Iniciar sesión: Acceso

Últimas novas

Temos moitas novas que contarvos, xa que os últimos días foron moi intensos: aprendemos coa axuda dos escornabots, a posta en marcha de Radio Guímaro, o Día de Rosalía, a semana da prensa e o Día da Muller Traballadora.

Nos últimos días chegaron uns “amigos moi especiais” ao centro, os escornabots, co obxectivo de aproveitar as vantaxes que ofrece a robótica e a programación no ámbito educativo. Estámonos iniciando neste mundo, comprobando o alto grao de motivación do alumnado, a construción de aprendizaxes significativas que proporciona…Deixámosvos unhas fotos desta primeira toma de contacto.

Outra nova oportunidade que se nos abre para a aprendizaxe é o fascinante mundo da radio, un medio de comunicación que ten algo especial, diferente, único…Nos últimos días contámosvos que instalamos no centro unha radio escolar. Non vos podedes imaxinar a expectación que provocou no alumnado, a ilusión que tiña porque este novo proxecto botase a andar.

Por tanto, están emocionados, intrigados, participativos, felices…Condicionantes idóneos para unha aprendizaxe significativa. Poñen en práctica competencias como a expresión escrita e oral, a capacidade de síntese, de respectar as opinións dos demais,  amosan autonomía, iniciativa, traballo en equipo, empatía, responsabilidade,  habilidades para buscar, contrastar e comunicar información…aprenden disfrutando e disfrutan aprendendo.   

A nosa radio, a radio na que todos vós nos podedes seguir leva o nome de Radio guímaro. Hoxe saen á luz os primeiros programas gravados durante estes días; a temática estivo centrada en Rosalía, na importancia de reivindicar o papel da muller na sociedade e na semana da prensa, temas dos que falaremos deseguido.

Se facemos un percorrido pola historia, Rosalía de Castro merece unha mención especial. Cada día, e dunha forma especial cada 24 de febreiro, Rosalía segue abrindo fiestras.

As nenas e os nenos, nestes días empapáronse de Rosalía de Castro:

O alumnado de infantil recitou poemas.

1º e 2º puxéronlle a súa voz a “adiós ríos, adiós fontes”.

Radio Guímaro.

 

3º e 4º “entrevistaron” a Rosalía de Castro, e recitaron un poema. 

Radio Guímaro entrevista. Radio Guímaro poema.

5º e 6º repasou a súa obra e algúns dos poemas máis significativos.

Radio Guímaro.

Deixámosvos unhas fotos dalgúns dos murais que elaboramos sobre a súa obra.

O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, aínda que todos os días debemos loitar pola igualdade, polos dereitos da muller, pola non discriminación, para que sexan valoradas xustamente…porque o Día da Muller son os 365 días do ano. Agardemos que o mundo progrese polo camiño correcto e algún día non sexa preciso conmemorar esta data.

Se miramos ao noso arredor vemos ás nosas avoas, nais, irmáns, compañeiras…que son un exemplo para nós, mulleres loitadoras, cunha serie de valores dos que nos debemos impregnar.

Dende Radio Guímaro, ademais de falar sobre Rosalía, demos a coñecer algunhas das moitas mulleres que loitaron polos seus dereitos, pola igualdade…

- Martes 6 de marzo

Simone Veil foi a protagonista do día, da man de Roi, Xulia, Aday e Carlos.

Radio Guímaro.

- Mércores 7 de marzo

 Lorena, Noé e Xana lembráronnos a vida de Simone de Beauvoir

Radio Guímaro.

- Xoves 8 de marzo

Moraima, Jéssica, Sarai e Lucía amosáronnos a vida de Clara Campoamor.

Radio Guímaro.

Vivimos na sociedade da información, polo que para facer fincapé nisto, e aproveitando a conmemoración da semana da prensa, Rafa Aguiar e María Valcarce, da cadea Ser Monforte, visitáronnos para coñecer máis sobre o xornalismo, descubrir un chisco máis a maxia que envolve o mundo da radio…

Escoitade o programa de Radio Guímaro que gravamos con eles para descubrir de primeira man a entrevista que lles realizamos.

- Venres 9

Na Casa da Cultura de Monforte asistimos á presentación do conto dedicado no pasado curso a Balbina López, farmacéutica do Saviñao. É coordinado polo CIM de Monforte de Lemos e no que colabora o Colectivo Lemos Le, integrado polos colexios e bibliotecas municipais da zona.

De camiño coñecemos á muller sobre a que traballaremos este ano, Genoveva González, unha mestra do concello de Bóveda.

Este mesmo día, xuntámonos na biblioteca para escoitar os programas que levamos feito, e para reflexionar sobre o traballo realizado.

 

Lembrade: escoitade Radio Guímaro.