Actuación de "Caspervek Trío"

Caspervek Trío ten a súa orixe no seno do Conservatorio Superior de Música de Vigo, cando no ano 2013 Brais González e Blas Casstañer xúntanse para musicalizar en directo o clásico de Murnau, "Nosferatu".

Hoxe en día este o trío, que tivemos ocasión de ver e escoitar no IES Río Cabe, está formado por Brais González, músico vigués que destaca como pianista e compositor, Blas Castañer, nado en Valencia e músico especializado na familia de percusión, e Raquel Fernández, reputada violinista.

Desde os seus inicios, este trío dedícase a compoñer bandas sonoras para películas de cine mudo, acompañando en directo proxeccións do expresionismo alemán, os cómicos norteamericanos do inicio do cine ou os grandes maestros rusos.

Caspervek é unha agrupación de proxección internacional que ten realizado xa cinco xiras europeas e tocado en importantes escenarios da cultura do noso continente ao longo de países como Estonia, Letonia, Hungría, Holanda...

Por outra banda, realizan tamén unha importante labor didáctica e pedagóxica, achegando o patrimonio cinematográfico aos máis pequenos. Exemplo disto son os ciclos realizados no Museo de Arte Contemporáneo de A Coruña ou o Festival Primavera de Cine de Vigo.

Hoxe no IES Río Cabe continuaron coa súa labor pedagóxica ensinándonos a todos o seu traballo, o cal agradecémoslle enormemente.

Por último, salientar que no día de hoxe, martes 31 de outubro, ás 20:15 horas pódese disfrutar do seu traballo na Casa da Cultura do Concello de Monforte de Lemos, coa proxección do filme "O maquinista da general" de Buster Keaton e a súa música en directo.