Saltar navegación.
Inicio

Historia

Viva O Feal

21/06/2013

Nunca fixeramos unha despedida así dunha promoción do Feal. Tivemos moitísima sorte co espléndido día elixido para a rodaxe, e ademais, non faltou ningún alumno de 4º de ESO na excursión á Coruña do 24 de abril. Non estaba moi planificado e tiñamos moi pouco tempo libre, pero funcionou moi ben a improvisación e a colaboración. Semanas despois, Gelu fixo unha toma adicional (houbo moito que esperar para ter outro día despexado na Coruña!).

Isto é o noso pequeno agasallo para unha promoción do Feal inesquecible. Se tivésemos que puntuar a súa calidade humana, a media sería de sobresaínte. Grazas rapaces. Con xente así é un pracer dedicarse ao ensino.

A promoción 2013 do Feal

 

Promoción 2013 do Feal

30/05/2013

A web do Feal (que cumpriu onte seis anos!) ten moitísimo que agradecerlle á xeración de estudantes que está a piques de deixar o noso centro. Durante a última etapa da web, o seu apoio foi incondicional, e así foron posibles un bo número de tolerías que animaron este espazo: desde O misto ao vídeo das Letras galegas, pasando polas Badaladas de fin de ano ou Chegou a hora (sen esquecer o seu papel no lipdub).

Aínda quedan historias por publicar, e estamos seguros de que a súa despedida no festival de fin de curso será emocionante. Grazas, rapaces, deixaredes unha duradeira pegada no Feal!!

Grazas, Alicia!

Despedida de AliciaFai clic para ver máis fotos

10/05/2013

Aínda que a moitos pode parecer incrible, a pasada semana a nosa compañeira Alicia Trobajo cumpriu os anos necesarios para poder retirarse a unha vida algo máis descansada. A partir de agora, se madruga será porque lle apetece aproveitar a mañá para dar boas camiñadas, por poñer un exemplo. Deixamos aquí algunha imaxe do seu último día de traballo no Feal e, ademais, unha presentación elaborada por José Manuel Timiraos coa que se despide dela o seu grupo de 6º B e os compañeiros do 3º Ciclo de Primaria.

Como tamén lle dixemos recentemente a Manolo Corredoira neste mesmo espazo... unha forte aperta, Alicia! E moitas grazas pola túa longa dedicación ao Feal (dende 1980!). Queda pendente unha xuntanza cos dous a finais de xuño para transmitirvos o noso cariño.

Despedida de Alicia

Grazas, Manolo!

12/01/2013

O pasado día 11 de xaneiro, o noso compañeiro Manolo Corredoira cumpriu 60 anos e decidiu acollerse á xubilación anticipada. Temos pendente xuntarnos con el para celebralo, pero de momento, deixamos aquí un recordo do seu último día de traballo no Feal, a través dun pequeno vídeo e algunhas fotos.

Unha forte aperta Manolo, e moitas grazas pola túa longa dedicación ao Feal (dende 1980!).

Feliz Nadal 2012!!

 20/12/2012

Para pechar as celebracións do noso 40 Aniversario, presentamos este pequeno vídeo (mellor en HD) con dúas partes:

Moitas grazas a toda a xente que colaborou nesta postal audiovisual, e esperamos polo menos provocar algún sorriso. Felices festas!

 

Curiosidades numéricas:

  • O vídeo foi subido a YouTube o 20/12/2012.
  • A canción que serve de fondo ao resumo audiovisual do ano ("At last") foi composta nos anos 40, e esta versión (de Jeff Lynne) foi publicada en 2012.

Así somos no Feal

01/07/2012

Por fin!! Misión cumprida. Trataremos de aproveitar este impulso colectivo para espertar un pouco a web do Feal. Contamos coa colaboración de todo o centro a partir de setembro.

Para a xente que visite esta páxina sen coñecer a historia, aclaramos que este vídeo musical fíxose para celebrar o 40 Aniversario do CPI do Feal (inaugurado o 6/3/1972), e que participou a inmensa maioría do noso alumnado, profesorado e persoal non docente (coa especial intervención dalgúns ex-alumn@s e ex-profesores/as), despois de catro meses de preparativos e ensaios.

Claustro 2012

Claustro 2012

Aquí aparece todo o profesorado e persoal non docente que conseguimos reunir o 29 de xuño de 2012. Tratábase de facer unha foto no mesmo lugar da que leva Catuxa no comezo do lipdub, pero aproximadamente 40 anos despois (aínda que calquera ano é bo para facer este tipo de fotos!).

Aproveitamos para informar dos cambios no equipo directivo: o 30 de xuño cesaron Pedro Abeal, Alfonso Dopico e Alba Alonso, quedando agora con esta nova composición:

  • Director: Víctor Novo Carballeira
  • Xefe de estudos de Primaria: Juan Carlos Bedia Vidal
  • Xefa de estudos de Secundaria: Mar González Veiga
  • Secretaria: Montse Fernández Carballeira

Fin de curso 2010

Claustro 2010

29/06/2010

Trala última reunión do Claustro do curso 2009/10, fixemos esta foto coas tres persoas que se retiraban da docencia en primeira fila: Carmen Feal, Alfonso Lamas e Loli Abelleira. Neste tipo de fotos é inevitable que haxa ausencias, ollos pechados... pero parécenos un bonito recordo.

Hai que destacar tamén que o 30 de xuño cesa o actual equipo directivo. Tanto a directora Mª Dolores Vizoso coma as xefas de estudos Eva Mª Bouza e Conchi López cambian de centro, mentres que a secretaria Maite Núñez aínda tardará en incorporarse debido á sua recente maternidade. No novo equipo directivo, o director será Pedro Abeal e a xefa de estudos de Secundaria Alba Alonso, estando pendentes de confirmación os outros dous cargos.

Moitas grazas a toda a xente que deixa de traballar no Feal e esperamos que sigades en contacto con nós!

Seguimos con despedidas

Loli, Eva, Carmen e Alfonso

Loli Abelleira, Eva Mª Bouza,
Carmen Feal e Alfonso Lamas

21/04/2010

Hoxe chegounos a confirmación de que Eva Mª Bouza, que leva tres anos de xefa de estudos de Primaria, tamén se traslada (ao CEIP Os Casais de Fene). Eva tamén tivo moito que loitar polo Feal e merece un bo descanso.

Ao mesmo tempo, hai que lembrar que este curso despediranse outras tres persoas que levan gran parte da súa vida na Educación Primaria do Feal por xubilación anticipada: Loli Abelleira, Carmen Feal e Alfonso Lamas.

E teremos que despedirnos de moita máis boa xente: profesorado provisional, alumnado de 4º de ESO...

Grazas a tod@s e sorte nos novos camiños!!

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido