Skip to Content

A Directora Xeral de FP visitou o noso centro para impulsar a implantación de tres novos ciclos da FP DUAL

Visita Directora Xeral de FP ao noso centro

A Directora Xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou, na mañá do xoves 16 de maio, o noso centro para comprobar as infraestruturas coas que conta e avaliar a necesidade de melloras e novas dotacións de cara a posta en marcha, no curso 2024/25, de tres novos ciclos de FP, en modalidade Dual: os ciclos medios de Mantemento Electromecánico e de Xardinaría e Floraría xunto ao ciclo superior de Mecatrónica Industrial. Nesta modalidade, o alumnado recibirá formación tanto no instituto coma en empresas da contorna, recibindo unha remuneración económica.

A Directora Xeral indicou que “este centro vai ter un gran impulso o vindeiro curso, con novos proxectos de formación Dual, especialmente relacionados coa Fabricación Mecánica, un ámbito empresarial moi potente en Valga e arredores”. Ademais, tamén se vai potenciar a formación en Agroxardinería e, como resultado, “haberá un incremento importantísimo da oferta que responde a unha demanda de profesionais cualificados por parte das empresas da zona”.

Durante a súa visita, Eugenia Pérez coñeceu o funcionamento das aulas de Agroxardinaría, das zonas de cultivo e dos talleres de Fabricación Mecánica e, estivo acompañada do director do Centro, Eliseu Mera, o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez.



page | by Dr. Radut