Saltar navegación.
Inicio

O pop volve á Televisión de Galicia

Banda Curta

Ángel Carrera, 16/04/2009

Houbo que esperar uns nove anos para que o pop volvera á televisión pública galega. Non ten moito que ver co partido político que goberne. En xeral, a música "de verdade" (pop ou non) cada vez é máis minoritaria en España e os dirixentes das televisións públicas de calquera cor danlle pouco valor cultural (xa non digamos as privadas).

No ano 2000, o programa Chambo que presentaba unha novísima Belén Regueira, desapareceu da TVG e o pop non volveu a este canal ata o pasado 31 de xaneiro de 2009, cando se estreou Banda Curta, e de momento segue sen faltar á súa cita dos sábados ás 16:00. Vai despois de Miraxes, onde hai que recoñecer que sempre incluíron pinceladas musicais.

O programa está orientado sobre todo ao pop galego, aínda que tamén hai sitio para artistas do resto da península. O mellor é a súa forte aposta pola música en directo cun coidado son. O peor son as intervencións do suposto experto Ricardo Alonso que cando menos é contraditorio: unha semana pon a caer dun burro a U2 por “levar máis de dez anos facendo o mesmo” e a semana seguinte idolatra a AC/DC por “manterse fieis a eles mesmos despois de máis de trinta anos”.

Todos os programas quedan dispoñibles na web da TVG, podedes ver por exemplo o último que colgaron emitido o 11/04/2009. O próximo sábado 25 de abril haberá un programa especial para celebrar os 15 anos de Xabarín Club (que tanto lle debe ao pop galego e ao que tanto lle debe a lingua galega); sumámonos á homenaxe co vídeo de máis abaixo. Longa vida a Banda Curta!!

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com