Skip to Content

Eliseu Mera releva Dolores Rego na dirección do IES de Valga

A que foi directora do IES de Valga durante os dous últimos cursos, Dolores Rego, deixa o seu cargo voluntariamente sendo substituída por Eliseu Mera, que ocupaba a vicedirección do centro. No equipo entrante manteñen os seus cargos a xefa de estudos, Beatriz Lloret, e o secretario, Jesús López, incorporándose na vicedirección Ana Bueno.

 

Rego salienta “o traballo diario de todos os membros da comunidade educativa, alumnado, profesorado, familias e o Concello para que o alumnado de Valga acade a formación necesaria para acceder ao mercado laboral ou a outros estudos seguindo os seus intereses”. Á marxe da formación académica valora a importancia “de formar parte dunha sociedade plural, crítica, diversa, solidaria e, algo que nunca se debe dar por feito, igualitaria”.

 

O director entrante agradece o “inmenso esforzo” realizado por Rego durante os dous anos do seu mandato e a confianza que mostrou nel durante este período de “intensa colaboración”. Sinala que o IES de Valga é un centro “con magníficos resultados no Bacharelato, nos seus ciclos formativos, pois o Ciclo Superior de Construcións Metálicas ten unha taxa de inserción laboral de máis de oitenta por cento” e salienta a forte aposta polos diversos programas de atención á diversidade. Porén, acha que estes datos non son suficientemente coñecidos pola sociedade valguesa e sitúa como obxectivo que esta sinta o IES “tan seu como a Banda de Música ou o Belén de Valga”.

 



blog | by Dr. Radut