Skip to Content

Xornadas de portas abertas para alumnado 4º ESO dos CPI de Pontecesures e Catoira

Alumnado de 4º ESO do CPI de Pontecesurese Catoira

O mércores 16 e xoves 17 de marzo tivemos dúas xornadas de portas abertas para o alumnado de 4º ESO do CPI de Pontecesures e do CPI Progreso de Catoira. O alumnado destes dous centros puido coñecer de primeira man as instalacións do noso centro (aulas materia, laboratorios, talleres, Biblioteca,...), así como a oferta educativa de Bacharelato e Ciclos formativos, xunto coas actividades que se levan a cabo. O departamento de Orientación e a Vicedirección foron os encargados de deseñar e guiar estas visitas, que ademais contaron coa colaboración de alumnado de 1º e 2º Bacharelato.

Concurso: As Mulleres Filósofas 2022

Concurso as mulleres filósofas 2022

O departamento de Filosofía convocou, un ano máis, o concurso "As Mulleres Fiflósofas", coincidindo coa conmemoración do 8 de marzo, "Día Internacional da Muller" e coa exposición "As mulleres filósofas" que se pode ollar na Biblbioteca. En palabras do profesor responsable do concurso, Víctor González Zúñiga: "As mulleres filósofas son reclamadas en outras prazas e despídense do IES de Valga por este ano. A estancia foilles ben grata, segundo din. Non podía ser doutro xeito, claro está. O xoves 17 recollen, por iso, este mércores, pasánronse polas aulas de filosofía animando á participación no concurso que elas mesmas convocan. 1º de bacharelato e 4º da ESO festexaron. Na foto o alumnado en pleno proceso de investigación, xunto co alumno de 4º, Xavier Fontán, co agasallo gañador. Saúde, filósofas. Bo camiño. As botaremos de menos". 

Alumnado de 4º ESO participou no "Obradoiro de microscopia: quen vive aí?"

Alumnado 4º ESO B no obradoiro de microscopia

O alumnado de 4º ESO de Bioloxía-Xeoloxía e Cultura Científica asistiu, o pasado venres 11 de marzo, ao "obradoiro de microscopia: quen vive aí?" dentro das actividades dos proxectos Escola Verde e Sostibilidade, e tamén reforzando a presenza do composteiro no xardín do noso centro. Este taller consisitiu na identificación de invertebrados presentes nun composteiro, sinalando a súa función no proceso da compostaxe e tendo a axuda de sinxelos capturadores de fauna, material de aumento e chaves dicotómicas. A actividade foi organizada polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía e impartida por persoal do CEIDA -Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- (Oleiros)  dentro do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Alumnado 4º ESO A no obradoiro de microscopia

 

Alumnado de 3º ESO tivo un encontro co escritor Nee Barros

Nee Barros co alumnado de 3º ESO

O mércores 9 de marzo, o escritor Nee Barros visitou o noso centro para ter un encontro co alumnado de 3º ESO. Durante unha hora o autor de "Identidade" conversou co alumnado sobre cuestións como identidade de xénero e a realidade trans. Os alumnos e alumnas tiveron oportunidade, nunha charla moi dinámica, de facer preguntas tanto sobre estas cuestións como sobre a obra de teatro que leron neste trimestre. A actividade tivo lugar na Biblioteca e foi organizada polo departamento de Lingua Galega e Literatura.

O escritor Xesús Fraga participou no Club de lectura de adultos

Xesús Fraga cos asistentes ao Club de lectura de adultos

Na tarde do martes 8 de marzo, o escritor e xornalista Xesús Fraga participou no Club de Lectura de Adultos para disertar sobre a súa novela "Virtudes (e mentiras)". En palabras do responsable do Club de lectura, o profesor Víctor González:

Non están os tempos para ledicias, malos tempos para a lírica, que dicía o outro -pandemias, guerras, subida dos prezos..., para que máis-, por iso son moi de agradecer os aconteceres festivos que animaron o pasado día 8, día da muller, os corredores e aulas do IES de Valga. Hai que festexalo. Animou o dia a chegada das mulleres filósofas, como non podía ser de outro xeito. Tampouco é novidade, levan anos vindo, como ese cometa que cada non sei cantos anos para pola órbita de terra, como un agasallo para nos, terrícolas. É o cometa Halley. As mulleres filósofas son o noso cometa Halley. Dá gusto velas. Chegaron coma acostuman, silandeiras. Non son, certamente, de chamar atención, non traen charanga nin gaitas, nin falta que lles fai. De seguido colleron hospedaxe na Biblioteca, algúns alumn@s de Valores Éticos 3º da ESO, sempre entusiastas, as acomodaron. Tampouco precisan moito. Están afeitas á austeridade. Quedarán aínda uns días, encantadas de que a  visitedes. O mércores16 de marzo, véspera da súa partida, convocan ao alumnado que cursa filosofía en 4º da ESO e en 1º de Bacharelato a unha festa-concurso da que xa darán novas.
E para remate da festa, visitounos pola tarde, ao abeiro do club de lectura "Veigas de Campaña" o recente premio nacional de narrativa 2021 Xesús Fraga. Unha tarde inesquecible. Gustaríame ter verbas acordes mais precisaríase unha sintaxe á que non chego. É desas cousas que hai que experimentar, vivir, como a súa obra, "Virtudes (e misterios)”, un libro apaixonante, fermoso.... as mulleres filósofas quedaron encantadas... e non falo só das históricas, das María Zambrano, Simone de Beauvoir, e tantas outras, que nunca tal viran, e mira que levan asistido a foros cargados de intelectualidade, falo das mulleres de Valga, tertulianas do club de lectura que elaboraron, con Xesús Fraga, uns pensamentos de moitos quilates. Un día gozoso. Falta fai”.

Máis información picando neste enlace.

Alumnado 3º ESO B organizando a exposición "Mulleres filósofas" 2022

 

Distribuir contido


by Dr. Radut