O IES Laxeiro contra a violencia de xénero, un ano máis

O centro desprega a súa maquinaria igualitaria este 25 de novembro, aínda que non só, xa que todo o ano programa unha serie de actividades que poñen o foco na igualdade do home e da muller, tendo en conta que a nosa adolescencia construirá a sociedade do futuro. Un futuro que só pode ser mellor se os mozos e mozas que poboan as nosas aulas cren nun mundo igualitario e solidario. De aí que durante todo o ano diferentes organizacións e ONG paseen polos nosos corredores lembrando a todo o alumnado a importancia da construción social igualitaria.

Esta semana, a actividade do 25N céntrase nos seguintes aspectos:

.- Exposición de libros pola Igualdade baixo o cartel “Para que non exista a violencia debe existir a igualdade”

.- A primeira hora da mañá, para todo o centro, o alumnado de 4º ESO –C realizará unha performance que pon a ollada máis directa sobre o problema do control na adolescencia. Control das redes sociais e control do xeito de vestir, a performance é unha metáfora do que están a vivir unha parte de mozas e mozos na nosa sociedade actual.

.- Lectura de relatos e poemas en contra da violencia de xénero.

.- A segunda hora da mañá o alumnado de 1º de ESO realizará unha plantación de flores violetas en lembranza das mulleres asasinadas este ano 2016.

.- Durante os recreos, e no salón de actos, toda comunidade educativa está convidada a deixar a súa repulsa persoal contra esta lacra social.

.- “Homes pola igualdade”: fotografías de homes con diferentes lemas que apostan pola igualdade.

.- Ás 12, o alumnado de 4º de ESO estará no concello participando activamente na denuncia da violencia

.- O sábado 26 o alumnado dos clubs de lectura de 4º ESO e 1º Bacharelato serán contacontos de lecturas pola igualdade no Pontiñas.