Skip to Content

2º Curso

O rato canguro

0 21 de novembro e dentro das actividade organizadas para conmemorar o 25 de novembro, a  Concellería de Igualdade, ofertounos unha actividade de contacontos de sensibilización e concienciación en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero: "O rato canguro" coa finalidade principal de romper os estereotipos de xénero desde a infancia.

Os obxectivos específicos desta proposta son, entre outros:

  • Fomentar valores de igualdade entre nenas e nenos.
  • Promover a educación non sexista.
  • Romper cos roles ou estereotipos de xénero.
  • Impulsar a corresponsabilidade nos coidados.

O rato Fuco visitou o noso cole acompañado dun bebé ao que tivo que coidar: Chámase Cochin, e é un fillo duns amigos seus que se chaman Lene Marta e Tomás, porcos protagonistas do Conto “Suave y Calentito”, de Bijou Le Ford. Lene Marta traballa fóra da casa e Tomás hoxe non pode atender o pequeno porque ten que ir ao veterinario. Así pois, o rato Fuco foi o escollido para facerse cargo de Cochín.

Durante a contada, deulle de comer, lavouno, cambioulle o cueiro, contoulle contos e mesmo lle cantou un arrolo para o adormecelo, demostrando que en Lonxe de todo os coidados son unha tarefa compartida por ratos e ratiñas.

Semana da prevención de incendios

O 18 de outubro o alumnado de 1º, 2º 3º e 4º de Ed. Primaria participou nas actividades que organizou o Concello na Semana de prevención de incendios.

Esta iniciativa tiña como obxectivo acercar o alumnado aos servicios de emerxencia dos que dispón o Concello co afán de inculcar unha conducta preventiva no comportamento diante de calquera  posible situación de emerxencia en xeral e, moi especialmente, no caso dos incendios no ámbito urbano.

Presentación do proxecto Nós tamén creamos!

O 18 deoutubro contamos na biblioteca do centro coa presenza dun dos responsables de impartir a docencia no programa Nós tamén creamos!, no que imos a participar este curso co alumnado de 1º e 2º de Ed. Primaria.

Nesta sesión fcilitounos varios libros en galego da editorial OQO sobre os que temos que realizar a curta co noso alumnado.

Asemade, tamén se nos facilitaron diversas apps e programas cos que podemos empezar a fedellar para crear animacións nas nosas clases.

Xa estamos desexando comezar a traballar, pero o primeiro que teremos que facer é escoller un dos textos facilitados para realizar o noso proxecto.

Colleita final na nosa hortiña

O último día de clase desplazámonos ata á nosa hortiña para recoller os alimentos que xa servían para comer. Metemos na nosa cesta tomates, cenorias, cebolas, leitugas e algúns amorodos que pillamos na horta dos nosos  compañeiros do CIFP Portovello.

Unha vez rematada a recolleita regresamos para o cole e preparamos unha gran merendola moi saudable na nosa clase, na que participou todo o alumnado que coidou a hortiña ao longo destes últimos meses.

Estaba todo riquísimo!!

Excursión á praia de Samil

O 16 de xuño o alumnado de Ed. Primaria realizou unha excursión á costa de Vigo para gozar dunha xornada de praia nos areeiros de Samil.

Unha vez instalados na praia, e coa crema ben repartida polo corpo, xogamos no espazo que a baixa marea nos deixou ao descuberto. Despois de realizar impresionantes obras de enxeñería, e de xogar con todos os artiluxios que desprazamos  desde o cole, chegou o momento tan esperado e desexado de meterse na auga.

O almorzo fixémolo no piñeiral que está a carón da praia.

Mágoa de que a xornada festiva a tivésemos que rematar, antes do previsto, por mor das pingueiras que comezaron a caer a media tarde.

Coidando o horto escolar

Os nenos e nenas de segundo de Ed. Primaria seguimos pendentes do coidado e mantemento da nosa hortiña, regando e quitando as herbas que non serven para comer.

Arrancando as malas herbas

Xa probamos os tomates cherry, e estaban moi ricos, aínda que estamos a ter problema coa colleita dos amorodos xa que chegan antes os paxariños e os vermes ca nós.

Regando as plantiñas da horta

 

From the Tate to the Sueiro

Tal e como consta na programación inicial do noso plan anual de lectura, nos cursos de 1º e 2º E.P., integrados nos plans de plurilingüismo e seccións bilingües, respectivamente, desenvolvimos un proxecto baseado nas actividades da TATE GALLERY for kids.

Este proxecto de área participa tamén do xeral do centro, desde o punto de vista da reciclaxe, tendo en conta que moitos dos materias empregados son materiais de refugallo.

Os/as nenos/as de 1º e 2º E.P. deron unha volta pola TATE GALLERY de London e basearon os seus traballos plásticos nas propostas do centro cultural.

Debuxaron aos seus friends, seguindo as indicacións da artista Joey Yu

Chegou o nadal e nada mellor que crear un reindeer. A Tate proponnos un unicorn, pero utilizando materiais de refugallo axudamos a Father Christmas no seu medio de transporte.

E pasamos da tradición ao futuro da man de “BLIPPY, THE ROBOT”. Seguimos os pasos da Tate pero ao noso xeito construímos os nosos robots.

Como fin de traballo, Tobias, o auxiliar de conversa, contounos a historia de Blippy e nós enviámolo ao espazo.

Aproveitando o país de orixe de Tobias e os recursos da Tate, coñecemos un pouco máis a Vincent Van Gogh: Sunflowers, Starry night, ben chulas que saíron as nosas propostas.

Mochila viaxeira en 2º de Ed. Primaria

Os nenos/as de E.P. dispoñen, en préstamo, da mochila viaxeira por un período de 15 días, para compartir coas familias o contido da mesma. O  contido do material será escollido polos titores/as correspondentes, supervisado pola biblioteca e procurando que teña a maior variedade de textos e formatos para que o alumando poida elixir.

Acompañan a estes materiais “O diario da mochila” no que, tanto os nenos/as como as súas familias, aportan a súa opinión, novas creacións, debuxos, suxerencias, …, sobre o contido da mochila.

Na mochila viaxeira de segundo, de Educación Primaria, incluiremos libros en castelán e tamén en galego.

Os libros que se van incluiron na mochila, irán en función da comprensión lectora do alumnado.

Hai previstas as seguintes lecturas:

1º Trimestre:

Castelán:

  • “El pez arcoiris”.

Galego:

  • “Cocorico”

E a revista:

  • “Somos lo que comemos”

2do Trimestre:

Castelán:

  • “Acércate”.

Galego:

  • “O año que é un porquiño”.

E a revista:

  • “Reportero Doc: ¿Quién inventó la escuela?”

3er Trimestre:

Castelán:

  • “Vacío”.

Galego:

  • “Os oficios de Xan”.

E a revista:

  • “Reportero DOC: Tu cuerpo, todo un campeón”

Reinterpretando a obra de artistas ourensáns

 

Na semana na que se celebra o “día dos museos”, a arte chega ao noso colexio.

Os alumnos e alumnas pescudaron información e estudaron a diferentes artistas de Ourense para poder versionar as súas obras. A maioría da información sacámola ligazón: Pintores galegos.

Estamos feitos uns xenios, e como non!!! , PASÁMOLO XENIAL!!!

Distribuir contido


by Dr. Radut