Skip to Content

Proxecto Terra 2014-2015: Descubrindo a Galicia oriental

Os alumnos e alumnas de Ciencias Sociais e Ámbito Sociolingüístico de 3º e 4º de ESO participamos por sexto ano consecutivo no ProxectoTerra.

Logo de termos traballado durante o curso no proxecto de investigación Tradicións e costumes nos barrios e parroquias de Boiro, integrado na II semana temática do centro, gozamos de dous días cheos de aventura e diversión na Serra do Courel e a Ribeira Sacra. 

O primeiro día visitamos o museo xeolóxico e o museo etnográfico de Quiroga, fomos ver unha ferrería tradicional, percorremos a paisaxe kárstica do val das mouras escapando ao feitizo das meigas sen quedarmos convertidos en árbores, bañámonos nun recuncho do río Lor e admiramos o sinclinal de Campodola, embigo do mundo hai 350 millóns de anos. 

O segundo día visitamos unha albariza tradicional, vimos sobreiras de máis de 900 anos e un fuxidío corzo entre a vexetación; divertímonos na festa da cereixa e do aceite, e relaxámonos vogando polo canón do río Sil, cinguidos polo verdor do bosque caducifolio e das viñas que desde a Idade Media foron plantadas en socalcos nas impresionantes abas graníticas do barranco.



page | by Dr. Radut