You are hereActividades / Extraescolares

Extraescolares


IES DE MELIDE NA INTERCOMARCAL DE XADREZ

Alumnado de 1º ESO do IES de Melide participou este pasado domingo 29 de abril na fase intercomarcal do torneo de xadrez organizado dentro do programa xogade da Consellería de Educación, quedando como subcampións da súa categoría. Noraboa Iker, Xoel, Raúl, Carlos e Simón.

torneo xadrez

 

GALA DOS 50 ANOS DO ENSINO MEDIO EN MELIDE

Un documental e un xantar de reencontros poñen o broche de ouro ós actos conmemorativos do 50 aniversario de ensino medio en Melide.

O alumnado de 2º de ESO que cursa a materia de eNPRoXECTO doulle vida a un documental que, baixo o título “Letras que adornan números”, deu coñecer as idas e benvidas das avenidas das vidas do Colexio Libre Adoptado (1967-1969), da sección Delegada do Arzebispo Xelmirez (1969-1973), do Instituto Nacional de Bacharelato (1973-1966) e do IES de Melide.

Nun emotivo acto, as testemuñas de alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos e pais e nais de diferentes décadas, nos lembraron 50 anos de pasos cruzados compartidos, anos de historias respectuosas coas novas xeracións, que queren ceder o seu protagonismo as letras que non están escritas.

Así remataba o documental, apostando polo liderado compartido, para sermos quen de seguir enfrontando con ilusión os retos do ensino do século 21: unha aposta pola ensinanza plural, sostible, integradora e atenta coa realidade que nos toca vivir para interpretar e construír un mundo bo, xusto e bonito. 

CELEBRACIÓN DO 50 ANIVERSARIO DO ENSINO MEDIO EN MELIDE

MEDALLA DE OURO DO CONCELLO DE MELIDE 2017

Estimado Sr./Sra.

En representación do IES de Melide é un pracer para nós informarlle dos actos que terán lugar co gallo da celebración do quincuaxésimo aniversario deste centro de ensino e o que para a comarca de Melide supuxeron estes 50 anos de ensino medio.

Os actos darán comezo o vindeiro 29 de novembro ás 18:30h  no IES de Melide,coa Inauguración da Exposición dos 50 anos, onde se recolle unha pequena mostra do material didáctico empregado nos últimos anos no noso instituto, así coma obxectos e recordos que membros da comunidade foron achegando amablemente ó centro para enriquecer esta exposición. Nesta data teremos tamén a oportunidade de ver os traballos que o alumnado Ciclo Medio de Carpintaría e Moble fixo no último curso na “Poxa de Mobles Curso 1967-2017” ás 19:00 h no salón de actos (aula 309) do noso centro.

Remataremos os actos de celebración o día 16 DE DECEMBRO ÁS 12:00H COA GALA 50 ANIVERSARIO TAMÉN NO IES DE MELIDE para posteriormente, desfrutar do Xantar de Celebración e Reencontros previsto para as 14:30h no Pavillón do centro.

Esperamos poder contar con vostede nestes actos de celebración.

 Un cordial saúdo, 

A DIRECCIÓN

P.D.: É PRECISO CONFIRMAR ASISTENCIA ANTES DO DÍA 11 DE DECEMBRO

-CONFIRMAR ASISTENCIA GALA 50 ANIVERSARIO NO IES de Melide teléfono 881866109 indicar nome e apelidos das persoas asistentes.

-XANTAR DE CELEBRACIÓN E REENCONTROS

         Menú: Polbo, carne ó caldeiro, postre e café.

         Prezo: 20€

Ingreso en conta BANCO POPULAR ES17 - 0238 - 8194 - 1908 - 5000 - 0197, indicando XANTAR CELEBRACIÓN  así como nome e apelidos da persoa ou persoas que asisten.

Medalla de Ouro do Concello de Melide 2017

O pasado día 29 de xuño, día San Pedro, patrón de Melide, foi entregada a MEDALLA DE MELIDE, ano 2017, na súa categoría de OURO, ó IES de Melide, como homenaxe e agradecemento á súa traxectoria e ó encomiable labor en prol da educación, cultura e deporte que fixo no concello.

A imposición de dita medalla foi efectiva nun acto que se celebrou na sala capitular do Concello.

O director de Melide cerraba a súa intervención con estas palabras:

Se hoxe está aquí o IES de Melide, lévanos a pensar que entre todos e todas  algo bo fixemos,  e que todos e cada un dos que en maior ou menor medida tivemos relación co IES de Melide nestes 50 anos de historia debemos sentirnos honrados e honradas”.

“Este premio vén sendo un estímulo importante para o IES de Melide para, tomando como referencia o liderado compartido, sermos quen de seguir enfrontando con ilusión os retos do ensino do século 21: unha aposta pola ensinanza plural, sostible, integradora e atenta coa realidade que nos toca vivir para interpretar e construír un mundo bo, xusto e... bonito”.

“Un vello proverbio africano dinos que para educar a un neno, ou nena, fai falta unha tribo enteira”.

“Grazas por pertencer á Comunidade Educativa do IES de Melide”.

Este mesmo día tamén foi tamén foi honrada coa Medalla de Ouro de Melide a biblioteca pública de Melide Xosé vázquez Pintor

MEDALLA DE OURO DO CONCELLO DE MELIDE 2017

Informamos da seguinte distinción,

o pasado día 8 de xuño foi aprobado en Pleno a concesión da MEDALLA DE MELIDE, ano 2017, na súa categoría de OURO, ó IES de Melide, como homenaxe e agradecemento á súa traxectoria e ó encomiable labor en prol da educación, cultura e deporte que fixo no concello.

A imposición de dita medalla será efectiva nun acto que se celebrará na sala capitular do Concello o vindeiro 29 de xuño ás 12 horas, día San Pedro, patrón de Melide.

Parabéns para toda a Comunidade Educativa do IES de Melide (1967-2017)

DESPEDIDA ALUMNADO DE 2º DE BACHARELATO

Con invitación no ximnasio do IES de Melide ás 17:30.

IRIA BARREIRO VÁZQUEZ PREMIADA NO CERTAME DE DEBUXO E POESÍA AVELINO DÍAZ

Iria Barreiro Vázquez de 1º BAC A acada o segundo premio do "Certame de Debuxo e Poesía Avelino Díaz" celebrado en Meira o pasado beres 28 de abril, convocado polos concellos de Riotorto e Meira e pola Asociación Cultural “Avelino Díaz”. O poema premiado titúlase “Barreiras”.

Parabens!

PARTICIPACIÓN DA ALUMNA URIELA GARCÍA RICO NA XII OLIMPÍADA NACIONAL DE BIOLOXÍA.

Os días 23 a 26 do pasado mes de marzo celebrouse en Pamplona a Olimpíada Nacional de Bioloxía 2017. Como representante de Galicia asistiu, xunto con outros dos rapaces, a nosa alumna Uriela García Rico, a cal foi acompañada pola súa profesora Cristina Viqueira Gómez.

A proba constou de dúas partes, unha teórica e outra práctica.

A parte teórica consistiu na resolución de 150 preguntas tipo test sobre as distintas áreas de coñecemento da bioloxía que se estudan ao longo de toda a etapa da ESO e do Bacharelato (Xenética, Fisioloxía e Histoloxía animal e vexetal, Bioquímica, Microbioloxía, Zooloxía, etc.).

Ao día seguinte tivo lugar a parte práctica, na que, nos laboratorios da Facultade de Bioloxía de Pamplona, os participantes realizaron 4 prácticas de carácter experimental empregando o material e as técnicas coas que se traballa hoxe en día nas universidades.

Durante os 4 días que os alumnos/as estiveron en Pamplona non todo foron exames, tamén houbo grandes momentos de ocio e convivencia, xa que tiveron a oportunidade de coñecer distintos lugares de interese da cidade e dos arredores, tales como o Planetario de Pamplona ou o Faial do Parque Natural “Señorío de Bertiz”.

Aínda que Uriela non foi seleccionada para representar a España na Olimpíada Internacional, demostrou, unha vez máis, os seus amplos coñecementos, a súa excelente preparación e a súa boa actitude. O IES de Melide e, en especial, os compoñentes do departamento de Ciencias Naturais, senten unha enorme honra de contar con rapazas e rapaces tan motivados como Uriela.

Parabéns por chegar ata tan lonxe Uriela!

olimpiada nacional biología

UNHA ALUMNA DO IES DE MELIDE GAÑA A OLIMPIADA DE BIOLOXÍA - GALICIA

XII EDICIÓN DA OLIMPÍADA ESPAÑOLA DE BIOLOXÍA- FASE GALEGA

URIELA GARCÍA RICO GAÑA e está seleccionada para participar na fase nacional que se disputará en Pamplona do 23 ó 26 de marzo.

Ademais de Uriela representaron ó IES de Melide: Tamara Pereiro Vidal, Alba Vázquez Neira e Paula Vázquez Sufuentes.

Parabéns a todas elas e a profesora Cristina Mª Viqueira Gómez.

O equipo directivo

RESUMO DA XORNADA EN PDF

POXA DE MOBLES

Este mércores-8 ás 18:15, celebrarase no IES de Melide a Poxa de mobles.

Animámosvos a asistir, a valorar os exclusivos traballos de creación do alumnado e profesorado do Ciclo de Madeira que poden chegar a ser  parte do mobiliario dos nosos fogares. Axudaremos, ao mesmo tempo, á promoción do bo facer do noso Ciclo de Formación Profesional.

 

As nosas creacións

 





Distribuir

Distribuir contido