Curso 2017/18

Celebramos o 25 de novembro contra a Violencia de Xénero

25 de Novembro, Día Internacional

contra a Violencia de Xénero

Instalación: "O Cubo"

O alumnado de 3º PMAR dirixido polo profesor da materia de Educación Plástica e Visual, Manuel Sánchez Seco, realizou unha instalación na entrada do centro baixo o título de  "O Cubo". O proxecto forma parte das actividades que a biblioteca escolar leva a cabo para visualizar a conmemoración de datas significativas como o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

¿En que consiste a instalación? Colocouse no vestíbulo, zona de paso, un enorme cubo feito de cartón reciclado e pintado de cor violeta. Na parte exterior do cubo aparecen debuxadas as siluetas de tres mulleres ocupando tres das súas caras. Na cuarta, colocouse unha entrada ao interior do cubo. Ao redor das siluetas pegáronse copias de portadas de libros, películas e anuncios publicitarios que proxectan unha imaxe da muller como obxecto e unha falsa idea das relacións afectivas. No interior do cubo, pintado de negro, o visitante atópase cunha realidade ben distinta, pois nas súas paredes aparecen as pegadas da violencia de xénero reflectidas na prensa diaria. Pasamos dunha visión idealista e falsa da muller e do amor no exterior, a unha visión realista e cruenta  da muller e das relacións amorosas.

Trátase de empatizar coas vítimas da violencia de xénero, poñéndonos no seu lugar por uns instantes.

Álbum: Escolares -> Violencia de xénero 2017

Teatro en francés para o alumnado de 2º de ESO

Hoxe, mércores, 29 de novembro de 2017, o alumnado de francés de 2º de ESO asistiu a unha obra de teatro en francés, no salón de actos do Colexio Salesianos de Ourense, Le tour du monde en 80 jours.

Ao rematar a función visitaron á exposición Voando o pasado. Fotografía aérea e Arqueoloxía en Galicia na sala de Exposicións Afundación Ourense, documentos excepcionais, imaxes a vista de páxaro que nos permiten recuperar unha parte da memoria arqueolóxica galega.

Álbum: Extraescolares -> Teatro Francés 2017

Conferencia sobre o ozono ao alumnado de 4º ESO e 1º BAC

O alumnado de 4º de ESO e 1º de BAC participou no día de hoxe, mércores 29 de novembro, no salón de actos do centro  nunha actividade proposta por Ignacio Ramírez, estudante de doutorado no EPhysLab da Universidade de Vigo (Departamento de Física Aplicada da Universidade) e que actualmente traballa na recuperación e validación de medidas de ozono troposférico.

Esta actividade desenvólvese coa axuda do Consello Social da Universidade de Vigo e coa colaboración da Real Academia Galega de Ciencias, xa que este ano adícase a BALTASAR MERINO o día da Ciencia en Galicia 2017.

De feito, o primeiro que poidemos ver na conferencia foi o seguinte vídeo sobre Baltasar Merino Román e na segunda parte Ignacio Ramírez explicounos o método Schönbein para medir o nivel de ozono presente no ambiente.

Álbum: Escolares -> Conferencia sobre o ozono

Obradoiro CONTAMOS TODAS

O alumnado de 4º de ESO disfrutou hoxe, 27 de novembro, na Casa da Cultura cos contos sobre mulleres de Tropa de Trapo, nunha actividade organizada polo Centro de Información á Muller do Concello de Monforte de Lemos.

A actividade consistiu nun obradoiro participativo titulado "Contamos todas", que combina as historias contadas, con música en directo, centrándose na desigualdade e na violencia de xénero e relantando contos que son exemplos de vida de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións: historias para pensar, exemplos de empoderamiento, rebeldía, equidade e superación.

 

Santa Cecilia 2017

O 22 de Novembro é o Día Internacional do músico, data que recorda a Santa Cecilia, a súa patroa ademais de mártir do cristianismo. Nesta data réndeselle homenaxe aos máis grandes xenios da música e a quen dedican a súa vida a esta arte. O alumnado músico do IES Río Cabe tamén quixo manifestarse interpretando distintas pezas musicais con instrumentos como o piano, violines, frauta, e como non coa voz. Agradecemos a todos a súa participación e desexámoslles que sigan gozando desta arte.

Facendo click na seguinte imaxe accédese á galería fotográfica desta actividade:

Álbum: Escolares -> Santa Cecilia 2017

Magosto 2017

Celebramos o magosto no IES Río Cabe o martes 14 de novembro no tempo de lecer na entrada do centro. Alumnado e profesorado cantaron unha peza traicional do repertorio galego con estrofas compostas por todos nos, tocamos instrumentos tradicionais galegos e aproveitamos para comer castañas e bolos preñaos mentres tanto.

Fai clic na imaxe para ver as fotos, e nos arquivos adxuntos a esta entrada pódense descargar as coplas elaboradas polo alumnado:

 

 Álbum: Curso 2017-2018 -> Magosto

Actuación de "Caspervek Trío"

Caspervek Trío ten a súa orixe no seno do Conservatorio Superior de Música de Vigo, cando no ano 2013 Brais González e Blas Casstañer xúntanse para musicalizar en directo o clásico de Murnau, "Nosferatu".

Hoxe en día este o trío, que tivemos ocasión de ver e escoitar no IES Río Cabe, está formado por Brais González, músico vigués que destaca como pianista e compositor, Blas Castañer, nado en Valencia e músico especializado na familia de percusión, e Raquel Fernández, reputada violinista.

Desde os seus inicios, este trío dedícase a compoñer bandas sonoras para películas de cine mudo, acompañando en directo proxeccións do expresionismo alemán, os cómicos norteamericanos do inicio do cine ou os grandes maestros rusos.

Caspervek é unha agrupación de proxección internacional que ten realizado xa cinco xiras europeas e tocado en importantes escenarios da cultura do noso continente ao longo de países como Estonia, Letonia, Hungría, Holanda...

Por outra banda, realizan tamén unha importante labor didáctica e pedagóxica, achegando o patrimonio cinematográfico aos máis pequenos. Exemplo disto son os ciclos realizados no Museo de Arte Contemporáneo de A Coruña ou o Festival Primavera de Cine de Vigo.

Hoxe no IES Río Cabe continuaron coa súa labor pedagóxica ensinándonos a todos o seu traballo, o cal agradecémoslle enormemente.

Por último, salientar que no día de hoxe, martes 31 de outubro, ás 20:15 horas pódese disfrutar do seu traballo na Casa da Cultura do Concello de Monforte de Lemos, coa proxección do filme "O maquinista da general" de Buster Keaton e a súa música en directo.

 

Visita á "Casa Dos Muros"

O día 9 de outubro, os alumnos/as que o ano pasado formaban o grupo de 3º B de ESO, (hoxe repartidos en 4º A e 4º B) gañadores da segunda edición do  Concurso "Coida a túa aula" recibiron por fin o seu merecido premio. A recompensa consistiu en acudir acompañados dos profesores Eva Dios González e Manuel Sánchez Seco á "Casa dos Muros", casa rural situada en Paderne no Concello de Pantón para participar nunha actividade de Escape, "A Búsqueda". Os dezaoito participantes, incluída a profe Eva Dios, foron divididos polos organizadores en tres grupos de seis. Nun prazo dunha hora cada grupo tivo que resolver o enigma proposto e atopar o Santo Grial, unha proba de audacia, un reto, unha experiencia valiosa onde o traballo en equipo e a cooperación entre compañeiros son a clave do éxito. Os alumnos/as e alumnas puideron disfrutar tamén de pequenas rotas de sendeirismo polas inmediacións da casa contemplando as incribles cores que tinxen a paisaxe nesta época do ano. Unha xornada que seguro fixo as ledicias deste grupo de nenos e nenas e tamén dos seus profesores acompañantes.

Visita ao Centro de Formación Agraria do alumnado de 4º ESO

O dia 3 de outubro, o alumnado de 4ª da ESO realizou unha andaina até o Centro de Formación e Experimentación Agrícola de Monforte, para coñecer a historia do centro, as suas instalacións, cursos e proxectos. Tamén os bancos de xermoplasma das castes de vides e froiteiras do país. Agradecidos ao profesorado do CFEA coa sua atención e satisfeitos polo paseo, agardamos voltar outro ano.

Facendo click na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería de fotografías da actividade:

Distribuir contido