Skip to Content

5º Curso

Día mundial da alimentación

O 16 de outubro celebramos no colexio o día mundial da alimentación sa, que ten como lema Unha alimentación sa para un mundo #HAMBRECERO

No Manuel Sueiro pasamos á acción !

O primeiro é apostar polas comidas feitas na casa e axudar a concienciar sobre a importancia do consumo de produtos coma vexetais, froitas e verduras, realmente ricas en vitaminas e minerais, por isto:

celebramos unha merenda colaborativa e saudable!!!

A comer!!!

Visita ao Parlamento e Xunta de Galicia

O 11 de outubro visitamos o Parlamento de Galicia e A Xunta de Galicia grazas ao  convenio de colaboración asinado entre Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que permite organizar visitas guiadas conxuntas ás sedes do poder lexislativo e do poder executivo galegos para o alumnado de 5º e 6º de Primaria de centros de titularidade pública da Comunidade Autónoma.

O obxectivo deste programa, denominado "Coñece as túas institucións", é que o alumnado poida coñecer de primeira man o funcionamento do Parlamento e da Xunta e comprenda a separación de poderes propia das democracias.

Grazas a esta actividade xa somos quen de coñecer un pouco máis e mellor as nosas institucións de Santiago de Compostela.

Tom Sawyer

O 4 de outubro o alumnado de 5º e 6º de E. Primaria asistiu á proxección da nova versión, da clásica novela de aventuras do escritor estadounidense Mark Twain, "As aventuras de Tom Sawyer", que tivo lugar no auditorio de Ourense, dentro das actividades programadas no Festival de cine Ouff Ourense.

Tom Sawyer é un rapaz traveso de Mississippi ao que lle gustan moito as aventuras, aínda que sempre ten problemas. Trae media tola a súa tía Polly co seu comportamento indisciplinado e as constantes loitas co seu medio irmán Sid.Despois dunha noite xunto ao seu amigo, Huckleberry Finn, foi testemuña da morte dun borracho da man do indio Joe. Contando a verdade sobre o sucedido ante o xuíz, Tom convértese no branco do asasino, que xura vinganza.

Ao alumnado gustoulle moito esta actividade. Xa están preguntando.... cando será a próxima??

Encontro coa poetisa Teresa de la Fuente

O día 3 de outubro tivemos o privilexio de contar coa presenza no noso centro da poetisa mexicana Teresa de la Fuente grazas á colaboración do Círculo Poético Ourensán, representado, neste acto, por José Ramón Fdez Morgade e María Glez Méndez, e acompañados de Irma del Ángel que comparte cartel no X Encontro Internacional de Poesía que se celebrará en Ourense entre o 4 e 6 de outubro.

O alumnado do noso centro recibiuna na biblioteca e presentoulle os traballos realizados ao longo da semana nas súas clases: coplas sobre a súa vida e obra, recitaxe de varios dos seus poemas, ilustracións e cartaces dos poemas traballados na Hora de ler... Posteriormente, unha vez rematada a súa presentación, foi “sometida” a unha complicada batería de preguntas polo alumnado e profesorado que a poetisa accedeu a responder amablemente e con moita paciencia.

Para rematar o acto, Teresa de la Fuente, recitounos varios dos seus poemas recollidos no poemario “Entre metáforas e café” do que é coautora.

Despediuse de nós moi emocionada e agradecendo o recibimento outorgado.

Na seguinte galería de imaxes podedes observar os mellores momentos do encontro:

Semana polo clima

HOW DARE YOU?

Hoxe, todos os nenos e nenas do noso cole, unímonos a Greta Thunberg facendo a mesma pregunta a todos e todas os que nos queiran escoitar.

Como se atreven a contaminar o noso fermoso planeta?

Como se atreven a non coidar os nosos mares, o aire que respiramos, os bosques cada vez con menos árbores?

Pois nós si que nos atrevemos a poñer o noso gran de area para darle a volta a todo, porque:  

“Queremos a nosa Terra
É o noso planeta
Queremos a nosa Terra
É o noso fogar”.

Coas nosas mellores ferramentas, os green crayons, e a nosa voz, berramos ben forte: GO GREEN GO!

Unímonos así ás accións promovidas pola organización Teachers for future, que ten como único obxectivo mellorar a saúde do noso planeta e de todos os seus habitantes.

WE LOVE THE EARTH

Na seguinte galería de imaxes podedes observar a nosa peculiar mobilización...

Semana polo Clima


Primeiro día de clase

Hoxe comezaron as clases en todos os centros de Ed. Primaria e Infantil de Galicia, e no noso cole, para non ser menos que ninguén, comezamos tamén.

A maioría chegamos ao cole con moita alegría e gañas de ver aos nosos amigos e amigas, aínda que algúns non o pasamos tan ben, xa que deixamos ás nosas familias na entrada do cole para pasar a convivir cuns seres estraños, algúns grandes, que non facían máis que dar ordes e instrucións...

...pero a verdade é que a mañá pasouse moi rápido e enseguida chegou a hora de ir a comer.

Mañá, máis e mellor, XA VEREDES!!!

 O mércores, 18 de setembro, publicouse unha reportaxe gráfica do comezo de curso no Xornal escolar de "La Región":

Vídeoconferencia con Franza

COÑECÉMONOS!

Durante este curso o alumnado de 5º e 6º de primaria estivo a coñecer ao alumnado do CEIP Santiago Apóstolo de Franza, Mugardos.

O alumnado de ambolosdous centros escribironse diferentes cartas, nas que se presentaban e contaban as súas inquietudes, gustos e desexos.

Para rematar con esta bonita relación epistemolar, coñecémonos en persoa.

Fixemos unha conexión vía videoconferencia, desde a nosa biblioteca, para así selar a nosa amizade.

Foi un momento moi especial, o alumnado de Franza recitou dous interesantes contos, e o do colexio recitou tres poemas moi representativos da nosa lingua.

Foi todo un fin de festa!

Esperamos seguir relacionándonos para o próximo curso.

Viaxe á Guarda

O 12 de xuño todo o alumnado do centro viaxou á Guarda para coñecer unha das vilas galegas con máis pegada histórica.

A viaxe fixémola en autobús. Así, puidemos disfrutar dunhas magníficas paisaxes nas ribeiras do Miño.

En primeiro lugar visitamos o castro de Santa Trega, é un castro galaico , sitio arqueolóxico que se atopa na contorna do monte de Santa Trega, de 341 metros de altitude, un lugar privilexiado dende o que se domina toda a desembocadura do Miño. Pertenence á cultura castrexa, e é o máis emblemático e visitado dos castros galegos. 

No castro aprendemos a facer pegadas prehistóricas e lume con pedras, visitamos a citania para ver como eran as vivendas dos castrexos e coñecemos os diferentes tipos de construccións que realizaban.

A subida e a baixada foi TERRORÍFICA!

Comemos na praia de Camposancos, no Muiño, debaixo dun estupendo e fresquiño pinar, comemos a toda presa xa que despois tocaba ir a PRAIA, VIVA!

Na praia houbo baños, carreiras, paseantes, e vixiantes, e todos pasamos un momento estupendo.

Ao rematar na praia, voltamos a casa a descansar.

Erik y Harald, guerreros vikingos

No mes de xuño, o alumnado de 5º curso de Ed. Primaria participou no derradeiro concurso, deste ano, de animación á lectura que realizan sobre os libros traballados durante a Hora de ler. Nesta ocasión, traballaron sobre o libro de Brigitte Évano titulado: “Erik e Harald, guerreros viquingos” que nos serviu para reforzar as aprendizaxes adquiridas sobre os viquingos no proxecto documental deste curso.

Erik e Harald son dous guerreiros viquingos, primos entre si, que saen nos seus barcos en direccións opostas para ver quen traerá o maior tesouro. A historia ten lugar ao redor do ano 1000. No camiño loitan con piratas, lobos e outras culturas, o que fai que o camiño dos tesouros sexa difícil.

É un libro moi divertido co que podemos descubrir aspectos da cultura e da vida desta temida xente: o seu comercio, os seus rituais funerarios, a súa comida que nos mostra que era unha xente ruda, pero civilizada e gran coñecedora do mar.

A historia está acompañada de xogos e datos sobre a súa cultura, que completan a visión dos viquingos.

O equipo gañador do concurso levouse como premio o libro de Ledicia Costas: "As peripecias de Extravaganza Pérez", que será co que comecemos no Club de lectura do próximo curso.

Servizo de préstamo de fondos da biblioteca

Ao longo do curso 2018/2019 funcionou o servizo de préstamo da biblioteca, realizando préstamos dos seus fondos aos membros da comunidade educativa para poder gozar coa lectura en tempos de lecer nas súas casas.

Distribuir contido


by Dr. Radut