Intercambio I.E.S. Laxeiro-Lycée Champ-Blanc

No curso pasado, 2007-08, catorce alumnos do IES Laxeiro de 4ºESO e 1ºBACH. fixeron o intercambio con 15 alumnos do Lycée Champ-Blanc; a cada alumno atribuíuselle un compañeiro de intercambio co cal conviviu durante a súa estancia no país estranxeiro.

intercambio 2007-08, alumnos participantes

En cada curso escollemos un tema central que lles dá coherencia a tódalas actividades que se desenvolven no marco do intercambio.

Neste caso escollemos o tema da gastronomía por ser moi interesante dende varios puntos de vista: cultural, social, económico.

Tamén quixemos aproveitar este tema para insistir nuns bos hábitos alimenticios que temos cada vez máis tendencia a esquecer.

Os alumnos do Lycée Champ-Blanc foron os primeiros en viaxar. Chegaron a Lalín o xoves 03 de abril de 2008 e marcharon o venres 11 de abril.

Durante a súa estancia en Galicia, tiveron a oportunidade de coñecer o noso centro, de asistir a clases normais e de participar en varias excursións relacionadas co tema central do intercambio: fomos ao Grove para coñecer un pouco mellor todo o que rodeo o mundo da pesca e da piscifactoría; visitamos a cooperativa FEIRACO en Negreira e tamén fomos á terra do queixo do Cebreiro.

Estas excursións tamén lles deron a oportunidade aos nosos invitados de coñecer as nosas Rías Baixas, a cidade de Santiago e de facer un pequeno tramo do Camiño de Santiago (baixo a chuvia...).

No noso caso, tocounos viaxar a Francia do 07 ao 17 de maio.

A nosa estancia coincidiu con varios días festivos no país veciño, o cal lles permitiu aos nosos alumnos convivir coas familias de acollida de forma máis "intensa"; inda que tamén puidemos asistir a clases normais no instituto e facer varias excursións: visitamos a cidade de Nantes, na que coñecemos máis de cerca o seu importante mercado e a empresa LU, unha das máis importantes empresas de Europa dedicadas ao sector alimenticio; tamén pasamos unha mañá nunha escola de hostelería da cidade de Cholet; visitamos unha granxa dedicada á produción de leite e outros produtos láctos ecolóxicos; e finalmente tivemos un encontro cunha especialista en nutrición que nos deu consellos moi valiosos para mellorar a nosa alimentación.

Foi polo tanto un intercambio moi rico en experiencias e emocións, que ano tras ano nunca deixa indiferente a ningún dos alumnos participantes.