O programa RCP nas aulas no IES Laxeiro

 

O IES Laxeiro, por medio do departamento de Educación Física, participa, por segundo ano, da experiencia RCP na Aula, froito do convenio entre as consellarías de Sanidade e Educación. Este convenio, impulsado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, trata de estender a experiencia RCP na Aula da provincia de Lugo, permitindo espallar a formación en soporte vital a todos os nenos e nenas de Galicia ao longo da Educación Secundaria Obrigatoria.

 O devandito convenio contempla a formación polo FPUS de Galicia 061 dos profesores de Educación Física (e todos aqueles que voluntariamente queiran participar na experiencia) como provedores de RCP DEA e que estes á súa vez formen aos alumnos e alumnas como provedores de soporte vital básico. O ensino da reanimación cardiopulmonar (RCP-B) na escola nos niveis obrigatorios representa a oportunidade de instruír a un gran número de cidadáns. En Europa, a RCP- B está incluída no currículo escolar en Noruega, Dinamarca, Francia, Reino Unido e España. RCP na aula é un sistema no que persoal sanitario do 061 de Galicia forma como instrutores de RCP-B e desfibrilador externo semiautomático (DESA) aos profesores de educación física dos institutos, e estes a outros profesores e alumnos/as.

 O sistema baséase esencialmente no profesorado, o que permite chegar a todos os alumnos e alumnas, e garante a reciclaxe, xa que coñecen a materia desde que empezan a ESO ata 1º de bacharelato, e reciben sesións de recordo ao longo de cinco anos. A principal diferenza entre RCP na aula e outros programas similares é que o profesor é o motor do programa e elixe a metodoloxía, co que se pretende garantir a continuidade.

No IES Laxeiro contamos con manequíns Laerdal Little Anne, aínda que tamén existe a posibilidade de pedir prestado o equipamento nos Centros de Formación e Recursos da consellaría de Educación. Neste momento están a recibir a formación os grupos de 3º e 4º de ESO; para algúns dos alumnos-as supón  unhas sesións de reforzo posto que este é o segundo ano que levamos a cabo o programa. Todos aqueles que superen con éxito os test de avaliación reciben un diploma da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, que acredita a súa formación en soporte vital básico. Os outros cursos da ESO e 1º de Bacharelato recibirán a sesións de formación e recordo no vindeiro trimestre. Os contidos destas clases están integrados na programación didáctica do departamento de Educación Física.

Unha pequena achega para familiarizar a unha ampla base da poboación cos protocolos de soporte vital básico (manobras de RCP -reanimación cardiopulmonar-, tratamento da OVACE (obstrucción da vía aérea por un corpo estraño, PLS - posición lateral de seguridade-) e contribuir ao aumento da supervivencia nos casos de parada cardiorespiratoria.