Skip to Content

Nova sesión do Club de Lectura de Adultos

Club lectura con Daniel Asorey O vindeiro xoves 9 de decembro teremos unha nova sesión do Club de Lectura para adultos na Biblioteca do noso centro. Será a partir das 17:00 horas e contaremos coa visita do escritor Daniel Asorey para conversar sobre a súa obra "Nordeste". En palabras do coordinador do Club de lectura, o profesor Víctor González:"É unha visita que merece celebrarse, desde logo. Penso en Daniel Asorey, que, o nove de decembro, as cinco da tarde, vai festexar co Club de Lectura "Veigas de Campaña", a súa obra  "Nordeste". Daniel Asorey ten obra, esta é unha delas, pero ten máis, un poemario, "Transmaría", narrativa "As mulleres da fin do mundo", e máis que non se nomea nesta referencia por non abrumar, tamén é profesor... Chega. Centrémonos na obra. Que significa ter obra? Que hai detrás dunha obra, de calquera obra? hai traballo, desde logo, hai disciplina, tamén, esforzo e, por suposto, ledicia e imaxinación. Vida. Cabe mellor exemplo para a mocidade que estuda no IES e para a mocidade que participa no club de lectura? Fai falta dicir que  a idade non ven marcada polos anos que se ten senón polo espírito que nos anima?...,
Si, ven Asorey a Valga, ao IES, nunha hora, certo, baleira de alumnado (agás os dos Ciclos que, mira ti, están tamén de obra, aprendendo a obrar), mais o agasallo da súa presenza, deixará de seguro o ronsel imborrable da obra ben feita".
Contamos coa vosa presenza!!!



page | by Dr. Radut