Skip to Content

O IES ELVIÑA CUMPLE OS 40

40 anos ensinando: o IES Plurilingüe Elviña no curso do seu 40 aniversario

Logo-40 anos

    O noso insti xa é cuarentón! Quen o ía dicir? Durante este curso 2017/18 o IES Plurilingüe Elviña celebra o seu 40 aniversario. Para moitas e moi diferentes vivenzas hai tempo en 40 anos... pero non é cousa de andarse cos achaques do tempo: se alguén pensa que o insti vai pra vello está moi errado, ten pulo para rato... Baste saber que toda a xente que está nel seguirá a traballar co mesmo compromiso ao servizo da docencia para o alumnado do barrio de Elviña.

     Pero, ben! Chegados aos 40 anos, ten o seu aquel facer reconto de logros empezando polo principal: 40 promocións de estudantes que agora son pais, nais, profesionais do presente coma o serán no futuro os nosos alumnos de hoxe. Foron (e son) moitas as persoas que contribuíron neste camiño do IES Elviña: os traballadores e traballadoras que o manteñen aberto e o dispoñen a diario para o labor docente, o persoal administrativo, o abondoso profesorado que ten exercido o seu labor en Elviña, e as autoridades da administración autonómica que velan porque todo siga a funcionar coma o primeiro día e apoian coa súa presenza e o seu alento o traballo diario no centro ao longo dos anos. Co esforzo diario e o compromiso de todos eles fíxose posible a continuidade no tempo do IES Elviña, convertíndoo, como debe ser, nunha seña de identidade para o barrio de Elviña e para as súas xentes, ás que o instituto se debe.

     A todos os que, dunha maneira ou doutra, tocounos formar parte del, énchenos de orgullo dicir que traballamos no instituto de Elviña. Que non se diga que nos faltaron forzas para lograr que chegue aos oitenta con menos xuventude da que agora...

Feliz aniversario, IES Elviña, e que cumplas moitos máis.



page | by Dr. Radut