2020/2021

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares - centros públicos. curso 2020/21

O DOG do 1 de setembro de 2020 publica o Orde de 24 de agosto de 2020 pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o curso 2020/2021. Intégranse 26 novos centros e, finalmente, son un total de 705 bibliotecas escolares as que conforman o PLAMBE-públicos neste curso que hoxe comeza, o que vén ser o 65% da totalidade da rede de centros públicos galegos.
As especiais circunstancias polas que atravesa a sociedade en xeral e o ensino en particular neste 2020 converten este curso que comeza nun importante reto para docentes, familias e alumnado; as bibliotecas escolares demostraron na primavera pasada que son un instrumento e un valor do centro á hora de enfrontar novas formas de vincular á comunidade educativa, de ofrecer recursos para apoiar as aprendizaxes, de reforzar as competencias clave do alumnado e de facilitar lecturas e actividades que axuden a medrar como cidadáns activos e como lectores críticos da realidade. Cómpre seguir na pescuda de todas as súas potencialidades, adaptándose á situación sanitaria pero con iniciativa para presentar solucións aos problemas que se presentan. 
 

Resolución provisional Plan de mellora de bibliotecas escolares- Públicos (centros de nova incorporación). Curso 2020/21

 

logo programa bibliotecas escolares de Galicia

O Portal Educativo publica hoxe, 14 de xullo, a relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2020/21, co detalle das contías asignadas inicialmente, segundo o previsto na Orde de 25 de maio de 2020 (DOG de 03/06/2020).  Intégranse, segundo esta resolución, 25 novos centros. Este número poderá incrementarse na resolución definitiva en función das baixas ou renuncias ocasionadas. Esta resolución final, que se publicará no DOG, previsiblemente no mes de setembro, recollerá a totalidade dos centros públicos integrados no PLAMBE para o curso 2020/2021 (705), así como as asignacións destinadas ás intervencións de mellora e actualización das bibliotecas escolares. 

Ábrese un prazo de 5 días naturais a contar a partir de mañá 15 de xullo, para a presentación das alegacións que se considere conveniente. 

 

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2020/2021 - Centros públicos

 

O DOG publica hoxe a Orde do 25 de maio de 2020 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o curso 2020/21.

Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2014, 2015 e 2016 poderán recibir, ademáis da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da  biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades deste curso 2019/2020.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de xullo.