Proxecto Lector de Centro - Recursos

Plan de Lectura e Plan de Biblioteca

 

 

 

 

Achégase un cadro resumo do Plan de Lectura, Plan Anual de Lectura e Plan de Biblioteca; no que se indica en que documentación do centro deben estar recollidos, que persoas son as responsables da súa elaboración, cal é a finalidade de cada un e que actuacións deben contemplar. Este documento parte das Instrucións de inicio de curso da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

 

 

 

 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 
 
Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2023, incorporan a Francisco Fernández del Riego ao seu traballo en prol da nosa lingua. O seu compromiso vital coa terra e a lingua a través do seu traballo como escritor, activista político e cultural, articulista, editor, tradutor e ensaista, convida a  facer lectores en galego a través do achegamento  a súa figura. 
 
Na imaxe a biblioteca do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2023: 
 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2022, incorporan a Florencio Delgado Gurriarán ao seu traballo en prol da nosa lingua. O seu compromiso vital coa terra e a lingua a través do seu traballo como poeta, articulista, editor, tradutor e a súa labor como activista cultural e político,  convida a  facer lectores en galego a través do achegamento  a súa figura  .
 
Na imaxe, colaxe-obxecto de Ana Piñón Vale do IES Agra do Orzán de A Coruña.
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2022: 
 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 
 
Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2021, incorporan a Xela Arias ao seu traballo en prol da nosa lingua. A súa mirada incorfomista e creativa, como mestra, editora, tradutora e poeta,  convida a  facer lectores en galego a través da singularidade da súa palabra.
 
Na imaxe, collage de Ana Piñón Vale do IES Agra do Orzán de A Coruña.
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2021:
 

Telexornal "Xela Arias" desde o CPI dos Dices

 
Desde o CPI Plurilingüe dos DIces (Rois-A Coruña) chéganos, como en anos anteriores, o telexornal adicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste ano 2021, as nenas e nenos implicados nesta experiencia de alfabetización mediática traballaron sobre XELA ARIAS, baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, e presétannos un documento imprescindible para achegarnos á autora e a súa obra.
As circunstancias excepcionais nas que nos atopamos obrigaron  a realizar as entrevistas de xeito virtual. 
Parabéns, este ano novamente, por un proxecto de alta calidade e estabilidade. 

#bescolaresgalAbertas polas Letras Galegas 2020

Neste inusual mes de maio, a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2020 asómase á xanela das bibliotecas escolares galegas. Os nosos espazos permanecen abertos, desde a distancia, para traballar a  Ricardo Carvalho Calero e saber máis da súa contribución ao estudo da literatura galega, do seu maxisterio, do seu compromiso coa lingua, da súa poesía e teatro...
Imaxe de María López Pousa
Recursos:

  • Actividades das bibliotecas escolares galegas:
Por mor da crise sanitaria, a Real Academia Galega decidiu que se retomara en outubro a celebración das Letras Galegas de Ricardo Carvalho Calero. E as bibliotecas escolares galegas continuaron coas actividades:

Xeografías lectoras na biblioteca escolar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021. O lema elixido, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa. 

Cada libro que o alumnado ten a oportunidade de ler é unha ocasión para ampliar a súa imaxinación e aumentar os seus coñecementos, de aí a importancia da selección de lecturas que se pon ao seu alcance. A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.

En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:

- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo". 

- Configurar o itinerario  lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.

- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.  Descubrir as relacións entre identidade e lectura.

- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).

- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema de lecturas que imos creando ao longo da vida).

- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento, achegarnos á práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a capacidade reparadora da lectura. 

- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e literatura,  que convidan á aventura (debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en función da temática, os personaxes...).

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

Telexornal "Carvalho Calero" desde o CPI dos Dices

 
Desde o CPI Plurilingüe dos DIces (Rois-A Coruña) chéganos, como en anos anteriores, o telexornal adicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste ano 2020, as nenas e nenos implicados nesta experiencia de alfabetización mediática traballaron sobre RICARDO CARVALHO CALERO, baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, e presétannos un documento imprescindible para achegarnos ao autor e a súa obra.
As circunstancias excepcionais nas que nos atopamos obrigaron a acelerar o traballo no último día de clase presencial e mesmo a realizar algunha entrevista virtual. 
Parabéns, este ano máis que nunca, por un proxecto de alta calidade e estabilidade. 

Proxecto Lector de Centro- Reivisións

Coa publicación dos currículos para Primaria e Secundaria en 2015, logo da renovación da norma educativa común (LOE-LOMCE), cómpre abordar a revisión dos Proxectos Lectores de Centro, vixentes e obrigatorios na nosa Comunidade Autónoma desde 2007.

Co fin de orientar a renovación destes Proxectos Lectores, achégase este documento con propostas de revisión e mellora.

Letras Galegas 2019 nas bibliotecas escolares galegas

Empezan a chegar os traballos das bibliotecas escolares arredor da figura de Antonio Fraguas, actividades relacionadas co autor e o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, destinadas a pór en valor o patrimonio material e inmaterial do noso país:

 

 

Recursos:

 

 

Telexornal "Antonio Fraguas" desde o CEIP dos Dices

 

Desde  o CPI Plurilingüe dos Dices (Rois-A Coruña) chéganos, como en anos anteriores, o telexornal adicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste ano 2019 as nenas e os nenos implicados nesta experiencia de alfabetización mediática e informacional traballaron sobre ANTONIO FRAGUAS, baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, e presentannos un documento imprescindible para achegarse ao escritor e a súa obra. Parabéns, un ano máis, por un proxecto de alta calidade e estabilidade.

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2018

Un ano máis, as consellerías de Cultura e Educación, a través das unidades responsables das bibliotecas públicas e escolares, xunto coa  Secretaría Xeral de Política Lingüística, convidan á celebración do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Ademáis da publicación dun manifesto que cada ano se encarga a un científico ou científica da nosa comunidade, desde a consellería de Cultura edítase un documento que recolle as actuacións no ámbito das bibliotecas escolares, do departamento de  Política Lingüística, e a programación das Biblioteca de Galicia e das seis bibliotecas nodais (públicas, de xestión autonómica) prevista para este mes. 
O Manifesto deste ano 2018 está asinado por Luís Navarro, Profesor titular de Bioloxía da Universidade de Vigo, integrante do grupo Divulgare, da mesma universidade, e ten frases lapidarias coma esta que moito lle agradecemos:  "Para ser libre mediante a cultura, igual ca para facer boa ciencia, hai que ler".  
Recomendamos a lectura pausada deste manifesto de Luís Navarro e lembramos algúns dos recursos dispoñibles para estimular o achegamento á ciencia en galego, en novembro e durante todo o ano, na biblioteca escolar. 
Recollemos aquí as actividades levadas a cabo durante este mes nas bibliotecas escolares galegas, relacionadas coa ciencia en galego.

María Victoria Moreno: "constelación literaria" arredor dalgúns dos seus libros

Como contribución ao recoñecemento da figura de María Victoria Moreno, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2018, desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ponse a disposición do profesorado interesado un material elaborado desde a Asesoría de bibliotecas escolares, arredor de varios títulos desta autora. 

Trátase dunha selección de títulos que se vinculan, a modo de "constelación literaria" con outros libros referenciais da literatura infantil e xuvenil galega, en base a distintos criterios (temática, personaxes comúns e outros). Para cada un dos títulos de María Victoria Moreno, hai ademais un espazo baleiro dispoñible que convida a continuar estas propostas.

Este cartel, que se pode descargar desde esta páxina en formato DIN A3, chegará en formato impreso a todos os centros de Galicia en breves datas.

Agardamos que sexa un material útil e que poida axudar no labor do profesorado e das bibliotecas escolares por conseguir vincular ao alumnado á lectura en galego, a través de textos  dos nosos autores e das nosas autoras e, moi especialmente neste ano, a través dos libros de María Victoria Moreno

24 de febreiro, Día de Rosalía

Retrato de Rosalía de Castro
O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de referencia da literatura galega. Son moitas as institucións que se suman desde hai anos a esta celebración do DÍA DE ROSALÍA que as bibliotecas escolares aproveitan para dar a coñecer ao alumnado os poemas, a vida e o significado desta gran autora. A obra de Rosalía cobra vida nas voces de nenas e nenos que recuperan en recitais, lecturas compartidas e todo tipo de actividades a forza da súa palabra. Atopan mozos e mozas na lectura dos seus versos unha muller actual e poderosa que se amosa cada ano que pasa máis próxima a todos e todas, a medida que os investigadores van desfacendo cos seus estudos as capas de escuridade que nola ocultaban. 
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convida neste 2018, baixo o lema #AbrideAFiestra, a celebrar este Día de Rosalía co agasallo dun libro galego e unha flor a amigos e familiares. Publica un manifesto na voz de María Reimóndez e propón, así mesmo, múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. 
Recollemos aquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas, como exemplo de que Rosalía de Castro habita un ano máis nos centros educativos. Ogallá os seus poemas sementen nas nenas e nos nenos o vinculo coa lingua que ela tanto dignificou.

As bibliotecas escolares recomendan...

 

As bibliotecas escolares galegas comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (e de cine, música e outros) para este tempo de inverno. Diferentes en contido, cantidade de información recollida ou eficacia das propostas, todas elas responden á intención do profesorado dos equipos de biblioteca de ofrecer orientación para unha lectura informada. A meirande parte destas guías recollen novidades pero, en ocasións loables, recuperan títulos imprescindibles, dos que xa teñen demostrado a súa capacidade para vincular os máis novos á lectura. En calquera caso, son unha ferramenta para o profesorado en xeral, para as familias e para os lectores e lectoras. Velaquí algúns exemplos:

Letras Galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 

 

Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2017, incorporan a Carlos Casares ao seu equipo de biblioteca, pois hai na súa obra textos fantásticos para poñer nas mans de nenos e nenas, textos para cuestionar o mundo cos adolescentes, textos para a reflexión e mirada diverxente, textos para facer lectores en galego. Desde pequeniños, que así nolo demostran na EEI de Barrionovo (Arteixo), onde fixeron "acuarelas para Carlos Casares" como a que ilustra esta entrada. Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2017:

Telexornal "Carlos Casares" desde o CPI dos Dices

Desde o CPI Plurilingüe dos Dices  (Rois, A Coruña) chéganos, como en anos anteriores, o telexornal adicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste ano 2017 as nenas e os nenos implicados nesta experiencia de educación mediática traballaron sobre CARLOS CASARES, baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, e preséntannos un documento imprescindible para chegar a coñecer o escritor e a súa obra. Parabéns por este excelente proxecto e pola súa estabilidade no tempo, un exemplo de que non hai que andar mudando de idea cada día para ofrecer innovación no ámbito educativo.

Guías de lectura Verán2015

Remata o curso escolar e as bibliotecas escolares galegas  comezan a difundir as súas recomendacións de lectura para este tempo de verán con títulos para toda a familia. Se alguén anda despistado e non sabe que ler, unha ollada a estas "guías de lectura" e poderá acudir a bibliotecas ou librarías cun bo feixe de recomendacións tanto de lectura como de música, cine, espazos web... Os profesionais das bibliotecas escolares axudando a construír sociedade lectora.  Velaquí algúns exemplos: 

COLABORACIÓNS:

30 de xaneiro: a Cultura de Paz nas bibliotecas escolares

Avanza o mes de xaneiro cara unha data ben significativa no ámbito educativo, o Día EScolar pola Paz (30 de xaneiro) que conmemora a morte de Mahatma Gandhi, hai agora 67 anos. Os centros educativos acostuman aproveitar esta data para traballar de forma intensiva contidos propios da Cultura de Paz:

"Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz" (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)

 

 

Libros, música, cine... en tempos fríos

Chega o período vacacional do Nadal e as bibliotecas escolares comezan a publicar as súas recomendacións de lectura: libros para todas as idades e para todos os gustos, pero tamén cine, música, enderezos electrónicos de interese... Os formatos laborarson diversos pero comezan a estar maioritariamente en soporte dixital, como esta selección de cine galego, do IES Pazo da Mercé (As Neves). Velaquí as "guías de lectura para o Nadal":

 

As matemáticas son para sempre


Porque hai quen explica as cousas cun sorriso... e as explica ben: As matemáticas son para sempre. Conferencia-TED de Eduardo Sáenz de Cabezón, matemático e profesor da Universidad de La Rioja, que ademais gañou con este monólogo o Concurso Internacional de monólogos científicos, que convoca a Fundación Española para la ciencia y la tecnología (FECYT).

Lembramos que o IES de Monelos (A Coruña) convocaba un Concurso de Matmonólogos, do que descoñecemos agora a súa continuidade; unha experiencia que sería mágoa perder. 

Amplíase a oferta de maletas viaxeiras

 

Coincidindo co mes da biblioteca escolar, neste mes de outubro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares daba a coñecer unha nova aplicación que, baixo o nome de MALETAS VIAXEIRAS, permite ás bibliotecas dos centros interesados a reserva de maletas de diferentes temáticas para levar en préstamo temporal, como apoio ás súas actividades. 

Ademais das xa coñecidas sobre cómic, lectura, Camiño de Santiago, Os mundos de Cunqueiro, matemáticas, e materiais para as familias, veñen de incorporarse dúas maletas moi especiais e que poden ser do interese dos centros de ensino secundario e formación profesional. Trátase das maletas de "economía", cunha selección coidada de libros e recursos audiovisuais que poden contribuír ao coñecemento das claves para entender o momento económico e social que vivimos nos últimos anos, pero tamén para introducir ao alumnado no ensaio, un xénero que precisa dun lector específicamente activo. 

As maletas ofrécense en préstamo temporal (15 días, agás excepcións) e os centros deben recollelas e entregalas na Asesoría de bibliotecas escolares (Consellería de Educación, San Caetano, Santiago de Compostela), persoalmente ou a través dos medios que consideren oportuno.  INSTRUCIÓNS

Poética matemática

As matemáticas están presentes na vida cotiá, tamén na ficción  e mesmo na poesía. As bibliotecas escolares comezan a compartir recursos moi diversos para facer efectivo o lema deste curso "Biblioteca escolar... matemático!". Destacamos algúns deles relacionados coas  matemáticas e a poesía. 

 

Imaxe obtida aquí (ver recursos didácticos de matemáticas) 

 

Informe Proxecto Kamishibai (2012-2014)


Neste vídeo podemos ver a nenas e nenos de 1º B do CEIP Frián-Teis, de Vigo, empregando o kamishibai para a presentación dun dos seus traballos de investigación, neste caso sobre a historia do Rainbow Warrior, a compañeiros seus do cuarto curso de primaria, un bo exemplo das posibilidades deste teatriño xaponés.

Trala recollida de valoracións dos 15 centros que participaron  no Proxecto Kamishibai no periodo 2012-2014, presentamos un breve infome sobre as posibilidades do kamishibai nas bibliotecas escolares e nas aulas. 

Entre as conclusións que se extraen das valoracións do profesorado destacamos: "O kamishibai é valorado claramente como un recurso moi útil para as actividades de expresión oral, narracións e recitais dentro da biblioteca escolar. Da mesa forma, considérase un recurso útil para a realización de actividades de expresión plástica e artística. Favorece o traballo e os intercambios colaborativos". Un 80% dos equipos de biblioteca consultados (usuarios do kamishibai), valoran positivamente o kamishibai como recurso para a adquisición de competencias básicas. 

  • "Aprenderon a sintetizar o texto nun só debuxo con trazos moi sinxelos"
  • "É un bo recurso para a atención á diversidade"
  • "Permite traballar distintas competencias de forma diferente"
  •  "Permite mellorar a competencia en comunicación lingüística desde a creación dos propios textos ata a posta en escea traballando a lectura expresiva".

ACCESO AO INFOME COMPLETO