INFORMACIÓN ESO

       

 

INFORMACIÓN BACHARELATO

 

INFORMACIÓN FP

       

 PROBAS ACCESO CICLOS FORMATIVOS

 

                 

 

RESERVA E ADMISIÓN CURSO 2024-2025

 

Música

Novas de música

   Querido alumnado:

   Antes de nada quero mandarvos un abrazo esperando que esteades ben e tamén o estean todos os vosos familiares. 

   Tocounos unha época complicada pero estou seguro de que xuntos, apoiándonos e tirando todos na mesma dirección imos volver a vernos pronto. Xa sei que isto de volver ao instituto non vos parece o máis atractivo do mundo e menos se tedes que aguantar as miñas chapas (as miñas famosas chapas), pero mirade se estou mal da cabeza que nestes momentos xúrovos que sería o tipo máis feliz do mundo se soubese que mañá ía estar mandando calar unha e outra vez a quen falase de máis (uns cantos), apuntando quen non trae o material, corrixindo os vosos exames ou poñendo esas audicións de Mozart e toda esa peña vella que sei que estades a desexar escoitar. (Ben, desexando, desexando se cadra non...Téñomo que reformular).

   Pero as circunstancias por agora non son esas así que imos ter que articular algunha maneira para que sigamos en contacto e poidades ir facendo e vendo cousas relacionadas coa materia. Recoméndannos non saturar a web do centro con contidos así que o que vou facer é abrir un blog. Cando o teña poñerei a ligazón aquí na web do  insti e as comunicacións posteriores xa as facemos polo correo que habilitarei para ter contacto directo e individualizado.

   Toda esta situación é nova para todos así que suibirei o material segundo o elabore. Mentres, podedes ir botando un ollo aos vídeos das audicións que hai máis abaixo nunha entrada antiga. Son 10 audicións das que poño en 2º eso. Os cursos superiores seguro que as coñecedes pero non vén mal escoitalas outra vez. Que vos gusten!

   Sabedes que me gusta falar en plan avó dicíndovos o que penso así que quero comentarvos algo: creo que é moi importante que mentres dure a corentena obriguédesvos a traballar un pouco cada día. Tedes que seguir aprendendo e descubrindo cousas. E para iso ímosvos axudar. Non vos deixedes levar pola apatía que pode xerar o estar moitas horas na casa. Facede as cousas que vos mande o resto do profesorado, lede libros, cómics, blogs, o que sexa,  escoitade música (boa a poder ser), facede algo de exercicio, o que poidades. Estades nunha etapa de formación e un maldito virus da porra non vai impedir que cheguedes a ser a mellor versión de vós.

   E para rematar, sobor de todo, dádelle moito cariño aos vosos familiares. A ninguén, por máis forte que se crea vénlle mal recibir cariño.

   E direivos un secreto:

                                       non hai virus que poida con el.

 

Unha aperta a todos e a todas.

Carlos Valencia.

Departamento de música.

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer