Skip to Content

Saídas extraescolares

Saídas extraescolares

Fp Innova Galicia 2018

Este mércores 25 de Abril o alumnado da E.S.O, Bacharelato, FP Básica e Ciclo Medio visitaron Fp Innova Galicia 2018 (Congreso de Innovación de Formación Profesional) na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Foi unha magnifica ocasión para coñecer as posibilidades que ofrece a formación profesional e o alumnado puido desfrutar de cortes de pelo, pintura de unllas, demostración de funcionamento de drons e impresoras 3D, proxectos de innovación colaborativa entre centros de distintas familias profesionáis (comercio e informática, electrónica e carpintaría) así coma degustar receitas innovadoras feitas con camelia.
Ademáis a nosa visita coincidiu coa presentación do Presidente da Xunta do Proxecto de creación do Campus FP en Vigo.



Visita a Pontevedra

Este 18 de abril o alumnado de 1°ESO do noso instituto con algún profesorado fixemos unha visita á cidade de Pontevedra. Gozando dun día marabilloso, realizamos un roteiro polo centro histórico desta fermosa vila.
Este roteiro organizouse, sobre todo, cun enfoque cronolóxico. Partiuse da ponte do Burgo, ás beiras do río Lérez, de orixe romana, onde puidemos ver a reprodución do miliario e de restos arqueolóxicos. O seguinte aspecto foi introducirnos polo rueiro medieval, contemplando algunhas casas desa procedencia.Tamén a denominación antiga das rúas testemuñan aquela etapa, do mesmo xeito cós restos da muralla ou pegadas de torreóns. Logo admiramos a basílica de Santa María, sobre todo a súa fachada occidental, levantada no seculo XVI pola Confraria de Mareantes, cando o porto tiña grande importancia económica, principalmente grazas á pesca da sardiña e ao comercio de viño e outros produtos. Posteriormente fomos facendo un grato percorrido por certos puntos significativos da historia local (coincidente nas grandes liñas coa historia de Galicia): algo da evolución urbanística do século XIX, como a zona da Alameda, os edificios institucionais (concello, deputación, actual instituto, actual faculdade Belas Artes...), rúas de nova apertura. Tamén fixemos parada diante do Teatro Principal, aproveitando un gran cartel que del penduraba coa imaxe de Maria Victoria Moreno, para lembrarmos que esta é a escritora das letras galegas do 2018. Igualmente contemplamos varias esculturas en diversas prazas: por exemplo, a de Teucro, o fundador mítico da cidade, ou algunhas de Castelao, o político, escritor e debuxante do Partido Galeguista que, nacendo en Rianxo, viviu moitos anos en Pontevedra antes de que a ditadura de Franco puxese fin violentamente á etapa republicana.
Outras paradas explicativas feitas foron a casa onde viviu o escritor Valle Inclán e as ruinas da igrexa medieval de San Domingos.
Tras un pequeno descanso, asistimos ao Museo de Pontevedra, a un percorrido guiado (en dous grupos) pola prehistoria (paleolítico, neolítico, idade dos metais) e historia antiga (castrexo, romanización, algo dos suevos) de Galicia. Puidemos  ver e entender o gran patrimonio que temos no noso país nas distintas etapas e a súa importancia para coñecelo. Restos diferentes, monumentos, xoias, pezas de arte, utensilios para a vida, invocacións a deuses e deusas, achádegos... toda unha sorte a de ver, aprender e valorar a nosa historia.
Grazas ao Museo e ás dúas guías que nos acompañaron, nos explicaron e atenderon ás nosas preguntas.​

 

 

 

 

 

 

 

Viaxe ao Courel

Un curso máis o noso alumnado e profesorado fixeron durante catro días a visita pedagóxica ao Courel, percorrendo puntos fundamentais da historia de Gallaecia (Lugo, Médulas, etc). Un ano máis, historia e paisaxe danse a man para que o noso alumnado goce co noso patrimonio material e inmaterial. Acompáñase un dossier fotográfico que visibiliza as distintas actividades e contidos traballados. Esta saída é a máis antiga do noso instituto, e na memoria colectiva está moi presente.
Agradecemos a colaboración do Concello de As Neves para esta viaxe pedagóxica.

Visita á exposición dos suevos en Ourense

Alumnado de varios niveis asistiron co profesorado á Exposición "In Tempore Sueborum" en Ourense. Subtitúlase "O tempo dos suevos na Gallaecia (411-585). O primeiro reino medieval de occidente". Visitáronse os tres lugares referenciais onde se desenvolve: o Centro Cultural "Marcos Valcárcel", que acolle pezas importantisimas e únicas dese pobo e da súa cultura (xoias, inscricións, moedas, obxectos de estética persoal...), que se unifican baixo o lema "deconstruíndo aos bárbaros, entre o mito e a realidade"; a Igrexa de Santa María Nai, que reúne obxectos e documentación diversa sobre o proceso de cristianización nesa época, destacando a grande figura do escritor Martiño de Dumio; e, por último, o Museo Municipal de Ourense, no que a través de varios paneis e outros elementos informativos se dá conta das características do pobo suevo na Gallaecia nos diversos eidos (vida cotiá, economía, sociedade...). Queremos felicitar ao alumnado o moi bo comportamento, aspecto que destacou mesmo a nosa guía dicindo que fora un dos mellores centros educativos en actitude e atención dos que teñen visitado este evento tan importante e único.

Saída o teatro "Vis la vie en rose"

Alumnado de francés de 4º de ESO e de 1º e 2º Bacharelato  asisten á obra de teatro "Vis la vie en rose" en Vigo.

 

Blog francesasneves

Visita a empresa de telecomunicación R e o MUNCYT

O alumnado de CM de Sistemas Microinformáticos e Redes realizou unha saída a A Coruña o venres 17 de Novembro onde visitaron a empresa de telecomunicación R e o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía). Alí puideron descubrir as instalacións da empresa R, visitaron o museo e realizaron un taller pois a súa visita coincidiu ca semana europea da robótica (cunha pequena tarxeta electrónica, un sensor e unha planta montaron unha pequena estación "intelixente" para controlar o nivel de humidade da planta de forma automática).

Distribuir contido


by Dr. Radut