Biblioteca Creativa 2020/2021

Materiais das Xornadas de Formación Biblioteca Creativa 2020

 
Os pasados 26 e 27 de outubro celebráronse, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, as Xornadas de Formación de Biblioteca Creativa 2020. As circunstancias sanitarias que vivimos obrigaron a unha experiencia mixta, coa formación presencial dos centros de nova incorporación e segundo ano para os obradoiros de escornabots e impresión 3D e a formación telemática do resto dos centros que integran o programa. 
Nestas xornadas, os 102 centros compartiron experiencias que son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística...) e posibilita á comunidade educativa múltiples oportunidades de aprendizaxe, expresión e creación.
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes viaxar por estos espazos de expresión e autonomía a través de experiencias cos escornabots, impresión 3D, creatividade, radio, recursos interactivos, alfabetizacións múltiples, E-téxtiles e novas tecnoloxías creativas...
 

Resolución BIBLIOTECA CREATIVA 2020/21

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 14 de outubro de 2020, pola que se resolve a convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA correspondente ao curso 2020/21. Incorpóranse 25 novos centros e  publícanse as asignacións que recibirán os 77 centros que presentaron a súa solicitude de continuidade neste proxecto. En total, son 102 centros PLAMBE os que participan nesta iniciativa destinada a apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación en espazos creativos e cooperativos no seo da biblioteca escolar.

Os espazos creativos ou espazos maker creados nestas bibliotecas son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle os multialfabetismos e atende as necesidades da comunidade escolar, ofertando oportunidades para as aprendizaxes a modo de laboratorio de creación e experimentación. 

Profesorado integrante dos equipos de biblioteca destes centros participarán nunhas xornadas mixtas (modo presencial/telemático) que se celebrarán os vindeiros 26 e 27 de outubro na Cidade da Cultura e do que xa se pode adiantar un programa.