Curso 2018/19

O CS Turismo asistiu ó "I Congreso Iberoamericano Cultura e memoria" e a actividades relacionadas.

O CS de Turismo participou o venres, 30 de novembro, no I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria que tivo lugar no centro cultural O Vello Cárcere de Lugo.



Os diferentes poñentes defenderon o uso cultural e turístico dos cemiterios expoñendo diferentes experiencias de xestión e difusión dos mesmos. A catedrática de historia do arte é directora do Centro de Estudos da cidade, Ana Goy Diz fixo de cicerone na visita guiada ao Cemiterio de San Froilán.


A xornada rematou coa escenificación da obra, Memorias do Alén, a cargo do grupo de teatro Achádego.

Viaxe coa alpinista Chus Lago na charla "Sobre huellas de gigantes"

 

O profesorado do centro e alumnado de 4º de ESO e 1ºBAC presenciou este venres, nun Salón de actos abarrotado, o relato apaixoante que nos regalou a alpinista Chus Lago. Cun silencio sobrecolledor cando se trata de adolescentes, escoitamos asombrados un relato de viaxes impresionantes que ía acompañado de música de fondo e imaxes moi ilustrativas das aventuras vividas por esta exploradora. Coas palabras engaiolantes de Chus viaxamos á Antartida, chegamos  á cima do Everest, paseamos por Laponia, imaxinamos desertos polares...pasamos verdadeiro frío, aprendemos o valor dos retos e tamén puidemos reflexionar sobre a posibilidade de cumplir soños imposibles e o significado da soidade e dos silencios en circunstancias extremas.

Todos quedamos impactados coa valentía desta muller pioneira, que nos anunciou con paixón o seu próximo reto, no que estárá acompañada por outras dúas mulleres coas que percorrerá Siberia.

En Bibliocabe podedes ler máis sobre o tema posto que co "lema Viaxeiras, intrépidas, exploradoras, aventureiras, ...: Mulleres!!", celebrarase o Día da Muller na Biblioteca durante todo o curso, motivo polo que tamén se colaborou coa presenza desta grande pioneira.. 

Agardamos escoitar  de novo a Chus Lago transmitindo tanto entusiasmo. 

Alumnado de 2º ESO asiste en Ourense a unha obra de teatro en francés

O venres 30 de novembro 25 alumnos  de 2ºESO asistiron á representación dunha obra de teatro en francés no salón de actos do Colexio Salesianos de Ourense.

A actividade, organizada polo Departamento de francés, permitiulle ó alumnado escoitar noutra lingua Vingt mille lieues sous les mers, baseada nunha obra de J. Verne.

Mentres, os seus compañeiros do Río Cabe de 4º ESO e 1º BAC asistían tamén no Salón de actos do centro a outra viaxe, neste caso a das experiencias que nos relatou a alpinista Chus Lago.

Visita ó Centro de interpretación de As Burgas e á Exposición "O Ártico rompe"

O departamento de Bioloxía organizou para o día 28 de novembro unha actividade na que os alumnos de 1ºESO viaxaron á cidade de Ourense para visitar o Centro de interpretación de As Burgas, onde puideron contemplar nas diferentes salas a historia das augas termais en Ourense. Remataron paseando polo Bulevar peatonal das Burgas e tiveron un contacto directo coa auga dos mananciais.

A continuación, desprazáronse andando polo centro histórico ata chegar ó Xardín do Posío, onde visitaron na Obra Social La Caixa  a Exposición  "O Ártico rompe".

Foi un percorrido polo Ártico, localización, clima, habitantes, recursos, estado actual e futuro incerto si non modificamos os nosos hábitos. 

A exposición permite, dun modo ameno e sensorial, introducir ó alumnado no ecosistema do Ártico, gravemente ameazado na actualidade.

Alumnado de 2º de bacharelato na I Feira de Innovación USC-ABANCA

O alumnado de 2º de bacharelato tivo a ocasión de asistir o día 27 de novembro á I Feira de Innovación, organizada en Santiago de Compostela pola Universidade USC e a entidade financeira ABANCA; tras as xestións realizadas pola Orientadora do centro, Consuelo Rodríguez Prieto, para poder acudir á mesma e realizar diferentes actividades.

Na Feira participaron máis de 2.000 estudantes, que tiveron a oportunidade de asistir a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías, presentación de spin-offs e patentes xurdidas na Universidade compostelá, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias, entre outras moitas actividades.

A nosa chegada tivemos ocasión de asistir a unha videoconferencia coa actual Conselleira de Educación, Carmen Pomares Tojo. A continuación podedes ver o vídeo da mesma co alumnado do IES Río Cabe expectante:

De seguido percorrimos a feira, degustamos algún tentempie e asistimos a unha conferencia de Jorge Mira sobre o cambio do uso horario e o ilóxico que sería modificalo.

Pola tarde tivemos ocasión de participar nun "taller Lego", para reflexionar sobre as profesións do futuro dun xeito lúdico e divertido. Facendo click na seguinte imaxe podedes ver algunhas das fotografías do día:

Álbum: Extraescolares -> I Feira de Innovación USC-ABANCA

Concerto didáctico "Xogo de pillabáns"

Os alumnos de 1ºESO asistiron o martes 27 no Multiusos ó Concerto didáctico "Xogo de pillabáns", proposta teatral musical baseada nunha obra de M de Cervantes: Rinconete y Cortadillo. Deste modo tiveron a oportunidade de viaxar no tempo ata o século XVII para, transportados coa música, asistir ás andanzas picarescas dos personaxes protagonistas da historia.

 

A obra musical (Juego de ladrones) foi composta por Óscar Navarro e interprétaa a Compañía Zoar Ensemble, formada por un quinteto de músicos que tocan a frauta, o óboe, o clarinete, a trompa e o fagot. 

 

 

 

Grazas á iniciativa da Sociedade Filarmónica de Monforte, os rapaces monfortinos puideron disfrutar dunha viaxe teatral no tempo acompañados pola música como fío condutor da historia.

Celebración de Santa Cecilia. Patroa da música

O día 22 de novembro celébrase Sta Cecilia, patroa da música. No noso centro é habitual dende hai anos que a profesora Eva Dios organice para ese día algunha actividade relacionada coa súa materia. Varios alumnos nos deleitaron no recreo coa súa arte musical. Podedes velo neste vídeo.

Sesións de intelixencia emocional con cabalos

No mes de novembro, parte do alumnado de 2º de ESO participou en tres sesións de intelixencia emocional e coaching con cabalos no El Rincón de Finca El Carmen. Cada día traballaron de forma individual e en equipo todos os aspectos relacionados co desenvolvemento persoal a través dos cabalos, buscando a través da diversión a reflexión sobre a súa relación consigo mesmos e co mundo que lles rodea.

Podedes ver algunha fotografía da actividade no seguinte álbum e no facebook "El Rincón de Finca El Carmen".

Álbum: Escolares -> Coaching con cabalos

O alumnado de 2º de Bacharelato aprende a xestionar as emocións

O alumnado de 2º de Bacharelato asistíu a unha charla do gabinete multidisciplinar de Euforte sobre a xestión emocional. Trátase de darlles estratexias para afrontar o estrés deste curso.

Os alumnos de 4º ESO participaron na actividade do Concello "En negro contra a violencia" . No centro: "Nos teus zapatos nos seus zapatos" foi a proposta da Biblioteca

Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, o Concello de Monforte convocou a actividade: “Monforte en negro”, na que se propón vestir de loito en todo o Concello en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia. 

No marco desa proposta, hoxe, venres 23 de novembro, no Parque dos Condes ás 12:00 convocouse a alumnado de 6º de primaria e 4º de ESO de distintos centros para participar nun acto no que se leu un manifesto e, a continuación, propúxose a formación dunha cadea humana que bordeou o río Cabe de modo simbólico. Proporcionouse material para que todo o alumnado fose vestido de negro en sinal de loito.

Os nosos estudantes de 4º ESO participaron masivamente no acto, que non puido ser levado a cabo na súa totalidade por problemas climatolóxicos. Na seguinte imaxe recollemos algúns momentos da xornada:


E, no centro, co lema "Nos teus zapatos, nos seus zapatos" houbo unha orixinal e impactante chamada de atención preparada pola encargada da  Biblioteca , Flor, e polo profesor do equipo da Biblioteca e de Plástica, Bernardino, cos que colaboraron os alumnos. Poden verse os detalles na páxina de Bibliocabe.

Cando se cruza a porta do IES Río Cabe, ninguén queda indiferente.

 

Distribuir contido