Skip to Content

Actividades Espazo maker

Actividades desenvolvidas no Espazo Maker do IES Plurilingüe Elviña

Facendo chapas

Os rapaces de 2º ESO A estiveron a fabricar chapas identificativas co logo do grupo de investigación ao que pertencen, que lucirán nas batas de laboratorio. Unha vez escollidas as imaxes de Curie e Newton pasaron á acción: fabricaron chapas de alfinete como auténticos profesionais, iso si, sen perder a vertente divertida. Decidiron o deseño, repartiron o traballo e había que velos usando a máquina de facer chapas, poderían crear unha produtiva empresa de merchandising.  

IMG-20210405-WA0001.jpgIMG-20210405-WA0003.jpgIMG-20210405-WA0005.jpg
20210322_095224.jpg20210322_095151.jpg

Aproveitando esta actividade estiveron coñecendo curiosidades destes dous científicos aos que homenaxean e participaron en concursos sobre a súa vida e as súas investigacións. A loita foi dura xa que tiñan moitos coñecementos sobre Marie e Isaac e ó final todos gañaron aínda que só houbese un vencedor.

VAI DE PREMIOS NOBEL

O pasado martes día 6 a Academia Sueca fallou o Premio Nobel de Física 2020. Entre os tres galardonados polas súas contribucións á física dos aguxeiros negros atópase o británico Roger Penrose. Aínda que non é usual que fagamos este tipo de declaracións, o recoñecido amor pola ciencia pura imperante no alumnado do IES Plurilingüe Elviña (e, por que non dicilo, un certo inconfesado desexo de saír das tristes rutinas impostas polo ditoso virus), lévanos a abrir esta xanela para felicitar a un dos descubridores do Efecto Terrell.

Penrose-01Penrose-01
Penrose meditando (é o da dereita)Obra adicada do autor a un tal Pedro

Sherlock fai das súas

Os alumnos e as alumnas de 6º de primaria do centro adscrito CEIP Plurilingüe Manuel Murguía puxeron en práctica os seus dotes detectivescos localizando impresións dixitais. No laboratorio de Ciencias Naturais trataron con po de carbón, e unha minuciosidade propia de Sherlock Holmes, o material de vidro para buscar as impresións dixitais escondidas. Pero non acabaron aí as súas ansias detectivescas, no laboratorio de Química traballaron como auténticos CSI usando iodo para o revelado das pegadas e seguindo todo o procedemento dun laboratorio de criminalística (bata de laboratorio, lentes e campá extractora incluída).

Toda a rapazada gozou desta busca de pegadas, e os que non somos tan rapaces tamén, e esperamos con ansia compartir máis actividades no espazo maker.

 

     

O espírito maker esténdese sobre Elviña

Os alumnos e alumnas de 1º da ESO sacaron o seu carácter máis emprendedor e estiveron a fabricar xabóns durante os recreos do mes de xaneiro. Fixérono no laboratorio do departamento de Ciencias Naturais, que foi gustosamente cedido por Luís mentres non chega a dotación para o espazo Maker. Os rapaces e rapazas non só decidiron as formas e os cheiros, senón que tamén realizaron toda a elaboración dos xabóns, mostrando unha gran autonomía e moitísimas ganas de aprender facendo. Realizaron un magnífico traballo en equipo e pasaron un tempo de lecer moi entretido e divertido. Seguide así!

 

CONCESIÓN DO ESPAZO MAKER AO IES PLURILINGÜE ELVIÑA

Espazo Maker

IES Plurilingüe Elviña está de noraboa!

     O noso centro ven de obter un dos dez Espazos Maker que a Consellería de Educación sacou a concurso a través da Convocatoria da súa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con esta concesión o noso instituto súmase ao moi selecto grupo de institutos de toda Galicia (só dez ata o momento) que contan cun espazo destas características. Os "Espazos Maker" foron creados co desexo de dotar aos centros de ensino dunha aula completamente acondicionada para o desenvolvemento de actividades de carácter científico-tecnolóxico (actividades STEM nas súas siglas inglesas: Science, Tecnology, Engineering e Mathmatics).
     Certamente, é un motivo de orgullo para o centro esta noticia, que supón a recompensa para case un ano de esforzo no deseño e composición do proxecto de traballo co que o IES Elviña participou na convocatoria. Parabéns á súa principal responsable e a todo o persoal que se implicou na súa realización. O agradecemento de todo o centro tamén a todos os que, desde fóra, sexa co bo consello ou cos bos desexos, colaboraron tamén e alentaron a súa consecución.

Adorno

     A partir de hoxe, abriremos unha xanela na nosa web para as actividades e novidades deste novo e flamante espazo de traballo. Vémonos!

Distribuir contido


by Dr. Radut