Curso 2018/19

Exposición "Fotoxénica-mente"

O 10 de Outubro de 2018, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, a Asociación Albores Saúde Mental convocou o seu II Certamen de Fotografía “Fotoxénica-Mente”.

O  tema desta convocatoria é: xóvenes e saúde mental.

Este concurso ten como obxectivo provocar unha reflexión na sociedade coa finalidade de atenuar os mitos e estereotipos que impiden que as persoas con enfermidade mental logren a inclusión social plena.

 Coas fotografías gañadoras do concurso proxectouse unha exposición composta polas fotos e textos dos autores, información sobre saúde mental e da Asociación Albores.

 

Durante o 2019 a exposición percorrerá os Centros Educativos da zona Sur de Lugo nos que se imparta a Educación Secundaria e irá acompañada de charlas informativas ós alumnos de 4º da ESO así como de información e asesoramento ó profesorado que o solicite. 

"Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra

 

Os alumnos de 3ºESO participaron (dentro dun dos Plan Proxecta que se levan a cabo no noso centro) na actividade: "Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra" realizada o 25 de abril e guiada por Mar Bóveda (especialista na posta en valor, divulgación e didáctica do patrimonio cultural).

A saída consistiu nun itinerario didáctico ás zoas ribeirás próximas a Monforte, incluíndo o encoro de Belesar e o Museo etnográfico do pazo de Arxeriz, onde aprenderon a importancia de coñecer e conservar o patrimonio cultural da nosa comarca.

Xornada de teatro, en Ourense, con Luces de Bohemia para o alumnado de 4ºESO.

 

Hoxe tiveron a oportunidade de presenciar unha fantástica adaptación do esperpento de Valle-Inclán coa compañía Teatro de repartidor del repartidor de Eyna d 'escola. Con eles puideron acercarse ás luces e sombras da bohemia madrileña e coñecer de primeira man a sátira dun dos principais autores de teatro español

A actividade foi organizada polo Dpto de L. castelá.

Unha alumna do noso centro gaña o Concurso Cartas de amor Vila de Quiroga

Sandra Rodríguez Macía, alumna de 1º Bacharelato, recibiu o sábado 20 de abril o primeiro premio da categoría xuvenil (ata 30 anos) do XVI Concurso de Cartas de Amor Vila de Quiroga, organizado dende a Oficina de Xuventude do Concello. Neste certame participan nas últimas convocatorias persoas dende distintos puntos de España, xa que as obras poden estar escritas en lingua galega ou castelá. A autora recibe co texto galardoado o terceiro recoñecemento durante este curso ás súas dotes literarias en lingua galega, tanto en prosa como en verso. Na emotiva carta premiada a protagonista diríxese á súa nai para agradecerlle o seu apoio e cariño incondicionais.

Visita ó Museo do ferrocarril

O 12 de abril os alumnos de 3º de ESO celebraron o remate da segunda avaliación cunha visita ó Museo do Ferrocarril da cidade. Ademais dun pequeño percorrido en tren, e  dun paseo no minitrén, pudieron ver vagóns restaurados, locomotoras de diversas épocas e coñecer un pouco mellor a historia ferroviaria de Monforte.

A actividade foi organizada por Normalización Lingüística.

Concurso de oratoria, de regueifas e recitado poético

O venres 12 disfrutamos dunhas actividades moi variadas no Salón de actos:

En primeiro lugar, fíxose a final do Concurso de oratoria de 1º ciclo. A proposta goza de grande éxito no centro dende hai varios cursos e está organizada por Normalización Lingüística.

Velaquí algúns deses momentos de imaxinación, improvisación de historias a partir dunha palabra escollida ó azar:

O xurado, composto por 2 profesores e 2 alumnos, decidiu que os gañadores foran:

-Efrén López Zarauza

-Fernando García Fernández

-Gael Mariño González 

En segundo lugar, un grupo de alumnos de 2º ESO puxo en práctica o aprendido no Obradoiro de regueifas no que participara hai meses. Regueifas que tiveron temática diversa e que dirixiron a outros grupos e compañeiros.

Por último, para finalizar, o alumno de 1º ESO Sergio López Rodríguez recitou un poema e as 4 rapazas que participaron o pasado sábado no Concurso poético "Rosalía sempre viva" na Casa-Museo Manuel María (África Cobo, Zeltia Pérez, Sandra Rodríguez e Lucía Rodríguez) deleitáronnos co recitado de diversos poemas de Rosalía de Castro.

 

Grazas pola vosa activa participación nas diversas propostas!

Obra de teatro "Golpes"

O 10 de abril levouse a cabo a representación do espectáculo "Golpes" por parte da compañía de teatro Aantena para o alumnado de 1º e 2º ESO e PMAR.

O espectáculo forma parte do programa "Por 365 días de respecto e igualdade" do Plan Proxecta.

Golpes busca que os espectadores identifiquen os índices sociais de desigualdade latente entre homes e mulleres así como as diferentes formas e caras da violencia de xénero.

Á represemtación acudiron tanto o noso Inspector de educación, Íñigo Barreiro, como a Secretaria Xeral de Igualdade Susana López Abella.

Ao finalizar, tanto eles como o noso Director e a protagonista da obra reflexionaron cos estudiantes sobre a trama e as situacións semellante que acontecen na vida real.

Aquí vos deixamos unhas fotos do acontecido e un enlace para que saibades máis tamén sobre a actriz Estíbaliz Veiga.

 

 

Participación nas Olimpíadas de textos clásicos latinos e gregos

7 alumnas do IES Río Cabe asistiron á V Olimpíada de Tradución de Textos Clásicos Latinos e Gregos celebrada este xoves 4 de abril na facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela. Traduciron textos de Xenofonte, Platón, Eutropio e Fedro, dun nivel e extensión propio dun nivel universitario. A do Río Cabe  foi unha asistencia das máis numerosas,de 1º e 2º de bacharelato, que fixeron bo aquelo de LABOR OMNIA VINCIT (O traballo vence todas as dificultades). Moita sorte a todas.

Viaxe a Francia

Algúns alumnos de 3º ESO, 4º ESO e 1ºBAC emprenderon onte mércores a viaxe de intercambio a Francia. Conxuntamente viaxan con alumnado do  IES A Pinguela.

Hoxe foi o seu primeiro día en Francia. Visitaron Angoulême e fixeron unha pequena parada antes da chegada prevista a Châtellerault (sobre as 17:00h).

E nesta imaxe os vemos hoxe venres no parque de Futuroscope:

 Nestas fotos móstrannos o Château de  Rivau, despois da súa visita pasearon pola cidade de Richeleu. Din que a viaxe está sendo espectacular.

 

 

Hoxe, martes, estiveron na Manufacture de Châtellerault

E en Poitiers:

 

Hoxe mércores 10 xa están de camiño a Paris, despois de despedirse dos seus compañeiros franceses.

 En París visitaron Montmatre e o Museo do Louvre, Place Concorde... como podedes ver neste collage:

 A piques de rematar esta fermosa experiencia... Que mellor maneira de facelo que visitar o mundo máxico de Disney?

 

"Qué puede contarnos la genética forense: CSI Verdades y mentiras. Charla de Victoria Lareu Huidobro

O xoves 28 contamos no Río Cabe cunha invitada excepcional: a Catedrática de Mediciña legal e Directora do Instituto de Ciencias Forenses da USC Victoria Lareu Huidobro.

Cunha charla titulada: Qué puede contarnos la genética forense: “CSI verdades y mentiras” o interese que despertou o tema provocou numerosas cuestións que ó alumnado se lle ían plantexando ó longo dunha amena e moi didáctica exposición.

Desde a súa experiencia como investigadora punteira no ámbito da xenética forense desgranou casos prácticos cos que se enfrentan diariamente ou cos que colaborou o seu equipo interdisciplinar: a análise do ADN leva, por exemplo, á identificación de vítimas tras catástrofes ou atentados, a probas de verificación para resolver delitos ou crimes, polo que a colaboración da ciencia co axuda de novas tecnoloxías é clave para axudar a resolver moitos casos do ámbito xudicial.

Hoxe tivemos unha clase práctica de xenética que foi de grande interese para todos. A actividade foi organizada dende a Biblioteca do centro co obxecto de homenaxear a mulleres extraordinarias, neste caso do ámbito científico.

Distribuir contido