Skip to Content

Boiro sustentable

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO realizaron un traballo consistente na realización dunha breve reportaxe sobre algún aspecto da Xeografía (tanto física como humana) a través dunha fotografía e o comentario desta nun máximo de 120 palabras. Este ano, eliximos como tema a sustentabilidade, dentro do marco da III semana temática do centro e do ProxectoTerra. Aquí podedes ver algunha das mini-reportaxes realizadas:

 

Invasión da costa

Esta montaxe fotográfica, titulada A invasión da costa, amosa como se está a pavimentar na contorna da praia de Raposiños na Pobra do Caramiñal (A Coruña).

A contorna marítima volta a ser sacrificada a prol da industria,sen ter en conta o medioambiente. A zona xa fora impactada con anterioridade pola construción dunha fábrica conserveira en primeira liña de praia que estivo vertendo os seus refugallos ao mar. O cemento e os seres humanos continúan a lle gañar terreo á natureza (Pablo Piñeiro Insua, de 3º B).

A paisaxe do tempo

Esta fotografía, titulada A paisaxe do tempo, foi sacada dende o club náutico de Boiro localizado en Cabo de Cruz. Nun primeiro plano vense os fermosos veleiros e embarcacións de lecer flotando nun mar calmo. Ao fondo vese a historia, a historia e mais o motor do pobo: as embarcacións de madeira ou poliéster de todo tipo de cores pertencentes ás familias da zona que buscan o pan en augas ás veces non tan tranquilas como estas.

Con esta fotografía pódese ollar atrás e ver as mudanzas e transformacións ao longo do tempo, que non debemos esquecer (Pablo Gómez Sánchez, de 3º A). 

Nesta fotografía titulada A ponte que rompe o monte, obsérvase unha ponte na ría de Cespón. Esta ponte aforra moitos kilómetros aos condutores que circulan por ela, o que repercute na axilización do transporte e na mellora da calidade de vida do ser humano; porén, tamén ten consecuencias negativas sobre o medioambiente, xa que parte da estrutura invade a ría e altera a orografía do monte.

Isto debería facernos reflexionar sobre a necesidade de establecer un equilibrio entre os beneficios do desenvolvemento humano e a conservación do medio ambiente, cuxa deterioración trae consecuencias negativas para o hábitat do ser humano (Sandra Martínez Liste, de 3º B). 

 

Esta fotografía titulada Nostalxia do pasado, amosa nun primeiro plano a deterioración e abandono do peirao e o barco, como elementos tradicionais, e ao fondo a autovía do Barbanza, que simboliza o progreso. Este progreso produce unha deterioación da paisaxe e rompe a tranquilidade co intenso ruído.

Esta fotografía transmite nostalxia pola tranquilidade e vitalidade que tiña este lugar no pasado fronte ao abandono e contaminación acústica do presente (Jorge Piñeiro Bermúdez, de 3º B)

 

Esta fotografía recibe o título Un espertar galego e foi tomada a unha mañá de novembro no porto de Vilanova de Arousa. Os principais protagonistas desta imaxe son, o sol, o mar e o ceo. O sol deixa un leve reflexo no mar e xunto coas poucas nubes que se poden apreciar forma un efecto claro na parte baixa do ceo. Ao fondo da imaxe podemos apreciar unhas montañas rodeando a zona. 

A razón pola cal decidín tomar esta fotografía foi porque ás veces a beleza está nas cousas sinxelas coma un simple mencer (Sara Romero Pérez, de 3º B).

 

Esta fotografía titúlase As costas do mundo. O título é unha metáfora que se refire ao cantil coma se fose a fin do mundo. A fotografía foi tomada na illa de Madeira (Portugal).

Ao fondo, arriba do cantil, divísanse unhas casas. O cantil está cuberto de diferentes plantas. Agochada entre estas plantas, pódese apreciar unha pequena fervenza que desemboca no mar. Ao pé do cantil, atópanse sedimentos de rocha producidos pola erosión do mar.

Esta paisaxe conserva moi ben as características medioambientais naturais (Sabela Martínez Tomé e Laura Pérez López, de 3º B).

 

Nesta fotografía, titulada Nova pesca ecolóxica, tomada na desembocadura do río Douro en Porto, podemos observar o contraste entre as construcións do ser humano e a natureza.

Estes dous faros con candansúa plataforma serven para avisar aos barcos de onde está a desembocadura do río; mais impide o paso dos peixes, atrapándoos entre as dúas xigantescas plaformas. Amais diso, impide a chegada de nutrientes das augas mariñas para o río, o que provoca a morte da vexetación acuáticas e o aumento da contaminación das augas. A existencia destas dúas plataformas facilita a pesca durante o solpor e a noite, xa que adoita haber moreas de peixes atrapados no oco que separa os dous faros (Catarina Susana da Silva Lopes, de 3º B). 

 

Contaminación no monte

Esta fotografía titúlase A industria da televisión busca mercado nos bosques,

A contaminación do bosque é sen dúbida un grave problema da sociedade actual. Canto máis avanza a chanada civilización máis residuos producimos e á hora de desfacernos deles, os bosques e camiños parecen a opción máis cómoda e rápida. O alarmante é que non nos deamos conta do dano que provocan estes residuos, xa sexa o envoltorio dun caramelo ou unha televisión como a que vemos na imaxe.

Os animais poden inxerilos, magoarse e, ademais, algúns residuos conteñen tóxicos que se infiltran no terreo e que poden chegar a contaminar augas subterráneas, por non mencionar que afean a paisaxe.

Esta fotografía está tomada en Triñanes, pero en toda Galicia pdemos observar situacións parecidas (María Jacobs Sánchez, de 3º B). 

Edificio

Este edificio que se amosa na fotografía titulada O edificio sen futuro, é un tanto peculariar pois está a medio edificar por mor da actual quebra do sector da construción. 

O estado inacabado do edificio afecta negativamente tanto aos traballadores, que quedan sen traballo, como aos veciños e veciñas da zona, pois o edificio produce un forte impacto visual e é colonia de pragas de ratas e outros animais que poden transmitir doenzas (Juan López Villar, de 3º A). 

Esta fotografía de Praia Barraña, titulada Pegada ecolóxica nas nosas praias, amosa o lixo que se atopa acotío nas nosas praias, ben porque este é botado nelas directamente, ben porque é traído desde outros lugares polas correntes mariñas.

Esta contaminación é moi negativa tanto para os seres humanos como para os animais. En moitas ocasións atópanse paxaros mariños cos seus estómagos ateigados de plásticos tirados ao mar e ás praias polas persoas.

Para evitar isto, cómpre lembrar tirar sempre o lixo nos colectores e reducir o consumo de produtos non biodegradables. Tamén cómpre diferenciar o lixo das algas ou outras plantas mariñas que contribúen á conservación da costa e a area. A eliminación destas algas e plantas para ofrecer praias máis atractivas aos turistas ten un forte impacto ecolóxico (Laura Rodríguez López e Nerea Silva Dieste, de 3º A).

Abrañeira

A Abañeira é un conxunto de aldeas de Boiro. Está constituída por Teaño, Runs, Coroño, Bermo e A Feosa. Aos habitantes destas aldeas púxoselles o alcume d'os do sacho. Titulamos esta fotografía Direccións a ningures porque a Abrañeira se está a despoboar por mor da escasa rendibilidade da economía agraria, producindo a perda dun xeito de vida e a degradación do medio ambiente. Esta degradación obsérvase, por exemplo, na presencia de eucaliptos introducidos desde Australia que leva á redución da presenza do bosque autóctono galego.

A mellor medida para conservar este patrimonio é facilitar que as novas xeracións poidan vivir no campo, para que así continúen transmitindo os coñecementos ás xeracións vindeiras e mantendo vivo o lugar. Para isto deberíase posibiltar a vida rural como unha alternativa viable á urbana (Jorge Hermo Gonzále, Sabela Martínez Tomé, Pablo Piñeiro Insua e Antía Ramallo Blanco, de 3º B).

 

 pasos

Os pasares do río Coroño en Teaño, documentados na fotografía Pasos a outros mundos, son pedras colocadas para poder cruzar o río e poder acceder ás leiras sen ter que rodear o río. Lévanse utilizando moitos anos porque son moi prácticas.

A mellor medida para conservar esta estrutura é usala para evitar que sexa destruída e recompoñela en caso de que se vexa afectada ou destruída. Para que esta estrutura siga en uso cómpre que o modo de vida agrícola e a relación do ser humano co medio non se perda (Jorge Hermo González, Sabela Martínez Tomé, Pablo Piñeiro Insua e Antía Ramallo Blanco, de 3º B).

 



page | by Dr. Radut