Skip to Content

ACTOS DO 40 ANIVERSARIO: LUIS VEIRA NO IES

Luis Veira: tamén mestre fóra da cociña

    Dentro doVeira-03s actos que o IES Plurilingüe Elviña está a organizar para a celebración do seu 40 aniversario, este luns 19 de Marzo tocoulle o turno a un artista da gastronomía, e máis tamén home do barrio, o cociñeiro Luis Veira, chef do restaurante Árbore da Veira da rúa de San Andrés.

      Luis Veira é un deses cociñeiros dos que se pode dicir que teñen algo máis que sona. O seu nome é un dos poucos que se escoitan cando se oe falar da alta cociña galega. Certamente, ten unha Estrela Michelín e traballa ben arreo para obter a segunda. Disque a xente de éxito vive alí enriba, encumiada na divinidade da súa gloria. Se cadra é así con algúns persoeiros, pero, desde logo, non é o caso de Luis Veira, que deu no noso instituto unha soberana lección de cercanía, de familiaridade e de entusiasmo polo seu traballo. Falou coa rapazada de ESO e Bacharelato como quen fala cuns amigos aos que hai tempo que non ve, e aos que pode dar consello afectuoso. Na súa charla, amena, directa, persoal, falou do seu restaurante e dos seus pratos, fixo reconto da súa vida, da súa época como estudante (“yo fui muy mal estudiante, pero muy malo”) e do seu esforzo diario para chegar ao éxito actual. Pode que, ás veces, as cousas non saian como un quixera, pero Luis deixou claro que ninguén chega lonxe se non se esforza e arrisca.

     En fin, a súa foi, ademais dunha estupenda charla, toda unha lección de filosofía de vida: non deixarse levar polo medo ao fracaso, a confianza no noso traballo ben feito son o segredo do éxito.

Veira-02Veira-04Veira-06
Veira-01Veira-07Veira-08

      Despois da súa charla, o noso convidado baixou ao xardín botánico do noso centro e apadriñou ao grupo de 1º de ESO C na prantación dunha árbore froiteira: un paraguaio (Prunus persica). A placa conmemorativa ficará coma testemuño da súa visita.

Veira-10Veira-08

O xornal La Voz de Galicia publicou unha breve reseña da visita na súa edición do día 20 e na súa páxina web.



page | by Dr. Radut