Skip to Content

ELVIÑA NO MUNDO

Historia viva de ELVIÑA

     Unha débeda pendente dos centros de ensino do noso país é a escaseza de vínculos co alumnado do seu pasado. O labor educativo, académico, remata cos exames finais e deixa ao alumnado na liberdade de continuar os seus estudos na Universidade, noutras ensinanzas ou de entrar no mercado de traballo.  Son moitas as ocasións en que antigos alumnos "regresan" ao centro sexa para matricular aos seus fillos, sexa para facer unha visita e lembrar tempos xuvenís, para facer algunha xestión administrativa, ou mesmo para traballar, desde esta barreira, coma profesorado agora, acolléndose ao claustro histórico do instituto de Elviña.

     Esperta certa envexa o coidado que noutras terras ponse no vencello entre a fría institución e as vidas intensas de quen pasou por ela. Por iso, abrimos aquí esta xanela ás novas que nos chegan de exalumnos e exalumnas, coma un xeito de subliñar o respecto e o orgullo co que, desde a actualidade, o IES Plurilingüe Elviña mira ao seu pasado, e a segura convicción que temos de que o noso alumnado actual encherá no futuro moitas páxinas ilustres no devir das ciencias e das artes.

Marisol Soengas: exalumna do IES ELVIÑA, autoridade na loita contra o melanoma

     Unha persoalidade de relevancia no mundo da investigación médica é Marisol Soengas que fixo os seus estudos de secundaria no noso centro para acadar despois a licenciatura e o doutoramento en Bioloxía pola Universidade Autónoma de Madrid e obter, a partir dos seus estudos, importantes logros laborais e distincións (como o premio Josefa Wonenburger no ano 2009).
     As súas investigacións no estudo do melanoma teñen sido noticia en distintas ocasións, e mesmo no mes de abril do ano pasado se lle adicou un número do dominical El País semanal sobre as mulleres españolas na ciencia actual (clicar na foto para acceder á entrevista). Adicámoslle un afectuoso recordo desde esta a nosa web. Sexa exemplo para as nosas estudantes do presente dos éxitos profesionais obtidos a base de estudo, paixón e traballo.

Marisol Soengas



page | by Dr. Radut