Saltar navegación.
Inicio

Novidades na web do Feal: o "Blog de José", o Buscador Interno e o Buzón

Buzón

12/11/2008

No noso afán de que o CPI do Feal faga palidecer aos demais centros da nosa comarca, durante os últimos días estivemos engadindo algúns servizos á nosa web:


1. O Blog de José

O noso querido conserxe está organizando a viaxe de fin de curso do alumnado de 4º de ESO, e ata agora utilizaba un Metroflog para informarlles aos nenos sobre as actividades que están facendo para recadar fondos. Loxicamente, é moito mellor que José escriba directamente na nosa web, e estamos felices de ter un novo colaborador neste espazo. O seu apartado está no novo bloque da ANPA (nos menús da esquerda).


2. O Buscador Interno

Os máis observadores verían que hai unha nova caixa de busca sobre a de Google. A diferenza é que a nova só sirve para buscar dentro do noso espazo web. Se a probades, veredes que tamén permite unha busca máis avanzada con diversos filtros.


3. O Buzón

Ultimamente (sobre todo grazas ao alumnado de 4º de ESO), os comentarios dos artigos están bastante animados, pero o que é algo extremadamente excepcional é que alguén veña con algún artigo para publicar na web. Por esta razón, cada vez que ocurre isto, aínda seguimos tirando un foguete dende a Secretaría do centro.

Nun intento desesperado por loitar contra a pereza do persoal, vimos de engadir un buzón que aparece no fondo de tódalas páxinas deste espazo web. Pinchando en "Contacto", podedes cubrir un formulario que vos permitirá enviar unha mensaxe ao responsable da web en poucos segundos (incluso con fotos e outros tipos de arquivos). Isto é máis rápido que o correo electrónico, pero tamén damos esta opción. Para os máis atrevidos, tamén tedes a opción de José: publicar directamente na web, pero para isto xa temos que falar en persoa.

Ademais, dentro do Buzón está o novo "Libro de visitas" (onde as mensaxes xa son públicas), que está pensado sobre todo para que a xente que xa non está no Feal deixe o seu saúdo (xa temos algún), pero calquera pode escribir como nos comentarios dos artigos.

Nós encargámonos da tecnoloxía, PERO NECESITAMOS CONTIDOS!!, e non podemos estar en tódolos recunchos do centro para saber o que está pasando e encima facer unha foto. Agardámosvos no buzón coa boca aberta!!

Ángel

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com