Proxecto piloto " Escornabots na biblioteca escolar". Convocatoria.

O Portal Educativo publica hoxe a Convocatoria do 8 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos referida ao proxecto piloto "ESCORNABOTS NA BIBLIOTECA ESCOLAR", unha iniciativa incluída no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares que está destinada aos centros de infantil e primaria que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2015/2016.

As bibliotecas en xeral, tamén as escolares, están a vivir importantes transformacións e unha das máis importantes e a de acoller todo tipo de actividades nas que as persoas usuarias (neste caso, alumnado, profesorado e familias) poden atoparse para pensar, deseñar, facer, construír e aprender xuntas, na liña dos makerspaces ou dos laboratorios de ideas.

Na actualidade, as bibliotecas escolares contemplan todo tipo de linguaxes (oral, escrito, icónico, audiovisual, artístico...) e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación. Neste contexto de alfabetización múltiple encádrase a presente iniciativa, destinada a introducir nas bibliotecas escolares unha nova linguaxe, a linguaxe de programación, e impulsar a utilización de pequenos robots en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, a creatividade, o traballo colaborativo, a investigación, a aprendizaxe manipulativa e o xogo.  

O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de abril de 2016.