Skip to Content

Proxectoterra

Proxectoterra

Os alumnos e alumnas do Instituto Praia Barraña veñen participando desde o ano 2009 Proxectoterra, unha iniciativa promovida polo Colexio oficial de arquitectos de Galicia (COAG) que dá a coñecer ao alumnado o valioso patrimonio ambiental e cultural galego e conciénciao da necesidade de coidalo e protexelo para asegurar que poidan disfrutalo tanto as xeracións actuais como as futuras. A participación no programa implica o traballo cunha unidade didáctica, a realización dun traballo de investigación sobre a contorna e un intercambio territorial de dous días a diferentes puntos da xeografía galega e portuguesa.

Se queredes saber máis sobre o Proxectoterra, preme aquí.

Andaina e visita guiada pola paisaxe cultural d'A Abrañeira

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO realizaron unha ruta pola paisaxe cultural d'A Abrañeira, no municipio de Boiro, para poñer o ramo ao traballo de investigación sobre paisaxes culturais sustentables que realizaron durante este curso na materia de Xeografía e Historia no marco da III Semana Temática do centro e do Proxecto Terra

Esta ruta foi seleccionada polos propios alumnos e alumnas entre un total de catorce interesantísimas propostas dentro da comarca preparadas en grupos polo alumnado. 

A andaina foi agarimosamente guiada polos autores da ruta, Jorge Hermo, Sabela Martínez, Pablo Piñeiro e Antía Ramallo, que compartiron con compañeiros e profesoras os lugares que tanto eles como os habitantes da zona máis valoran.

O día estivo cheo de aventuras. Á mañá vimos aldeas, muíños, hórreos, cruceiros, carballeiras e labradíos; paseamos por corredoiras e camiños de pedra unidos por fermosos pasares a través do río Coroño; fomos recibidos pola Señora Magdalena na súa casa; e tivemos a compañía do can Bora, a vaca Xovenca, trece ovellas sen nome e un poldro rebuldeiro.

A tarde transcorreu no Campo de Ordenario, onde, tras xantar, realizamos varias actividades axudados pola Asociación de Malladores da Abrañeira que nos adicou xenerosamente o seu tempo: Primeiro, divertímonos con diferentes xogos tradicionais, como a chave, o pano, a pita cega ou os zancos; mais tarde, disfrutamos dunha demostración da malla e aprendemos a usar os manlles; e para rematar a xornada, fixemos unha foliada con gaitas e cantigas tradicionais. 

 

A volta ao instituto refrescámola cun baño no río Coroño que nos axudou a aturar a temperatura case que estival, e comezamos xa a cavilar en novas rutas para o vindeiro curso. 

 

 

Boiro sustentable

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO realizaron un traballo consistente na realización dunha breve reportaxe sobre algún aspecto da Xeografía (tanto física como humana) a través dunha fotografía e o comentario desta nun máximo de 120 palabras. Este ano, eliximos como tema a sustentabilidade, dentro do marco da III semana temática do centro e do ProxectoTerra. Aquí podedes ver algunha das mini-reportaxes realizadas:

 

Invasión da costa

Esta montaxe fotográfica, titulada A invasión da costa, amosa como se está a pavimentar na contorna da praia de Raposiños na Pobra do Caramiñal (A Coruña).

A contorna marítima volta a ser sacrificada a prol da industria,sen ter en conta o medioambiente. A zona xa fora impactada con anterioridade pola construción dunha fábrica conserveira en primeira liña de praia que estivo vertendo os seus refugallos ao mar. O cemento e os seres humanos continúan a lle gañar terreo á natureza (Pablo Piñeiro Insua, de 3º B).

A paisaxe do tempo

Esta fotografía, titulada A paisaxe do tempo, foi sacada dende o club náutico de Boiro localizado en Cabo de Cruz. Nun primeiro plano vense os fermosos veleiros e embarcacións de lecer flotando nun mar calmo. Ao fondo vese a historia, a historia e mais o motor do pobo: as embarcacións de madeira ou poliéster de todo tipo de cores pertencentes ás familias da zona que buscan o pan en augas ás veces non tan tranquilas como estas.

Con esta fotografía pódese ollar atrás e ver as mudanzas e transformacións ao longo do tempo, que non debemos esquecer (Pablo Gómez Sánchez, de 3º A). 

Nesta fotografía titulada A ponte que rompe o monte, obsérvase unha ponte na ría de Cespón. Esta ponte aforra moitos kilómetros aos condutores que circulan por ela, o que repercute na axilización do transporte e na mellora da calidade de vida do ser humano; porén, tamén ten consecuencias negativas sobre o medioambiente, xa que parte da estrutura invade a ría e altera a orografía do monte.

Isto debería facernos reflexionar sobre a necesidade de establecer un equilibrio entre os beneficios do desenvolvemento humano e a conservación do medio ambiente, cuxa deterioración trae consecuencias negativas para o hábitat do ser humano (Sandra Martínez Liste, de 3º B). 

 

Esta fotografía titulada Nostalxia do pasado, amosa nun primeiro plano a deterioración e abandono do peirao e o barco, como elementos tradicionais, e ao fondo a autovía do Barbanza, que simboliza o progreso. Este progreso produce unha deterioación da paisaxe e rompe a tranquilidade co intenso ruído.

Esta fotografía transmite nostalxia pola tranquilidade e vitalidade que tiña este lugar no pasado fronte ao abandono e contaminación acústica do presente (Jorge Piñeiro Bermúdez, de 3º B)

 

Esta fotografía recibe o título Un espertar galego e foi tomada a unha mañá de novembro no porto de Vilanova de Arousa. Os principais protagonistas desta imaxe son, o sol, o mar e o ceo. O sol deixa un leve reflexo no mar e xunto coas poucas nubes que se poden apreciar forma un efecto claro na parte baixa do ceo. Ao fondo da imaxe podemos apreciar unhas montañas rodeando a zona. 

A razón pola cal decidín tomar esta fotografía foi porque ás veces a beleza está nas cousas sinxelas coma un simple mencer (Sara Romero Pérez, de 3º B).

 

Esta fotografía titúlase As costas do mundo. O título é unha metáfora que se refire ao cantil coma se fose a fin do mundo. A fotografía foi tomada na illa de Madeira (Portugal).

Ao fondo, arriba do cantil, divísanse unhas casas. O cantil está cuberto de diferentes plantas. Agochada entre estas plantas, pódese apreciar unha pequena fervenza que desemboca no mar. Ao pé do cantil, atópanse sedimentos de rocha producidos pola erosión do mar.

Esta paisaxe conserva moi ben as características medioambientais naturais (Sabela Martínez Tomé e Laura Pérez López, de 3º B).

 

Nesta fotografía, titulada Nova pesca ecolóxica, tomada na desembocadura do río Douro en Porto, podemos observar o contraste entre as construcións do ser humano e a natureza.

Estes dous faros con candansúa plataforma serven para avisar aos barcos de onde está a desembocadura do río; mais impide o paso dos peixes, atrapándoos entre as dúas xigantescas plaformas. Amais diso, impide a chegada de nutrientes das augas mariñas para o río, o que provoca a morte da vexetación acuáticas e o aumento da contaminación das augas. A existencia destas dúas plataformas facilita a pesca durante o solpor e a noite, xa que adoita haber moreas de peixes atrapados no oco que separa os dous faros (Catarina Susana da Silva Lopes, de 3º B). 

 

Contaminación no monte

Esta fotografía titúlase A industria da televisión busca mercado nos bosques,

A contaminación do bosque é sen dúbida un grave problema da sociedade actual. Canto máis avanza a chanada civilización máis residuos producimos e á hora de desfacernos deles, os bosques e camiños parecen a opción máis cómoda e rápida. O alarmante é que non nos deamos conta do dano que provocan estes residuos, xa sexa o envoltorio dun caramelo ou unha televisión como a que vemos na imaxe.

Os animais poden inxerilos, magoarse e, ademais, algúns residuos conteñen tóxicos que se infiltran no terreo e que poden chegar a contaminar augas subterráneas, por non mencionar que afean a paisaxe.

Esta fotografía está tomada en Triñanes, pero en toda Galicia pdemos observar situacións parecidas (María Jacobs Sánchez, de 3º B). 

Edificio

Este edificio que se amosa na fotografía titulada O edificio sen futuro, é un tanto peculariar pois está a medio edificar por mor da actual quebra do sector da construción. 

O estado inacabado do edificio afecta negativamente tanto aos traballadores, que quedan sen traballo, como aos veciños e veciñas da zona, pois o edificio produce un forte impacto visual e é colonia de pragas de ratas e outros animais que poden transmitir doenzas (Juan López Villar, de 3º A). 

Esta fotografía de Praia Barraña, titulada Pegada ecolóxica nas nosas praias, amosa o lixo que se atopa acotío nas nosas praias, ben porque este é botado nelas directamente, ben porque é traído desde outros lugares polas correntes mariñas.

Esta contaminación é moi negativa tanto para os seres humanos como para os animais. En moitas ocasións atópanse paxaros mariños cos seus estómagos ateigados de plásticos tirados ao mar e ás praias polas persoas.

Para evitar isto, cómpre lembrar tirar sempre o lixo nos colectores e reducir o consumo de produtos non biodegradables. Tamén cómpre diferenciar o lixo das algas ou outras plantas mariñas que contribúen á conservación da costa e a area. A eliminación destas algas e plantas para ofrecer praias máis atractivas aos turistas ten un forte impacto ecolóxico (Laura Rodríguez López e Nerea Silva Dieste, de 3º A).

Abrañeira

A Abañeira é un conxunto de aldeas de Boiro. Está constituída por Teaño, Runs, Coroño, Bermo e A Feosa. Aos habitantes destas aldeas púxoselles o alcume d'os do sacho. Titulamos esta fotografía Direccións a ningures porque a Abrañeira se está a despoboar por mor da escasa rendibilidade da economía agraria, producindo a perda dun xeito de vida e a degradación do medio ambiente. Esta degradación obsérvase, por exemplo, na presencia de eucaliptos introducidos desde Australia que leva á redución da presenza do bosque autóctono galego.

A mellor medida para conservar este patrimonio é facilitar que as novas xeracións poidan vivir no campo, para que así continúen transmitindo os coñecementos ás xeracións vindeiras e mantendo vivo o lugar. Para isto deberíase posibiltar a vida rural como unha alternativa viable á urbana (Jorge Hermo Gonzále, Sabela Martínez Tomé, Pablo Piñeiro Insua e Antía Ramallo Blanco, de 3º B).

 

 pasos

Os pasares do río Coroño en Teaño, documentados na fotografía Pasos a outros mundos, son pedras colocadas para poder cruzar o río e poder acceder ás leiras sen ter que rodear o río. Lévanse utilizando moitos anos porque son moi prácticas.

A mellor medida para conservar esta estrutura é usala para evitar que sexa destruída e recompoñela en caso de que se vexa afectada ou destruída. Para que esta estrutura siga en uso cómpre que o modo de vida agrícola e a relación do ser humano co medio non se perda (Jorge Hermo González, Sabela Martínez Tomé, Pablo Piñeiro Insua e Antía Ramallo Blanco, de 3º B).

 

Proxecto Terra 2014-2015: Descubrindo a Galicia oriental

Os alumnos e alumnas de Ciencias Sociais e Ámbito Sociolingüístico de 3º e 4º de ESO participamos por sexto ano consecutivo no ProxectoTerra.

Logo de termos traballado durante o curso no proxecto de investigación Tradicións e costumes nos barrios e parroquias de Boiro, integrado na II semana temática do centro, gozamos de dous días cheos de aventura e diversión na Serra do Courel e a Ribeira Sacra. 

O primeiro día visitamos o museo xeolóxico e o museo etnográfico de Quiroga, fomos ver unha ferrería tradicional, percorremos a paisaxe kárstica do val das mouras escapando ao feitizo das meigas sen quedarmos convertidos en árbores, bañámonos nun recuncho do río Lor e admiramos o sinclinal de Campodola, embigo do mundo hai 350 millóns de anos. 

O segundo día visitamos unha albariza tradicional, vimos sobreiras de máis de 900 anos e un fuxidío corzo entre a vexetación; divertímonos na festa da cereixa e do aceite, e relaxámonos vogando polo canón do río Sil, cinguidos polo verdor do bosque caducifolio e das viñas que desde a Idade Media foron plantadas en socalcos nas impresionantes abas graníticas do barranco.

Proxecto Terra 2014-2015

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO están a participar por sexto curso consecutivo no ProxectoTerra. 

O tema de investigación elixido este curso foi Costumes e tradicións nos barrios e parroquias a través da historia oral. Esta actividade foi desenvolvida nas materias de Ciencias Sociais, Lingua Galega e Ámbito-sociolingüístico e integrouse dentro do proxecto interdisciplinar da biblioteca do centro titulado Costumes e tradicións. Os resultados do traballo foron amosados ao resto da comunidade educativa do centro nunha exposición con motivo da I Semana temática do centro, dedicada aos costumes e tradicións.

Dentro do proxecto de investigación realizouse un estudo temporal (ao longo de catro xeracións) e espacial (en relación ás diferentes parroquias de Boiro) mediante a recollida de testemuñas orais, sobre diferentes costumes, tradicións e prácticas sociais no municipio: as celebracións e o lecer, o ensino, lendas e ditos, o noivado, os medios de comunicación, a vestimenta, a agricultura, e os antropónimos. Os resultados desta investigación foron expostas na biblioteca do centro en tres seccións: Voces e nomes, Historia no Faiado e Remuda de nomes. 

Remuda de nomes: A recollida de antropónimos das catro xeracións, posibilitou un estudo de evolución temporal dos nomes de homes e mulleres ao longo do tempo. Con estes nomes realizouse un eixe cronolóxico no que se podía observar unha diferenza xeracional cracterizada pola existencia maioritaria de nomes compostos e en castelán nas xeracións máis antigas, e nomes simples e curtos nas xeracións máis recentes, con aumento dos antropónimos galegos e estranxeiros. Observamos que da mostra analizada os únicos nomes que se conservan ao longo das catro xeracións son os de José e Manuel para os homes e María para as mulleres. Os visitantes da exposición deixaron tamén os seus nomes e os dos seus familiares. 

 

Historia no faiado: Nesta actividade fixemos unha recollida de obxectos que ilustrasen os temas investigados mediante as entrevistas orais. Na exposición cobraron vida de novo moreas de obxectos que estaban esquecidos en faiados, alpendres e galiñeiros, con cadansúa historia particular nun marco histórico global. 

 

 

Voces e nomes: Démoslle este título á exposición audiovisual das diferentes entrevistas realizadas a persoas de catro xeracións (os alumnos e alumnas, os pais e nais, os avós e avoas, os bisavós e bisavoas). Estas entrevistas foron recollidas nun documental e tamén se presentaron a través de paneis explicativos. 

 

 

Proxectoterra 2013-2014

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO, participaron por quinto ano consecutivo no Proxectoterra. Este curso o tema elixido foi O mar como punto de encontro. A actividade foi desenvolvida nas materias de Ciencias Sociais, Lingua Galega e Ciencias Naturais e integrouse dentro do proxecto interdisciplinar da biblioteca do centro, titulado O mar. Os resultados do traballo foron amosados ao resto dos compañeiros do centro nunha exposición con motivo da I Semana temática do centro, dedicada ao mar.

Ao longo do curso leváronse a cabo as seguintes actividades: mar de novas, o intermareal, obxectivo: costa, mareantes, o mar en perigo e os perigos do mar, e batea de palabras.

Mar de novas: Os alumnos identificaron e analizaron as diferentes novas que foron publicándose en relación co mar no xornal La Voz de Galicia.

 

O intermareal: A actividade consistiu na visita a diferentes praias e recollida de diferentes mostras de elementos do espazo natural (area, cunchas, plantas e algas). Con estes elementos realizouse un traballo de análise e clasificación, e ademais levouse a cabo unha actividade de orientación no que se situaron as diferentes praias espacialmente na liña da costa. Esta actividade realizouse en colaboración co departamento de Ciencias Naturais. 

  

Obxectivo: costa: Cada estudante realizou unha fotografía que presentou na aula ao resto dos compañeiros explicando as razóns polas que tomou a fotografía e os elementos significativos, tanto naturais como humanos, que podían ser observados nesta. A fotografía foi tomada por Liz Puerto e nela pódese observar a modificación humana da liña de costa e a explotación bateeira do mar.

 

Mareantes: Os alumnos e alumnas realizaron entrevistas e recollida de testemuños orais de diferentes persoas do contorno dos estudantes. A actividade completouse coa realización dunha fotografía dos entrevistadores e entrevistados evocadora da súa relación co mar. A primeira fotografía, é unha fotografía dos anos 60 de mariñeiros en Terranova, entre eles o avó de Miriam Lorenzo. A segunda fotografía é un selfie de Manuel Deán e a súa nai María Francisca Cárdenas, que traballa nunha conserveira.

 

Os alumnos e alumnas tamén fixeron fotografías amosando a súa relación co mar. A primeira fotografía é de Vanessa Somoza e a segunda de Samuel Rodríguez. A segunda fotografía foi tomada no peirao da praia do Saltiño cunha cámara subacuática. O ton verdoso da fotografía débese á cantidade de algas que hai na zona.

   

 

Os perigos do mar e o mar en perigo: Esta actividade serviu para traballar a relación ás veces conflitiva entre o mar e a sociedade. O apartado de perigos do mar consistiu na análise de diferentes eventos naturais que son considerados polos seres humanos como catastróficos (p.e.: un tsunami) e de accidentes sufridos polos seres humanos no mar (p.e.: afundimentos de barcos, falecemento de percebeiros.). O apartado do mar en perigo, analizou as accións dos seres humanos que poñen en risco o ecosistema mariño, provocados polo descoido, desleixo, consumismo, egoísmo ou ambicións económicas (sobreexplotación do ecosistema mariño, verteduras, mareas negras, etc.).

  

Batea de palabras: Os alumnos e alumnas recolleron e definiron palabras en galego relacionadas co mar. Dado que o cultivo de mexillóns en bateas constitúe un dos recursos económicos máis importantes de Boiro decidiuse que cada unha destas palabras sería escrita nunha cuartilla de cartolina en tons azuis e que todas esas palabras se disporían en cabos colgados do teito simulando mexillóns en bateas. Esta actividade realizouse en colaboración co departamento de Lingua Galega.

 

Proxectoterra 2013

(La Voz de Galicia, maio 2013)

Proxectoterra 2012-2013

Os alumnos e alumnas de Ciencias Sociais de 3º da ESO do curso 2012-2013 traballaron en grupos para elaborar diferentes propostas de turismo sostible na súa contorna máis próxima que logo presentaron ao resto dos compañeiros mediante un formato de postos de información nunha feira. Todo o alumnado se implicou nesta actividade, con propostas moi creativas, orixinais e respectousas co patrimonio histórico e ambiental.

 

Tras facer o traballo de investigación sobre a contorna e traballar na aula coa unidade didáctica de Arquitectura Popular, a banda deseñada A mansión dos Pampín, realizamos unha visita de dous días a Allariz.

O primeiro día realizamos un roteiro pola Serra de San Mamede durante o cal disfrutamos da espectacular paisaxe e reflexionamos sobre o impacto humano sobre a mesma. Tras a camiñata visitamos o lugar de Rebordechao e a través da realiación dunha actividade de descuberta tivermos a oportunidade de coñecer a interesante arquitectura e historia da vila e mesmo de facer amizade cos habitantes.

O segundo día percorremos o centro historico de Allariz, vila que recibiu o Premio Europeo de Urbanismo en 1994 pola rehabilitación integral do seu centro histórico e a recuperación medioambiental das marxes do río Arnoia. Visitamos o Museo do Coiro, o Muiño do Burato e o Museo do Xoguete, disfrutamos dun precioso paseo pola beira do río e divertímonos identificando os diferentes recunchos da vila que serviron como escenario da película A lingua das bolboretas.

 

Proxectoterra 2011-2012

Un ano máis os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO aprenderon e divertíronse participando no Proxectoterra. Desta volta traballamos a unidade didáctica Identidade territorial e a banda deseñada A casa dos Pampín, e logo do traballo na aula disfrutamos de dous días en Guimaraes, no seu ano como capital europea.

Durante eses dous días visitamos a citânia de Briteiros e realizamos un percorrido no teleférico de Guimaraes ata a Montanha de Penha, realizamos unha visita guiada a area rehabilitada de Couros, realizamos unha actividade de descoberta do centro histórico de Guimaraes e fomos a coñecer o Paço dos duques de Bragança. 

Todo o grupo na montanha de Penha con Guimaraes ao fondo.

 

Dous momentos da visita á citânia de Briteiros.

 

Os gañadores da actividade de descuberta do centro histórico de Guimaraes. 

Proxectotera 2010-2011

Preme aquí se queres ver a actividade interactiva O desenvolvemento sostible tradicional realizada polos alumnos e alumnas de 3º de ESO do curso 2011-2012 dentro do certame Xentes, espazos e lugares do ProxectoTerra.

 

Despois do duro traballo de investigación na contorna, disfrutamos dunha visita de dous días no camiño de Santiago, onde percorremos o traxecto entre Cebreiro e o mosteiro de Samos e puidemos coñecer diferentes elementos do seu patrimonio histórico, artístico e ambiental da man do noso guía Juan Fernández. Visitamos as pallozas e a igrexa do Cebreiro e desde alí camiñamos ata Triacastela onde pasamos a noite e ao día seguinte continuamos coa ruta, primeiro intentando tecer no obradoiro de tecido Artelar, logo vendo funcionar o muíño do Pino en Renche e finalmente cunha visita guiada ao mosteiro de Samos.

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut