Inspectores ambientais por un día

Os alumnos de Bioloxía de 4º ESO do IES Laxeiro, dentro do programa do Proxecto Ríos, realizan unha inspección do río Pontiñas para valorar a súa situación e calidade ambiental.

Esta inspección guiada consiste no estudo das características biolóxicas, físico-químicas e hidromorfolóxicas deste ecosistema fluvial. Para iso, levamos a cabo fundamentalmente técnicas de análise da auga (osíxeno disolto, nitratos, temperatura e PH), un estudo dos macroinvertebrados empregados como bioindicadores e da biodiversidade de fauna e flora.

A actividade axudou ademáis aos alumnos a valorar e a concienciarse do respecto polos nosos ríos a través da experimentación e o coñecemento que achega a metodoloxía propia do traballo de campo.