O IES Laxeiro, premiado co Selo de Centro eTwinning

A finais de marzo recibimos a magnífica nova de ser un dos 4 centros galegos premiados co selo de centro eTwinning 2021-2022. Un recoñecemento que só teñen o 2,3 % dos centros educativos europeos rexistrados en eTwinning (216.595).

O selo de centro eTwinning recoñece o traballo realizado con eTwinning polo equipo docente e o equipo directivo. Este logro, sen dúbida, non tivera chegado sen o tesón e o pulo da nosa compañeira e profesora de E. Plástica e Visual, Mar García Rodríguez, incansable na procura de contactos e tomando a iniciativa en case todos os proxectos levados a cabo. Ese traballo continuo e non sempre visible, co apoio incondicional do equipo directivo e do equipo docente, tróuxonos este premio europeo.

 

Na entrada do IES Laxeiro loce tamén a placa enviada polo Servicio Nacional de Apoyo eTwinnig co Selo de Calidade Nacional.

Chegar a ser un centro eTwinning supuxo percorrer todo un camiño e un proceso final que contou con dúas fases. Que é ser un centro eTwinning e como se obtén este selo explícase aquí

 Este fase final ten detrás un todo un camiño percorrido.

O IES Laxeiro forma parte da comunidade eTwinning desde o ano 2013. Naquel entón iniciaramos esta andaina co proxecto Soft drinks and healthy habits emparellados cunha escola de Istanbul, da man do profesor de EF Xosé M. García.

A inquietude polo intercambio de experiencias, o contacto con escolas europeas e o interese polas linguas estranxeiras deu pé a embarcarnos nesta aventura. eTwinning presentouse como unha oportunidade para ofrecer ao noso alumnado experiencias significativas na súa aprendizaxe. 

Froito do traballo realizado é o recoñecemento neste ano 2021 do selo Centro eTwinning 2021-2022.

Actualmente o centro conta con tres proxectos activos, todos eles coa coordinación e/ou participación de Mar:

  • Poems by heart co Agrupamento de Escolas de São Gonçalo en Torres Vedras (Portugal)
  • Famous painters through my eyes coa escola 25 Maj en Skopje (Macedonia do Norte) e a Zincirlikuyu Uğur Anadolu Lisesi en Şişli (Turquía)
  • 4Cs and Outdoor Games, ligado ao proxecto Erasmus+ do mesmo nome, e que reúne a centros escolares de Turquía, Creta, Italia, Polonia, Portugal e Galicia. O diario La Voz de Galicia fíxose eco desta asociación de escola nesta entrevista.

Outros 8 proxectos xurdiron na plataforma e contribuíron na forxa do selo eTwinning School para o IES Laxeiro e para que o noso instituto tivera presencia nesta gran comunidade escolar europea.

Este esforzo tivera xa un significado recoñecemento no proxecto Country you go craft you find, en colaboración coa ICS "E. De Filippo" di San Giorgio a Cremano, San Giorgio A Cremano (Na), Italia, e a Prof.Dr.Salih Öven Çolakoğlu İlkokulu, Yüreğir, Turquía, obtendo o selo de calidade eTwinning no ano 2016.

 

Ademais dos xa mencionados, estes son os proxectos que espallaron tamén o nome do IES Laxeiro por distintas rexións de Europa:

    • Forest of Values (Austria, España)

    • Tunnel of time, proxecto tamén de relevancia por estar ligado ao primeiro Erasmus+ KA219 do IES Laxeiro  (Finlandia, Francia, Turquía, España)

    • Giving is love (Chipre, Polonia, Turquía, Hungría, Grecia) 

    • Our way of life (Finlandia, Turquía, España) 

    • Say Hello to spring (Romanía, Italia, Turquía, Letonia, España) 

    • 10 questions to our grandmas (Polonia, República Checa, España)

Tunnel of Time: viaxe a Finlandia

Tunnel of Time: viaxe a Finlandia

Todos eles contaron coa coordinación e/ou participación activa de Mar e a colaboración das compañeiras e compañeiros do equipo docente. Certamente a participación entusiata do alumnado e a cooperación das familias contribuíron ao éxito dos proxectos.

Mención especial merece o apoio incondicional do equipo directivo do IES Laxeiro, co Uxío Grande á cabeza, en todos estes proxectos. Este recoñecemento é extensivo a súa labor. Un pilar fundamental no éxito do calquera proxecto, especialmente nos relativos á internacionalización do centro.

O impacto na vida escolar do IES Laxeiro é patente en distintos ámbitos. Directa ou indirectamente, o mergullo na comunidade eTwinning deu pé aos numerosos intercambios con centros europeos que se veñen realizando nos últimos cursos e que a pandemia que sufrimos veu a interromper (aínda que proseguen virtualmente). Unha xeira que xa tiñan iniciado outros compañeiros, como o profesor de francés, Samuel, co centro Lycée Champ-Blanc de Nantes (Francia). Desde aquela temos tido programas de intercambio  con Kuopio (Finlandia), Terkidag (Turquía), Langogne (Francia), Rho (Italia), Itzehoe (Alemania) ou Caen (Francia).

Non queda a marxe desta dinámica a área de FP do centro, tamén inmersa na apertura europea da man de Manuel Arosa, profesor do CSAF.

Igualmente, imos xa polo segundo proxecto Erasmus+ concedido, neste caso xa como coordinadores, con todo o que iso conleva para un centro escolar e que dará para outo capítulo. 

Tampouco podemos esquecer o dinamismo e mellora na vida escolar, tanto no que afecta ao profesorado como o alumnado. Unha magnífica oportunidade para a innovación, as boas prácticas, o traballo coas TIC, o uso en contextos reais das linguas, a concienciación cultural e europea. En definitiva, unha aposta pola calidade no ensino.