Infantil e primaria

CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela): un centro LÍA.2

 
Alumnado voluntario da biblioteca do CEIP Lamas de Abade, de Santiago de Compostela, guíanos a través dunha reportaxe da súa emisora de radio pola biblioteca escolar que coñecen tan ben. A biblioteca O recuncho de Abadiño integrouse no Plan de mellora de bibliotecas escolares no ano 2006 e tense significado polas súas actividades de fomento da lectura e polos traballos interdisiciplinares nos que participa todo o centro, coordinados desde a biblioteca escolar, entre outros aspectos. En decembro de 2017 foi integrado no proxecto "Bibliotecas LÍA.2,  ao aceptar o reto da consellería, co fin de explorar as posibilidades de evolución da súa biblioteca cara un centro creativo das aprendizaxes. O traballo realizado até o momento indica que esa evolución estase vivindo xa e que non para aquí, porque é unha biblioteca viva que vai adaptarse ás necesidades do alumnado e da comunidade educativa. 
 
 

CEIP de Cervo (Cervo, Lugo): un centro LÍA.2

 
A biblioteca do CEIP de Cervo forma parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares desde 2007, cunha actividade sempre moi importante, aberta a colaboracións e compromisos co entorno a través de proxectos propios e de proxectos compartidos coa "micro-rede da Mariña", un dos grupos de colaboración de bibliotecas escolares máis activos de toda a Rede de bibliotecas escolares de Galicia. Co paso dos anos a comunidade educativa do CEIP de Cervo foi construíndo unha cultura pedagóxica ben enraízada no seu medio e aberta  tamén ao mundo, participando, desde o facer da biblioteca, en programas de colaboración europeos. A través de distintas voces desta comunidade de aprendizaxe que pouco a pouco vai construíndose no CEIP de Cervo, arredor da súa biblioteca, podemos coñecer un dos proxectos educativos de maior interese nisto que chamamos as #bescolaresgal: 
 

 

CEIP de Vilar de Barrio (Vilar de Barrio, Ourense): Un centro LÍA.2

 
Vilar de Barrio é unha poboación pequena da provincia de Ourense, situada na Serra de San Mamede, cun centro educativo de infantil e primaria pequeno (arredor de 50 alumnos e alumnas), cunha biblioteca ben fermosa e ben activa, a biblioteca da Araña Maraña. Esta biblioteca, integrada no Plan de mellora desde 2010, abordou importantes transformacións nos dous últimos anos e hoxe é un espazo educativo integral, unha biblioteca creativa potente, lugar de encontro e de creatividade, espazo de convivencia e de aprendizaxe, un centro LÍA.2, grazas a un equipo docente creativo e comprometido e unha rapazada imaxinativa e con ganas de aprender e compartir. Entremos na biblioteca da Araña Maraña sen medo e cos ollos abertos: 
 

CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra): un centro LÍA.2

Coñecemos, da man de nenas e nenos, nais e profesoras, a biblioteca do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra), unha biblioteca moi activa desde a súa incorporación ao PLAMBE en 2007. Incorporada ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2" en 2018, ampliou espazos e funcións, ofrecendo agora maiores posibilidades a toda a comunidade educativa para aprender con recursos diversos e ter acceso a bens e actividades culturais, nunha dinámica de atención á diversidade e igualdade de oportunidades para todas e todos. Explícao moi ben a responsable da biblioteca, Aurora Leirado cando di: "Todos estes recursos ao alcance do nos alumnado en medios onde, ao mellor, non teñen tanto acceso a nivel persoal a ter contacto con todo este tipo de cousas, é sen dúbida o mellor exemplo de que unha biblioteca é fundamental para a igualdade de oportunidades no acceso á cultura, á educación e a crear cidadáns capaces de compartir un espazo común e uns recursos comúns."

CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra): Un centro LÍA.2

Visitamos a biblioteca do CEIP Quintela, de Moaña, integrada no PLAMBE desde a segunda convocatoria en 2006, que evolucionou seguindo as necesidades do seu alumnado e o propio desenvolvemento do modelo de biblioteca escolar para adaptarse ás novas demandas que a sociedade lle vai facendo ao sistema educativo. De sempre, unha das liñas de traballo deste centro foi a colaboración coas familias, tamén desde a biblioteca escolar. En 2018 incorporouse ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2". O equipo docente aceptou o reto da consellería para colaborar na exploración das novas funcionalidades da biblioteca escolar e, como podemos ver neste audiovisual, os avances son importantes e a biblioteca é hoxe un espazo de encontro e un centro creativo das aprendizaxes, tal e como se pretendía. Coma en todos os centros LÍA.2, a biblioteca como organismo vivo seguirá ampliando os seus obxectivos e ofrecendo a toda a comunidade educativa ocasións para a lectura, a escrita, a investigación, o traballo colaborativo, a comunicación e a convivencia. 

CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, de Vigo: un centros LÍA.2

O CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, de Vigo (Pontevedra) iniciou no ano 2019 unha transformación importante para ampliar a súa biblioteca e incorporar novos espazos, novos servizos, novas funcionalidades, como centro incluído no proxecto "Bibliotecas LÍA.2". Realizáronse intervencións destinadas a favorecer o tipo de prácticas educativas que viñan levando a cabo, convencido como está o equipo docente dos beneficios das metodoloxías activas, o traballo colaborativo e a formación do alumnado en competencias informacionais e mediáticas coa lectura e a escrita na base de todo. Unha biblioteca viva e inclusiva onde todo o alumnado pode desenvolver as súas capacidades. Un centro creativo das aprendixaxes en pleno exercicio. Este documento audiovisual, gravado na biblioteca do centro no outono de 2020 é un bo exemplo de como as bibliotecas escolares poden seguir sendo espazos de encontro e de aprendizaxe, mesmo en situacións adversas. Só é preciso ter claro os obxectivos e formar ao alumnado no uso dos espazos e dos materiais, e axustar as actuacións ás circunstancias, agardando tempos mellores.

CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña-Rianxo, A Coruña): un centro LÍA.2

O CEP Xosé María Brea Segade é un centro integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares desde 2006, na segunda convocatoria deste programa. Foron aló moitos cursos e moitas foron as transformacións vividas por esta biblioteca en paralelo ás mudanzas que se foron sucedendo no mundo educativo nestes últimos quince anos [Vídeo gravado en 2012]. Sempre o protagonismo foi do alumnado e da comunidade educativa no seu conxunto, unha das claves da traxectoria desta biblioteca escolar: os traballos por proxectos, o fomento da lectura, a normalización da lingua, a formación do alumnado en competencias informacionais e mediáticas, a procura da súa autonomía como lectores e lectoras, a cultura tradicional como base sobre a que medrar como persoas cos pés ben firmes no chan que pisan e a mirada posta no futuro que cómpre construír. En 2018 o Brea Segade foi convidado a participar neste proxecto LIA.2 que busca explorar, en colaboración coa comunidade educativa, as posibilidades da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes". Pasado un ano procúranse evidencias das transformacións realizadas e de como repercuten no día a día do alumnado e nas prácticas pedagóxicas do centro. Este vídeo, gravado no outono de 2020, serve de testemuña da cultura pedagóxica que comparten moitos centros galegos nos que a biblioteca é un "acelerador de innovación", e da que é un bo exemplo a BBS, a Biblioteca do Brea Segade. 

Resolución BIBLIOTECA CREATIVA 2020/21

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 14 de outubro de 2020, pola que se resolve a convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA correspondente ao curso 2020/21. Incorpóranse 25 novos centros e  publícanse as asignacións que recibirán os 77 centros que presentaron a súa solicitude de continuidade neste proxecto. En total, son 102 centros PLAMBE os que participan nesta iniciativa destinada a apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación en espazos creativos e cooperativos no seo da biblioteca escolar.

Os espazos creativos ou espazos maker creados nestas bibliotecas son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle os multialfabetismos e atende as necesidades da comunidade escolar, ofertando oportunidades para as aprendizaxes a modo de laboratorio de creación e experimentación. 

Profesorado integrante dos equipos de biblioteca destes centros participarán nunhas xornadas mixtas (modo presencial/telemático) que se celebrarán os vindeiros 26 e 27 de outubro na Cidade da Cultura e do que xa se pode adiantar un programa.

Materiais para o Espazo Creativo da Biblioteca

 

Dentro do contexto actual de alfabetizacións múltiples e de modelo evolucionado de biblioteca, no ano 2016 deséñase o proxecto piloto "Escornabots na biblioteca escolar". No ano 2018, o proxecto muda de nome para responder á nova realidade das bibliotecas implicadas, pasando a chamarse "Biblioteca Creativa". Falamos de espazos cooperativos que contemplan todo tipo de linguaxes e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación.

Achégase un documento de apoio cunha selección de materiais e recursos para conformar este espazo. Cada biblioteca debe escoller os máis axeitados ao espazo dispoñible, á idade do alumnado e ás prácticas que interesa incentivar. Os materiais deben ir acompañados da bibliografía que apoie e optimice o seu uso.

O vídeo  presenta unha selección de imaxes de materias e espazos de bibliotecas escolares de Galicia.

 

Bibliotecas LÍA.2, entrega 1: EEI Barrionovo (Arteixo)

 
 
A finais de 2016 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do seu Plan LÍA de bibliotecas escolares, puxo en marcha un novo proxecto denominado LÍA.2, polo que se ofreceu a catro centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, con excelente traxectoria, espazo axeitado, experiencia no traballo por proxectos, compromiso do equipo directivo e do equipo docente e localización en zonas rurais, a posibilidade de realizar melloras na súa biblioteca nunha dinámica de exploración das posibilidades de evolución do modelo de biblioteca escolar cara un "centro creativo das aprendizaxes". Os primeiros catro centros que aceptaron o reto están xa a pleno rendemento e co fin de dar a coñecer a súa experiencia iniciamos a difusión dunha serie de vídeos gravados no último trimestre do curso 2017/2018 e todos e cada un destes primeiros catro centros integrados no proxecto. 
Comezamos a serie visitando a EEI Barrionovo, de Arteixo (A Coruña), un centro de educación infantil que puxo en marcha, ademais doutras melloras na súa biblioteca, unha sección á que denominan "espazo fedelleiro": un espazo creativo, sección vinculada á biblioteca inicial, configurado e deseñado para a experimentación e a creación. Coñecemos a súa realidade nas voces das profesoras e de outras integrantes da comunidade educativa: 

"Espazo fedelleiro", ou cando a biblioteca avanza cara un "centro creativo das aprendizaxes".

 
Comeza o curso e comeza a materializarse un pequeno proxecto piloto no que participan 4 centros educativos [EEI Barrionovo (Arteixo), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco), CPI Cruz do Sar (Bergondo) e CEIP Canosa Rus (Coristanco)] integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, con longa e experimentada traxectoria de atención á biblioteca e de traballo a prol da innovación metodolóxica e situados, ademais, en zonas rurais. Con eses vimbios, a colaboración dos equipos docentes (e o compromiso dos equipos directivos correspondentes), estes centros van axudar a explorar novos avances na configuración da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes".  Durante o curso 2016/2017 recibiron axudas extra para equipamento así como orientación da Asesoría de bibliotecas escolares. A pilotaxe deste Proxecto LIA.2 (unha iniciativa contemplada no Plan LÍA 2016/2020 ca CCEOU), esténdese ao longo do presente curso 2017/2018 coa utilización plena das bibliotecas renovadas e a posta en marcha de proxectos que implican o uso extensivo de todos os recursos e posibilidades da biblioteca escolar. O seguimento desta pilotaxe e as valoracións obtidas, permitirá novos avances na Rede de bibliotecas escolares de Galicia. 
Unha das liñas de traballo marcadas é a inclusión dun espazo maker na biblioteca, que ten comezado en moitos casos coa presenza dos "escornabots", pero que garda moitas outras posibilidades. Vemos un excelente exemplo nesta Inauguración do ESPAZO FEDELLEIRO, da EEI de Barrionovo (Arteixo), un dos centros participantes desta pilotaxe.

Proxecto Escornabots na biblioteca escolar - 2017

O Portal Educativo publica a Resolución de 17 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o Proxecto Escornabots na biblioteca escolar para o ano 2017, no contexto do Plan LÍA 2016/2020. Esta iniciativa, que botou a andar no ano 2016,  ten dados excelentes resultados nos 20 centros integrados até o momento no proxecto piloto (En breve, difundirase o informe de valoración cos resultados do primeiro ano do programa).

Poderán participar os centros públicos, de titularidade da consellería, ntegrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2016/2017 e, así mesmo, poderán solicitar a súa continuidade os centros xa integrados. Seleccionaranse un total de 20 centros de nova incorporación entre as solicitudes presentadas. Para a selección terase en conta a valoración acadada na memoria PLAMBE do curso 2015/2016 (ou proxecto, no caso dos centros novos no PLAMBE). Terán prioridade, en igualdade de condicións, os centros situados en concellos de ámbito rural.  A participación neste programa conleva un compromiso de participación nas actividades formativas previstas na convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de abril.

CEIP de Rubiáns: Robótica na biblioteca

Robótica na biblioteca
Ao fío do Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar" o CEIP de Rubiáns achéganos o traballo que están a desenvolver coa robótica na biblioteca: http://bibliotecarubians.blogspot.com.es/2017/03/robotica-na-biblioteca.html

CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña: TODOS SOMOS MAKER! Obradoiros maker internivel

Dende o CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña achégannos unha experiencia internivel innovadora dentro do Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar": Obradoiros maker internivel.

"Como todos somos maker e neste cole nos encanta mezclarnos @s peques c@s maiores, organizamos uns obradoiros maker internivel. Mezclados por idades, dende os 3 aos 12 anos, pasamos unha divertida e interesante xornada, na que ademais de aprender, ampliamos as nosas posiblidades de xogo no recanto maker.

Os obradoiros elexidos foron 6, 4 relacionados cos escornabots e a programación, onde puxemos a proba aspectos matemáticos e creatividade. Un de littleBits, onde animamos ao Mago Fuco, e outro no que fixemos un proxecto maker que puidemos elaborar con material do máis cotiá, unha man robótica. Porque para ser maker non fai falta gran cousa, so moita imaxinación e creatividade."

CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña: Recanto maker

Recanto maker
 
Dende o CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña achégannos as seguintes experiencias integradas no Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar":
 
Puxemos a andar decentemente o noso recanto maker, gracias ao pulo recibido por entrar no Proxecto Escornabots de Bibliotecas Escolares, si nos pareceu pertinente facer un oquiño para ensinarvos algunhas cousiñas do que estivemos a facer. Deixámosvos unha serie de entradas nas que fomos publicando o feito en torno ao recanto e ao que representa:

CEIP de Rebordáns: Entroidobot

Despois dun traballo de investigación na Biblioteca e na clase descubrimos o entroido de Galicia xogando co noso Escorni.

Sorry, flash is not available.


Novas experiencias do EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña) cos Escornabots e as familias

Nestes días quixemos que as familias formaran parte opinando sobre os okupas que tiveron nas casas durante unha semana a través das mochilas viaxeiras. Outra visión do traballo coa robótica desde a biblioteca escolar.

Aprendizaxe por descubrimento, ou como facer andar ao escornabot

Andan xa os escornabots nas mans de nenas e nenos dando os seus primeiros pasos. Desde a biblioteca do CEIP do Foxo (A Estrada), achégannos varios  vídeos a través dos que podemos coñecer os avances das nenas e nenos de infantil no seu trato co pequeno robot, así como un exemplo de utilización como "axudante" de biblioteca: 

Outros vídeos de interese:

OUTRAS EXPERIENCIAS:

+ información

Os Escornabots camiñan xa polas bibliotecas escolares

O pasado 13 de maio celebrouse en Compostela a sesión presencial da actividade formativa incluída no Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar", coa participación de profesorado vinculado á biblioteca escolar dos 20 centros seleccionados para a súa participación nesta nova iniciativa integrada na segunda fase do Plan LÍA Bibliotecas Escolares. Participaron, así mesmo, asesores e asesoras de varios centros de formación do profesorado, tamén vinculados ás actividades de formación en materia de bibliotecas escolares.
Durante a xornada, tras as inforamcións iniciais e a contextualización do proxecto, houbo ocasión para montar os pequenos robots e para comprobar algunhas das súas posiblidades didácticas. 
A actividade formativa continúa de forma virtual a través de Platega. Posterioremente, todos os recursos e propostas ficarán en aberto para o conxunto do profesorado. 
Algúns exemplos que nos van chegando:

Voluntariado de lectura-A, 2015/2016. Centros seleccionados para as Xornadas de convivencia

O Portal Educativo publicou recentemente a Resolución da D.X. de Centros e Recursos Humanos, de 6 de maio de 2016, pola que se resolve a convocatoria de Voluntariado de lectura-A correspondente ao curso 2015/2016, unha iniciativa integrada no programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Recibidas as memorias de actividades do alumnado voluntario na biblioteca escolar durante o presente curso, a comisión de valoración prevista na convocatoria acordou seleccionar catro centros de entre os inscritos nesta iniciativa, co fin de que unha representación do seu alumnado voluntario participe nas Xornadas de convivencia do Voluntariado de Lectura, a celebrar do 24 ao 27 de maio no Centro Residencial Docente da Coruña (Culleredo). Ao renunciar o único centro inscrito da provincia de Ourense, acordouse escoller un centro máis da provincia con maior porcentaxe de participación:

Un grupo de 50 alumnas e alumnos (acompañados dun/ha profesor/a) procedentes destes centros participará durante catro días dun intenso programa de actividades todas elas relacionadas con actividades colaborativas, xogos tradicionais, lectura expresiva, xogo dramatizado, danzas do mundo, narración oral ou música e danza tradicionais. O programa complétase cunha visita á Biblioteca Pública Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, de A Coruña. Cada grupo de alumnos e alumnas voluntarios da lectura terá oportunidade para amosar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades que ao longo do curso realizaron como axudantes da biblioteca escolar na xestión da biblioteca pero tamén na organización de actividades de lectura destinadas a outros alumnos e alumnas do centro, as chamadas activdades de lectura compartida dentro ou fóra do centro.

Proxecto piloto " Escornabots na biblioteca escolar". Convocatoria.

O Portal Educativo publica hoxe a Convocatoria do 8 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos referida ao proxecto piloto "ESCORNABOTS NA BIBLIOTECA ESCOLAR", unha iniciativa incluída no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares que está destinada aos centros de infantil e primaria que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2015/2016.

As bibliotecas en xeral, tamén as escolares, están a vivir importantes transformacións e unha das máis importantes e a de acoller todo tipo de actividades nas que as persoas usuarias (neste caso, alumnado, profesorado e familias) poden atoparse para pensar, deseñar, facer, construír e aprender xuntas, na liña dos makerspaces ou dos laboratorios de ideas.

Na actualidade, as bibliotecas escolares contemplan todo tipo de linguaxes (oral, escrito, icónico, audiovisual, artístico...) e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación. Neste contexto de alfabetización múltiple encádrase a presente iniciativa, destinada a introducir nas bibliotecas escolares unha nova linguaxe, a linguaxe de programación, e impulsar a utilización de pequenos robots en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, a creatividade, o traballo colaborativo, a investigación, a aprendizaxe manipulativa e o xogo.  

O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de abril de 2016.

Rus entre Planetas. CEIP Canosa-Rus (Coristanco). Premio II Concurso de Traballos por Proxectos

O CEIP Canosa-Rus, de Coristanco (A Coruña) involucrouse durante o curso 2014/2015 nun proxecto documental integrado, coa participación de toda a comunidade educativa, baixo o título RUS ENTRE PLANETAS. Este traballo mereceu un dos premios do II Concurso de Traballos por Proxectos, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados coordinados desde a biblioteca escolar. 
Planificación, liderazgo da biblioteca e a excelente coordinación dos diferentes equipos docentes son claves no desenvolvemento deste proxecto que permitiu ás nenas e nenos do Canosa-Rus achegarse ao mundo da astronomía desde distintos ámbitos e participar así dunha experiencia de aprendizaxe viva e enriquecedora. A memoria do proxecto resume obxectivos, contidos e tarefas realizadas, entre outras cuestións, e a web específica do proxecto amplía toda a información e permítenos coñecer con maior profundiade o traballo realizado e o clima de implicación (e de satisfacción)  dos distintos sectores da comunidade educativa. Ensino de calidade no rural galego!