Skip to Content

STARgal 17

 

O 16 de maio celebrouse o STARgal ó longo da mañá centrándonos en 2 temas: a vida e obra de Carlos Casares e a Ruta Translatio, Proxecta no que levamos traballando todo o ano (Mirando polo camiño). Todo o alumnado do centro participou: competiron nos 8 videoxogos, interactuaron coas instalacións de robótica; viron os mellores booktrailers e videocontacontos… En total había 11 estacións coordinadas integramente por alumnado monitor (50 rapaces e rapazas); tivemos, ademais, un stand no que se mostrou material elaborado por Bricolabs, o laboratorio de hardware libre da Coruña que fomos visitar en febreiro.

As propostas tecnolóxico-literarias agrupáronse nas seguintes estacións:

  • Vento Ferido: escolma de booktrailers elaborados polo alumnado de 3º ESO baseados na guía elaborada desde o departamento de Galego do noso centro, As meigas da Raíña Lupa
  • Os escuros soños de Clío: proxección dos vídeo-contacontos que se presentaron ó concurso Máis que Palabras organizado o Departamento de Lingua Galega.
  • Xoguetes para un tempo prohibido: exposición con mostras do fedellar nas aulas de Tecnoloxía. Unha mostra elaborada en coordinación co espazo maker Bricolabs da Coruña.
  • Deus sentado nun sillón azul: un máxico Sillón Azul no que un respresentante de cada equipo de alumnos se sentou e foi caracterizado como Carlos Casares para ser entrevistado. As video-reportaxes emitíronse en directo por Periscop
  • As laranxas máis laranxas de todas as laranxas: deseñamos e construímos unha gran laranxa con estrutura de domo frecuencia 2. Dentro, gracias a unhas gafas de RV, podía accederse a cinco contornos extraídos de obras de Casares.
  • Toribio revoluciona o tráfico: as Monitoras desta proba propoñías un circuíto entre cidades que tiveron que ver coa vida de Casares. O alumnado de de 1º ou 2º podía empregar unha app que implementou o alumnado de 4º, os de 3º ou 4º debían programar. O obxectivo era que o Lego cubrise o traxecto no menor tempo posible e sen tirar os obstáculos.
  • Cambio en tres: nesta estación baseada en Makey Makey concursábse como grupo. Tratábase de atinar co recipiente que contiña a resposta correcta ás preguntas que se proxectaban na pantalla sobre a obra de Casares
  • Ilustrísima: instalación didáctica baseada en Arduino que deseñou e construiu o alumnado de 4º para que todos nos achegásemos de forma lúdica á vida de Casares.
  • Un polbo xigante: un gran polbo que cos tentáculos seguía o movemento da nosa man. Fixémolo empregando un sensor de presencia 3D e varios servos conectados a un mblock.
  • Lolo anda en dron: unha mostra de voo con drons que lle encantaría a Lolo, quen en verdade só andaba en bicicleta...

Todo o alumnado de 2º, 3º e 4º traballou os contidos de programación en Scratch (2º e 3º), Mblock (3º e 4º) e LEGO (4º e voluntariado de 3º). Eis unha unha escolma dos mellores:

 

En colaboración coa A.C. Olloboi propuxemos ó alumnado do obradoiro audiovisual un material didáctico sobre o audiovisual: un conxunto de vídeocharlas e actividades interactivas que mellorou o dominio da linguaxe audiovisual por parte do alumnado.

Tralo obradoiro, o alumnado escribiu, gravou e montou a seguinte curta sobre a Ruta Translatio logo de facer o roteiro correspondente (folleto ó final do post).

O resto de produtos vencellados á Ruta Translatio poden consultarse no blog correspondente.

 



page | by Dr. Radut