Curso 2017/18

Excursión Final de Etapa a Roma do alumnado de 4º ESO

Dia 4, Sábado 23 de xuño:  Hoxe aproveitamos a mañá para dar un último paseo pola cidade e facer as correspondentes compras de agasallos e recordos da viaxe. Así, paseamos pola via Condotti, plaza de España, via del Corso... Despois trasladámonos ó aeroporto para coller o avión con destino Santiago, onde nos esperaba o autobús que nos levaría de volta a Monforte de Lemos. Unha fermosa viaxe e un recordo inesquecible para o noso alumnado e para nos mesmos.

DIA 3, Venres 22 de xuño: Hoxe despois dun copioso almorzo, comezamos as nosas visitas. Pola mañá estivemos en Campo di Fiori, palacio Farnese e despois paseamos polo popular barrio do Trastevere. Pola tarde, realizamos unha visita guiada ó coliseo e ó Foro Romano. 

DIA 2, Xoves 21 de xuñoNo día de hoxe, pola mañá fixemos un percorrido a pe ata os xardíns de Villa Borghese. Despois visitamos o Castelo de San Angelo e pola tarde visitamos os museos vaticanos e a Capela Sixtina. Un día longo e cansado que rematou cun paseo nocturno para ver a Fontana de Trevi pola noite e disfrutar dun xeado na afamada Giolitti, a mellor xeadería de Roma.

DIA 1, Mércores 20 de xuño: Hoxe, no primeiro día de viaxe o alumnado tivo a oportunidade de coñecer a cidade de Roma percorrendo os lugares de interese nun bus con guía de fala hispana. Á tarde, despois do xantar, seguiron paseando pola cidade na compaña dos seus profes. Así, visitaron  a Fontana de Trevi, o Panteón, o monumento a Vittorio Enmanuelle... Un día longo e cansado, que rematará coa cea e un pequeno paseo cara ao hotel.

O alumnado de 4º ESO está desde o martes 19 ao domingo 24 de xuño na capital de Italia. Nesta entrada da páxina web iremos engadindo a información que envíen os profesores acompañantes: Manuel Sánchez Seco e Consuelo Rodríguez Prieto. Tamén iremos actualizando día a día o albúm de fotografías ao que se accede clickando na última imaxe desta entrada.

Álbum: Extraescolares -> Excursión Roma - 4º ESO

Excursión a Berlín do alumnado de 2º de Bacharelato

Venres 22 de xuño: Para hoxe, último día da viaxe, non tiñamos nada planificado. Finalmente, e logo do acordo de todos, decidimos viaxar a Potsdam, un lugar próximo a Berlín, coñecido polos seus múltiples pazos e lagos, asi como por ser o lugar onde se asinou o Tratado de Potsdam ó final da segunda grande guerra. Tamén se encontra alí a Ponte dos espías, lugar de intercambio de prisioneiros durante a guerra fría. A climatoloxía non acompañou, porque nos choveu case toda a mañá, pero ainda asi pagou a pena. O lugar é incrible! Logo pola tarde fixéronse as últimas compras, e cun certo ton de tristeza por ter rematada esta viaxe tan interesante, xa embarcamos para volver á casa. Foi unha experiencia inesquecible para todos nós. Aufwiedersehen, Berlin!!

Xoves 21 de xuño: Hoxe pola mañán visitamos unha prisión utilizada pola Stassi, a policía estatal da Alemania do leste. Estivo funcionando ata 1990, fundamentalmente para reinsertar ós disidentes do réxime comunista. Hoxe resulta un lugar que estremece ós visitantes. Resultou moi didáctico despois da visita de onte, para comprender que as torturas e humillacións máis refinadas non son patrimonio de ningunha ideoloxía, que calquera sistema totalitario dun signo ou doutro é capaz dos máis repugnantes ataques á integridade das persoas que pensan de modo distinto. A ensinanza que levamos de hoxe: é preciso estar moi atentos para non permitir que estes ataques ós máis elementais dereitos humanos se sigan producindo en calquera lugar do mundo. Despois desta experiencia, e logo de repoñer forzas, visitamos o museo Pergamon, onde puidemos ver as portas de Istar e outras mostras de arte babilónica e grega. Máis tarde fomos contemplar as pinturas que adornan os restos do muro, convertido nun museo de arte urbana. Se puidemos movernos por tantos lugares foi porque hoxe experimentamos a eficiencia dos transportes públicos berlineses, altamente puntuais, rápidos e eficientes. Finalmente ceamos no hotel, cansos pero moi satisfeitos.

Mércores 20 de xuño: Esta mañán fixemos unha visita que nos deixou a todos bastante impresionados: o campo de concentración de Sachsenhausen. O alumnado mostrouse moi respectuoso ante as explicacións completísimas que nos ofeeceu o noso guía. A visita foi longa e intensa. Na viaxe de volta todos permaneciamos silenciosos e como ausentes. Recordar o sufrimento resulta doroso e sobrecolledor, ainda que tamén nos fai tomar conciencia da realidade; coñecer para evitar que se repita. Pola tarde, visitamos o Sony Center, a parte máis moderna en canto á arquitectura, parte do muro divisorio, o monumento ó Holocausto e outros lugares de interese.

Martes 19 de xuño: Iniciamos o día cun percorrido en bus de catro horas por toda a cidade, pasando pola catedral, a porta de Brandemburgo, o monumento ó Holocausto, o Parlamento, o bunker de Hitler, e outros lugares de interese. Logo de repoñer forzas cun Curriwurst berlinés, porque a gastronomía tamén é cultura, visitamos o Neues Museum, para ver o busto de Nefertiti entre outras belezas exipcias. E logo de ver tamén a Sinagoga xudea (queimada durante a noite dos Cristais rotos en 1938) todos acabaron moi cansos. Logo de cear continuaremos.

 

Luns 18 de xuño: Chegamos a Berlín sobre as oito y media da tarde, e logo de cear fomos dar un paseo polos arredores. Ainda que pareza noite pecha, só son as 9 e media da noite, pero anoitece moito antes. Berlín recibiunos con todos os tileiros florecidos (e hai máis dun millón de exemplares), polo que todo arrecende marabillosamente. Logo de comprobar que Berlín segue sendo unha cidade estupenda para camiñar, fomos durmir todos, porque mañán temos un programa intenso!! Berlin, ich liebe dich!!

Cando pasaban uns minutos das oito da mañá de hoxe, luns 18 de xuño de 2018, o alumnado de 2º Bac partía ilusionado cara a Alemania para vivir unha semana de experiencia cultural na Europa central: Berlín, wir kommen!!!

Nos vindeiros días iremos informando sobre a viaxe, a medida que recibamos información das dúas profesoras acompañantes: Luz Díaz Prieto e Anuncia López Méndez.

Festival Música 2018

Para despedir o curso 2017/2018 tivo lugar no salón de actos do IES Río Cabe un festival onde participaron a gran maioría do alumnado da materia de música de 2º, 3º, 4º ESO e 1º BAC. A organizadora e encargada do mesmo foi a profesora desta materia, Eva Dios González. A continuación podedes ver algún anaco dalgunhas das actuacións:

 E facendo click na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería de fotografías da actividade:

Álbum: Escolares -> Festival Música 2018

Acto de graduación do alumnado de 4º de ESO - 2018

O xoves 14 de xuño tivo lugar, no salón de actos, o acto de graduación do alumnado que remata a etapa da ESO no IES Río Cabe. Este humilde acto é a nosa pequena homenaxe aos nosos alumnos e alumnas. Para moitos e moitas delas é unha despedida e outros/as seguirán enchendo os corredores do Río Cabe nunha nova etapa.

A todos queremos desexarvos o mellor.

Facendo click na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería de fotografías do acto:

Alumnado de 1º de ESO nunha granxa de corais

A actividade consistiu na visita á granxa de corais reefwater, unha granxa na que cultivan corais tropicais para acuariofilia. Situada en Viveiro é  única en España. Con esta actividade o alumnado de 1º de ESO tivo a oportunidade de coñecer os corais que forman un dos escosistemas acuáticos máis espectaculares e ameazados dos ecosistemas mariños.

Alumnado de 2º ESO formándose para coñecer os trastornos na conduta alimentaria

O alumnado de 2º ESO asistiu a unha charla sobre prevención de trastornos na conduta alimentaria. A anorexia, a bulimia ou a obesidade foron algúns dos temas a tratar por parte de CIOR Monforte no salón de actos do centro o mércores 6 de xuño de 2018. Esta asociación adica a súa actividade a prever a aparición deste tipo de problemas, detectar a súa existencia e poñerlles solución.

 

Rota de Sendeirismo Uxío Novoneira 2018 - Alumnado de 1º ESO

O alumnado de 1º ESO realizou a rota de Sendeirismo do Poeta Galego Uxío Novoneira o luns 4 de xuño de 2018.
 
A rota parte da aula da Natureza de Moreda no Concello de Folgoso de Caurel e logo de pasar pola aldea de Moreda pasa por diante da casa do Poeta e remata no punto de partida. Son 8 km de ruta por sendeiros e algún tramo de asfalto ó longo do cal @s alumn@s foron lendo os poemas que están situados na rota e observando as distintas plantas presentes no percorrido.

A Actividade foi realizada en colaboración cos Departamentos de Educación física, Normalización Linguística e Bioloxía. Os profesores acompañantes foron Carmen Quiroga, Gonzalo Fernández e Carlos Parada.

Facendo click na imaxe accédese a unha pequena galería de fotos da actividade.

Álbum: Extraescolares -> Rota de senderismo 2018 - 1º ESO

Día das letras galegas

Co gallo do día das letras galegas o alumnado de 1º ESO, na materia de lingua e literatura galega, busca respostas sobre MARÍA VICTORIA MORENO, autora homenaxeada este ano 2018.

 

Concurso de Oratoria Improvisada 2018 - Alumnado de ESO

O mércores 16 de Maio, no Salón de actos do IES Río Cabe celebrouse á final do concurso de oratoria improvisada para os alumn@s de ESO, de forma separada os do 1º ciclo e por outra banda os de 3º e 4º ESO.

Esta é a clasificación final dos 3 primeiros clasificados na categoría de 1º e 2º ESO:

1º.... Isaac García Pérez ------------ 2º ESO A

2º ...Damián Díaz Artilheiro -------- 1ª ESO A

3º... Alba Rodríguez Souto ----------2º ESO B

Esta é a clasificación final dos 3 primeiros clasificados na categoría de 3º e 4º ESO:

1º.... Luís Pérez Wirz ------------ 4º ESO A

2º ...Juán Casas Quiroga ------ 3ª ESO B

 3º... Iván Castro Álvarez --------3º ESO B

A actividade estivo organizada polo equipo de normalización lingüística e o Departamento de Galego do centro.

Álbum: Escolares -> Oratoria 2018 - ESO

Correlingua 2018 na comarca de Monforte de Lemos

O alumnado de 1º ESO do IES Río Cabe participou o día 14 de maio na XVIII Edición do Correlingua celebrado polas rúas de Monforte de Lemos, acompañados dos profesores Gonzalo Fernández Cortiñas, Carlos Parada González e Rubén González Bermejo.

A actividade lúdico-reivindicativa-deportiva en defensa do Galego desenvolveuse nun ambiente festivo e de confraternización entre os diversos centros da comarca de Lemos.

Distribuir contido