Skip to Content

Proxectoterra 2013-2014

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO, participaron por quinto ano consecutivo no Proxectoterra. Este curso o tema elixido foi O mar como punto de encontro. A actividade foi desenvolvida nas materias de Ciencias Sociais, Lingua Galega e Ciencias Naturais e integrouse dentro do proxecto interdisciplinar da biblioteca do centro, titulado O mar. Os resultados do traballo foron amosados ao resto dos compañeiros do centro nunha exposición con motivo da I Semana temática do centro, dedicada ao mar.

Ao longo do curso leváronse a cabo as seguintes actividades: mar de novas, o intermareal, obxectivo: costa, mareantes, o mar en perigo e os perigos do mar, e batea de palabras.

Mar de novas: Os alumnos identificaron e analizaron as diferentes novas que foron publicándose en relación co mar no xornal La Voz de Galicia.

 

O intermareal: A actividade consistiu na visita a diferentes praias e recollida de diferentes mostras de elementos do espazo natural (area, cunchas, plantas e algas). Con estes elementos realizouse un traballo de análise e clasificación, e ademais levouse a cabo unha actividade de orientación no que se situaron as diferentes praias espacialmente na liña da costa. Esta actividade realizouse en colaboración co departamento de Ciencias Naturais. 

  

Obxectivo: costa: Cada estudante realizou unha fotografía que presentou na aula ao resto dos compañeiros explicando as razóns polas que tomou a fotografía e os elementos significativos, tanto naturais como humanos, que podían ser observados nesta. A fotografía foi tomada por Liz Puerto e nela pódese observar a modificación humana da liña de costa e a explotación bateeira do mar.

 

Mareantes: Os alumnos e alumnas realizaron entrevistas e recollida de testemuños orais de diferentes persoas do contorno dos estudantes. A actividade completouse coa realización dunha fotografía dos entrevistadores e entrevistados evocadora da súa relación co mar. A primeira fotografía, é unha fotografía dos anos 60 de mariñeiros en Terranova, entre eles o avó de Miriam Lorenzo. A segunda fotografía é un selfie de Manuel Deán e a súa nai María Francisca Cárdenas, que traballa nunha conserveira.

 

Os alumnos e alumnas tamén fixeron fotografías amosando a súa relación co mar. A primeira fotografía é de Vanessa Somoza e a segunda de Samuel Rodríguez. A segunda fotografía foi tomada no peirao da praia do Saltiño cunha cámara subacuática. O ton verdoso da fotografía débese á cantidade de algas que hai na zona.

   

 

Os perigos do mar e o mar en perigo: Esta actividade serviu para traballar a relación ás veces conflitiva entre o mar e a sociedade. O apartado de perigos do mar consistiu na análise de diferentes eventos naturais que son considerados polos seres humanos como catastróficos (p.e.: un tsunami) e de accidentes sufridos polos seres humanos no mar (p.e.: afundimentos de barcos, falecemento de percebeiros.). O apartado do mar en perigo, analizou as accións dos seres humanos que poñen en risco o ecosistema mariño, provocados polo descoido, desleixo, consumismo, egoísmo ou ambicións económicas (sobreexplotación do ecosistema mariño, verteduras, mareas negras, etc.).

  

Batea de palabras: Os alumnos e alumnas recolleron e definiron palabras en galego relacionadas co mar. Dado que o cultivo de mexillóns en bateas constitúe un dos recursos económicos máis importantes de Boiro decidiuse que cada unha destas palabras sería escrita nunha cuartilla de cartolina en tons azuis e que todas esas palabras se disporían en cabos colgados do teito simulando mexillóns en bateas. Esta actividade realizouse en colaboración co departamento de Lingua Galega.

 



page | by Dr. Radut