Curso 2017/18

Alumnado de 4ºA de ESO na Escola de Hostelería de Rosende

O alumnado de 4ºA da ESO acudiu na mañá do venres 11 de maio á Escola de Hostalería de Rosende. Logo de seren recibidos pola directora do centro foron informados acerca dos ciclos formativos que se imparten na Escola: de cociña, de sala e vitivinícola. A continuación realizaron unha cata de olores. Despois de tomar café e bica pasaron a realizar talleres de elaboración de cócteles e de café.

E chegou o momento en que o chef elaborou o prato de hoxe: samosas de paté de bonito e grelos con guacamole. Todos os alumnos intentaron imitar o prato, tanto no sabor como na presentación, onde cada un deixou voar a imaxinación e a creatividade. Finalmente, o xurado, logo de valorar tanto o sabor como o empratado e a soltura nas cociñas, decidiu que o gañador era Mario Martínez, que rexibiu un vale para dúas persoas para un circuito termal no balneario de Augasantas, ademáis da posibilidade de acudir á final.

Todos eles foron obsequiados ademáis cunha selección de conservas. E logo de tomar un aperitivo de empanada de polvo, croquetas de grelos e pizza elaborado polos alumnos da Escola volvimos a Monforte encantados coa experiencia.

Visita á Fundación TIC 2018

O alumnado de 4º de ESO visitou, o mércores 9 de maio, as instalacións da Fundación TIC en Lugo, onde puideron achegarse ao mundo da produción e realización audiovisual, visitar platós reais e ver os centros de control da imaxe e do son. Eles puideron facer unha pequena práctica, xa que exerceron de presentadores, entrevistadores e enviados especiais dun pequeno informativo.

Foron acompañados polos seus profesores do Departamento de Tecnoloxía, Fe Tellado Castro e Iván Capón Caloto.

A continuación podedes ver o vídeo co "ticodiario" realizado polo alumnado e algunhas fotos da actividade:

Álbum: Extraescolares -> Fundación TIC 2018 - 4 ESO

Proxecto Terra 2018: Viaxe a Ferrol do alumnado de 3º ESO

Dentro das actividades do Plan Proxecta e do Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o alumnado de 3º da ESO do centro realizou o martes 8 de maio e o mércores 9 unha viaxe de estudos a Ferrol e ás Fragas do Eume.

O martes 8 de maio participaron nunha actividade organizada pola aula de Ecoloxía Urbana de Ferrol e visitaron a Exposición Nacional da Construción Naval. Despois do mediodía, no peirao de Curuxeiras, tomamos o barco "Rias Altas Dous" que levounos ao largo do estuario nun paseo que chegou ata a Ponte da Pías e dando a volta atracamos na vila de Mugardos. Desde alí partimos de novo para visitar o Castelo de San Felipe, para regresar de novo a porto e visitar os barrios de Ferrol Vello e a Magdalena, para coñecer a súa arquitectura.

O mércores 9 de maio, despois de levantarnos no albergue de ecoturismo Alvarella saímos para visitar ás Fragas do Eume. A primeira parada foi no Museo Etnográfico de A Capela, que recrea unha casa de aldea tradicional da zona de fai uns 100 anos. Seguidamente empezamos a camiñata pola fraga, parando a xantar nas cercanías do mosteiro de Caaveiro, onde Sira, a guía que nos acompañou polas Fragas, explicounos a súa historia. Foi fermoso o percorrido entre as dúas pontes colgantes que tivemos que atravesar, e quedamos abraiados coas vistas desta fraga que constitúe unha das mellores mostras do bosque atlántico costeiro de Europa e que está protexida como parque natural.

Álbum: Extraescolares -> ProxectoTerra 2018: Ferrol 3º ESO

RESOANDO NO PASADO, ABRAHAM CUPEIRO

O día 4 de Maio, venres, os alumnos de 2º de ESO acudiron ao Concerto Pedagóxico “Resoando no pasado”, realizado por Abraham Cupeiro.
 
 
Este artista é un compositor e intérprete do mundo clásico, tanto dentro das nosas fronteiras como a nivel internacional. Abraham é un músico versátil, cunha ampla formación e capaz de interpretar melodías de distintas épocas con instrumentos antigos.
 
 
E nisto consistiu o seu concerto, na interpretación de distintas pezas con instrumentos de vento de distintas culturas e de tempos remotos: desde unha frauta de óso ata un "Cornu" construído sobre uns planos dun exemplar achado en Pompeya e cuxa sonoridade é sorprendente.

Final da competición Young Business Talents 2017/2018 en Madrid

Dous equipos de alumnado de 1ºB Bac. acudiron este fin de semana a Madrid para participar na final nacional de “Young Business Talents”.

O equipo ANGEOLI, formado polos alumnos Georgi Todorov Stoyanov, Andrea Ziye Pérez López e Lidia-María Alonso Maciel, quedaron no trixésimo posto entre os 100 finalistas e terceiros dentro da simulación na que competían, gañando a mesma o equipo VIGONOMICS do “IES San Tomé de Freixeiro” de Vigo.

Por outra banda, o equipo COSMICS, formado polas alumnas Lucía Rodríguez Vázquez, Lidia Patricia de Sousa Duarte e Nicolás López Argiz, remataron a competición no octavo posto entre os 100 finalistas e quedaron no segundo posto dentro da simulación na que competían, gañando a mesma o equipo NIIVEA do “IES San Tomé de Freixeiro” de Vigo.

Young Business Talents é un torneo no que máis de 10.000 estudantes de ESO, bacharelato e formación profesional (organizados en 2.936 equipos) dirixiron as súas propias empresas a través de Internet e tentaron conseguir converterse na empresa que acumulase un maior beneficio ao longo do tempo. Para iso utilizaron un avanzado simulador de terceira xeración proporcionado pola empresa PRAXIS MMT.

Ademais, os alumnos tiveron tempo para coñecer os lugares máis emblemáticos da capital de España durante os dous días que estiveron en Madrid.

Día Internacional da Danza 2018

Con motivo do Día Internacional da Danza, celebrado o 29 de abril, os alumnos de 4º de ESO e 1º de BAC participaron hoxe nunha clase maxistral de danza creativa levada a cabo por PATRICIA VARELA DÍAZ, licenciada en danza pola Escola Superior de Danza de Lisboa e SARA FONDEVILA, profesora de danza e acrobacia na escola de baile TICS de Ourense, fundada por Patricia Varela. Os alumnos do Río Cabe puideron experimentar hoxe co seu corpo e aprender que a danza non só é un recurso para divertirse e expresarse senón tamén unha ferramenta fundamental para mellorar a saúde física e psicolóxica dos que a practican. Parabén aos alumnos/as pola súa implicación e os seus resultados. Aquí déixovos unha mostra!

Alumnado de 4ºB de ESO na Escola de Hostelería de Rosende

O venres 27 de abril o alumnado de 4B da ESO realizou unha visita á Escola de Hostelería de Rosende. Primeiro foron informados acerca das ensinanzas que se imparten alí, para pasar a continuación a recibir unha clase sobre recoñecemento de aromas. Puideron experimentar con aromas de base frutal, floral e animal. Logo dun almorzo acompañado de bica pasaron a recibir clases de elaboración de café e cócteles variados. Máis tarde, e logo de ver en acción ó chef, intentaron imitalo exactamente para elaborar un prato, "ostras con ajoblanco". Un por un foron cociñando o seu prato, e logo un xurado formado por 4 membros puntuou tanto a destreza e a limpeza como o sabor, textura e emplatado do seu traballo. A gañadora final foi Sandra Rodríguez, que participará na final. E logo de degustar un aperitivo volveron ó centro encantados coa experiencia.

Álbum: Escolares -> Escola Hostelería Rosende - 4B ESO

Alumnado da materia de relixión en Astorga

O día 26 de abril alumnado da materia de relixión, de terceiro e cuarto da ESO, foron a Astorga de excursión. Alí, en primeiro lugar visitaron a catedral e o seu museo. Despois acudiron ao Palacio episcopal de Gaudí. Antes de comer trasladáronse ao Museo Romano, onde escoitaron as explicacións da guía e viron un vídeo.

Despois do xantar un pouco de relax e visita turística a cidade. Ás 16:30 entraron ao museo do chocolate, onde unha vez rematada a visita probamos tres tipos de chocolate. Regresaron a Monforte tras un día didáctico e ameno.

Álbum: Extraescolares -> Astorga 2018: 3º e 4º ESO

O IES Río Cabe na Olimpíada de Matemáticas 2018

Dous alumnos do IES Río Cabe participaron o xoves 26 de Abril de 2017 na fase de zona da Olimpíada Matemática Galega que se celebrou na localidade de Lugo para o alumnado de 2º de ESO.
 
Nestas dúas fotografías aparecen na esquerda Denís Díaz Otero e a dereita Saúl Fajardo Iglesias; os 2 alumnos do IES Río Cabe que nos representan nesta competición.
 
 
 
A Olimpíada de Matemáticas é un concurso que se realiza co fin de promover a ensinanza e aprendizaxe das Matemáticas a través da resolución de problemas, dirixido ao alumnado de 2º de ESO, e organizado por AGAPEMA (Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática). Esta é a 20ª edición e a proba, nesta fase, consiste en resolver de forma individual cinco problemas, primando na valoración dos mesmos o método de resolución empregado ou a súa orixinalidade, por enriba da mera solución.
 
Nesta fase seleccionaranse aos 40 mellores participantes, que acudirán no mes de maio á fase final galega da Olimpíada de Matemáticas para alumnado de 2º de ESO.
 
Os dous alumnos asistiron a Lugo acompañados da súa profesora de Matemáticas, Trinidad Álvarez González.

Día da Educación Física na rúa 2018

25 de abril, mércores, Día da Educación Física na Rúa


O alumnado de 4º de ESO e de 1º de BAC, estivo na Praza de España para dar a coñecer algunhas das actividades que fan nas súas clases de Educación Física.

Deleitaron a todo o mundo que pasaba pola rúa con exhibicións de acrosport, coreografías, xogos populares, bailes tradicionais e incluso fixeron demostracións da súa pericia nas técnicas de reanimación cardio-pulmonar.

Álbum: Escolares -> Educación Física na rúa 2018
Distribuir contido