O 9 de febreiro comezou a festa do Entroido o noso cole coa celebración do Xoves de compadres. Ese día tocou vir ao cole disfrazado con roupas masculinas.
Asemade, o alumnado de primeiro de Ed. Primaria participou na Festa de Compadres que tivo lugar na praza Maior de Ourense coa presenza de varios colexios da cidade. As nenas tratamos de defender e protexer aos nosos compadres, mentres os nenos perseguíannos para destrozalos.
A verdade é que non fomos quen de salvar a ningún compadre, pero pasámolo xenial e xa estamos desexando que chegue a Festa de Comadres, o próximo xoves.
NOTICIA DA ACIVIDADE NA PRENSA
O xoves 2 de febreiro de 2023, o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro participou no obradoiro “Compadres e comadres” que se realizou na nosa biblioteca escolar coa colaboración do Concello de Ourense.
Con esta actividade damos comezo á celebración do Entroido no noso cole, que terá o seu colofón na semana do 13 ao 17 de febreiro.
O xoves de compadres, 9 de febreiro, e o xoves de comadres, 16 de febreiro, acudiremos á Praza Maior de Ourense para correr cos nosos compadres e as nosas comadres...
Benvido sexa o Entroido 2023!!
Esta ano, o venres de Entroido, participamos no desfile que organizou o Concello de Ourense polas rúas do centro da cidade.
O alumnado de Ed. Infantil e 1º de Ed. Primaria disfrazouse de Arco da vella e o profesorado de nubes. O alumnado de 2º, 3º e 4º de Ed. Primaria ía disfrazado de curuxas e o profesorado de árbores. Por último, os máis maiores do coles, 5º e 6º de Ed. Primaria foron disfrazados de nativos do Amazonas.
Baixo a dirección da nosa xefa de tribu, desfilamos ao son de Carnaval de Maluma representando a coreografía traballada ao longo de toda a semana no tempo de lecer e que non deixou indiferente a ningunha das miradas do público asistente ao desfile.
Tan só unha semana despois da celebración do Xoves de Compadres, as mulleres preparáronse para tomar o mando do entroido no CEIPP Manuel Sueiro, todo isto no medio dun gran ambiente festivo no que participou todo o alumnado e persoal do centro.
A celebración serviunos como ensaio para a preparación do desfile que terá lugar o venres de Entroido polas rúas do centro de Ourense.
O Xoves de Comadres o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Ed, Primaria participou na celebración desta festa coas manualidades realizadas no obradoiro de Entroido que realizamos na semana anterior na bibloteca do cole coa colaboración de varios monitores da concellería de educación de Ourense.
Segundo manda a tradición, os nenos escapan coa súa comadre e as nenas tratan de arrebatarllas e destruirllas.
Ao final da carreira só un par de nenos foron quen de defender a súa comadre.
O xoves de comadres realizamos a tradicional merenda de Entroido a base das viandas que trouxo o alumnado e profesorado para degustar no centro.
Non faltaron as orellas de Entroido, as flores, as filloas, as chulas, tortas de todo tipo,... que con tanto mimo realizaron as nosas familias nas súas casas.
Como a aportación foi excesiva, puidemos disfrutar do sobrante o venres de Entroido.
O mes de febreiro é un dos noso preferidos do ano, non só pola cantidade de actividades complementarios que facemos se non pola celebración do Entroido.
Este ano volvemos a traballar no Entroido a temática do proxecto documental integrado que este ano versa sobre “Dinamarca”. Por iso as temáticas escollidas tiñan todas algo que ver con este país: Os viquingos; Os libros de Hans Christian Andersen; A pequena serea; O parruliño feo; O soldadiño de chumbo; as pezas de Lego e a Garda Real danesa.
Previamente ao desfile, o alumnado e profesorado degustou os exquisitos doces que moitas das familias aportaron altruístamente para que colleramos a enerxía suficiente para aguantar a festa.
Desde aquí queremos agradecer a participación das familias na festa do cole e a colaboración prestada.
Vídeos do desfile
O Xoves de comadres o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Ed. Primaria desprazouse ata a Praza Maior de Ourense para participar na actividade que organizou a Concellería de Educación para celebrar o Xoves de comadres.
Nesta ocasión foron as nenas as que correron detrás dos nenos para destruirlles as súas comadres. Poucos foron quen de deixar intacta a súa comadre.
As comadres nos medios de comunicación
Ao longo da semana do Entroido os mecos do noso cole ditaron as ordes que tiñamos que cumprir para poder entrar a traballar. Cabeza, pescozo, extremidades e todo o corpo foron as partes da nosa anatomía cara onde se dirixiron as ordenanzas destes dous "mandaríns".
Na seguinte galería de imaxes podedes observar con máis detalle os nosos cumprimentos.
O 15 de febreiro tivemos na biblioteca un obradoiro para realizar as comadres e compadres do Entroido. Dito obradoiro foi dirixido polos monitores de Ocitem que contratou a Concellería de Educación.
Este ano serán as nenas as que corran destras dos nenos para destruírlles as súas comadres; eles, pola contra, tratarán de defender as súas comadres para que queden ilesas despois da persecución.
Esta actividade será realizada o xoves de comadres na Praza Maior de Ourense, e nela participará o alumnado de varios colexios do concello de Ourense.