Proseguimos o noso itinerario paseando por Campo dei Fiori e rematamos a tarde cun paseo polo barrio do Trastévere na que fomos á coñecida Basílica de Santa María in Trastévere. 
 
Antes de cear, tivemos tempo libre para facer agunhas compras e descansar nesta última tarde das nosas "Vacacións en Roma". 
 
 
Sábado 22
 
O noso derradeiro día en Roma comezou cedo e un pouco nubrado. Aínda así, tivemos a ocasión de visitar Santa María degli Angeli e dei Martiri na Piazza della Repubblica, recomendada xa dende o primeiro día polos nosos guías. Pero, distintos imprevistos alleos a nós impedíronnos visitala ata hoxe. Como se adoita dicir... á terceira vai a vencida! Por fin, puidemos ver esta basílica deseñada polo mestre Miguel Ángel sobre as Termas de Diocleciano onde o máis chamativo son as súas pinturas e os retablos traídos dende a Basílica de San Pedro do Vaticano. Así, é unha das máis ricas pinacotecas da que tivemos que saír ás présas, xa que estaba a piques de comezar unha celebración litúrxica.
 
 
Á saída, como non, puxemos rumbo cara á imprescindible Piazza di Espagna, na que se atopan algunhas das tendas máis luxosas da cidade. Neste lugar os nosos viaxeiros aproveitaron para facer algunhas compras e sacar unha foto de grupo para a que xa se colocan moito mellor ca o primeiro día. Son uns expertos modelos!
 
Máis tarde e, tras tempo de lecer ben desexado, voltamos ó noso punto de referencia nestes días, a Piazza de Santa María Maggiore para xantar.
 
A nosa grande experiencia romana remata camiño do aeroporto. Os nosos aventureiros e nós mesmas recoñecemos que o esforzo físico de pasear as rúas de Roma deixa en nós unha pegada cultural imborrable.
 
 
 
- No sé como despedirme, no encuentro palabras. 
- No son necesarias. 
Vacaciones en Roma. William Wyler
 
Foi un pracer viaxar con vós! 
Grazas!