Animación á lectura

Visita á biblioteca da Ponte

O 20 de abril o alumnado de 1º e 2º visitou a biblioteca do barrio de A Ponte para realizar unha sesion de animación á lectura e de formación de usuarios.

Por medio dun contacontos realizado cun kamishibai a responsable da biblioteca foinos presentando os diferentes recantos que pode ter unha biblioteca e os diversos tipos de fondos bibliográficos cos que nos podemos encontar nela.

Tivemos un tempo para a lectura individual onde cada un de nós disfrutou coas lecturas dos libros que máis lles gustaban. Para rematar, realizamos unha actividade de creación de historias na que por medio de diversas técnicas iamos improvisando pequenas historias que lles contamos ao resto dos compañeiros e compañeiras.

 

Día do Libro 2023

Nesta entrada reflectimos as novas sobre as actividades realizadas para o Día do libro 2023 no noso centro.

  • Vídeo libro de Cando leo, realizado polo alumnado do noso cole.

  • Presentación do Día do libro 2023.

  • Obradoiro da área de música.

  • Xogos de música e expresión corporal

  • Apadriñamento lector

  • Traballos de aula na semana do Día do libro

 

Dobraxe das voces da curta

Unha vez que temos realizada a gravación da maior parte das escenas da curta imos dar paso á dobraxe das diferentes voces que aparecen ao longo de toda a curta.

Todo o alumnado de 1º e 2 de Ed. Primaria participa nesta actividade.

A verdade é que a gravación estámola a realizar dunha forma un pouco rudimentaria, cun simple portátil e o programa Audacity, co que estamos a pór de manifesto que non é imprescindible ter unha sala de gravación para realizar un traballo escolar deste tipo.

De momento a banda sonora estanos quedando xenial!

Contacontos de Benxamín Míguez

O 28 de marzo tivmos a sorte de contar coa presenza de Benxamín Miguez na nosa biblioteca para contarnos varios contos a todo o alumnado do centro.

Grazas ao este magnífico contador de contos poidemos disfrutar de diversas hitorias, entre elas as aventuras e desventuras de princesas aburridas de ter vida de princesas.

Non nos esquecemos de agradecer á editorial Anaya por patrocinar esta gran velada.

Día da poesía. Poetry day!

Este ano, para celebrar o Día da Poesía, realizamos un roteiro poético, por diversos recantos do noso cole relacionados, no que a temática central xirou entorno á natureza.

Nas seguintes ligazóns achegamos os vídeos cos diversos poemas recitados en galego, castelán e inglés: (iremos engadindo os vídeos en breves)


GALEGO


Para finalizar esta celebración, todo o centro recitou o poema Á nosa sobreira, da que é autor o profe Toño, a carón desta árbore senlleira que tan ben nos identifica e representa.


CASTELÁN



INGLÉS



GALERÍA DAS ACTIVIDADES DO MARTES



GALERÍA DAS ACTIVIDADES DO MÉRCORES



EXPOSICIÓN DE LIBROS NA BIBLIOTECA



 

Elaborando un kamishibai

O CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro segue a traballar no fomento da lectura do se alumnado e neste caso quere amosar a forma de contar contos en Xapón a través dos Kamishibais. A actividade consiste na elaboración do kamishibai que lle correspondeu ao alumnado de 6º de Educación Primaria e os contos e historias a cada unha das aulas do resto do alumnado.

Que é o Kamishibai? 

Kamishibai, en xaponés, quere dicir “teatro de papel”. É unha forma de contar contos moi popular en Xapón. Adoita estar dirixido a nenas e nenos pequenos que van gozar del en grupo. Tamén é utilizado como recurso didáctico.

Está formado por un conxunto de láminas que ten un debuxo nunha cara e texto na outra. O seu contido, xeralmente en forma narrativa, pode referirse a un conto ou a algún contido de aprendizaxe.

Como o texto está na parte posterior das láminas o kamishibai sempre necesita un presentador ou intérprete que lea o texto mentres os espectadores contemplan os debuxos. A lectura do kamishibai realízase colocando as láminas en orde sobre un soporte, teatrillo de tres portas que se chama «butai», de fronte ao auditorio, e deslizando as láminas unha tras outra mentres se le o texto.

Como elaboramos Kamishibai?

O alumnado de 6º de Educación Primaria construíu o Kamishibai do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro. Unha vez reunidos decidiron como distribuír o traballo e os materias que precisan anotando a distribución do traballo no folio que asinou todo o alumnado.

Que precisamos?

  • Cartón.
  • Tesoiras e cúter.
  • Pistola de silicona.
  • Lapis de cores, gomas e rotuladores.
  • Regras e metros. 
  • Pintura negra, azul escura, azul clara e branca.
  • Pinceis e rolos.

Como o facemos?  
Os pasos son os seguintes:

  • Eliximos o cartón con forma de libro (cartón dun taboleiro) e medimos a estrutura do mesmo, neste caso 64 centímetros da parte central e 32 de cada unha da portas do Kamishibai.
  • Na parte central buscamos a metade e facemos un rectángulo coas medidas dun A3 (30 por 42 centímetros).
  • Reducimos as medidas do A3 en 0.5 centímetros (29,5 e 41,5 centímetros) cada un dos lados do rectángulo e cortamos.
  • Cortamos 2 tiras de cartón coas seguintes medidas (42 por 4 centímetros) e 4 tiras de 30 por 4 centímetros de ancho. Ditas tiras serán colocadas na parte exterior do Kamishibai para o cal precisamos a pistola de silicona quente. As tiras colocámolas na parte de abaixo e nos laterais o que nos permitira que as láminas de a se suxeiten cando as introduzamos pola parte superior.
  • Medimos o ancho e lago do oco incluíndo as láminas pegadas tendo un rectángulo de 46 por 34 centímetros que debemos pintar. A súa colocación será ao final despois de que este pintado o Kamishibai permitindo que as láminas non se caian.
  • Deseñamos o debuxo do Kamishibai. Repasamos con rotulador e pintamos con rolos e pinceis.
  • Na parte exterior de cada unha das portas colocamos dous tapóns (un en cada unha das portas o máis próximos posible) e unímolos cunha goma o que servirá de peche do noso Kamishibai.
  • Colocamos a asa superior para poder transportalo. O facemos cun cartón que pegaremos con silicona quente.
  • Pegamos a tapa de cartón previamente coloreada pola parte traseira.

E listo xa temos preparado o noso Kamishibai para poder contar contos...

Encontros con Lois Pérez

O venres, 17 de marzo, realizamos a actividade encadrada dentro da XXXIII CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, promovida pola Concellería de Educación do concello de Ourense, que leva por título Encontros co au-tor/a. Este ano o elixido foi o autor Lois Pérez que nos veu a falar do seu libro “A gruta da Torre” que previamente traballamos no noso Club de lectura nos meses de decembro e xaneiro.

O libro A gruta de Torre relata a historia de Lois que viaxa coa súa familia a pasar o verán a Ribadeo. Na torre vella da biblioteca dos Moreno o seu amigo Quique atopa un libro e dentro del un documento que fala dun pasadizo. Na investigación aparecen diferentes personaxes entre os que se atopa a foca “Cuquita” así como uns estraños sucesos no faro da Illa Pancha.

Lois Pérez presentounos o seu libro e permitiunos coñecer máis a fondo a través de todas as preguntas que lles fixemos e que nos fixo reflexionar. E para rematar as sinaturas adicadas dos nosos libros.  Foi un enorme pracer ter connosco a Lois Pérez  e xa estamos agardando a que escriba o seu próximo libro.

Desde o corazón da mazá

Coincidindo coa semana da prensa realizamos o concurso sobre o libro de Xan Farias: “Desde o corazón da mazá”, co cal estivemos a traballar ao longo do mes de febreiro no Club de lectura de terceiro de EP.

O libro é unha colección de textos escritos por un neno ao longo dun verán que lle mandou elaborar o mestre como tarefa. Un delicioso mosaico formado por pequenas teselas que, todas xuntas e cada unha por separado, son exquisitas.

O autor obriga ao lector a montar as historias, a imaxinar moito que non está escrito. É case tan importante o que conta como o que non conta. Farias axuda a facer lectores intelixentes.

Nesta ocasión, o resultado final do concurso estivo moi disutado, resultando gañador o equipo formado por Maia e Carlota.

Moitos parabéns para todos e todas polo traballo desenvolvido!!

 

Semana da Prensa

Do día 6 ao 10 de marzo celebramos no noso centro a Semana da Prensa coa realización de diversas actividades nas que empregamos os xornais como ferramenta de traballo nas aulas.


 

O alumnado de sexto de Educación Primaria realizou unha investigación acerca dos diversos xornais a nivel local, nacional e internacional. Unha vez concluída a investigación de busca a actividade consistiu en ser os seus propios directores e directoras de xornais traballando en base a un modelo dado e os resultados son os seguintes.

Moi bo traballo...  

Obradoiro Verbateca

O 9 de marzo realizamos, na aula de usos múltiples do noso cole, dous obradoiros coa colaboración do Concello, dentro do proxecto Verbateca. Consistiu na realización de diversos xogos nos que traballamos aspectos tan importantes coma a memoria, a observación, a expresión oral e corporal, a coordinación, os coñecementos de palabras en lingua galega sobre diferentes temáticas, o traballo en equipo, a identidade cultural e lingüística… etc.

Repasamos palabras relacionadas cos animais, partes do corpo, profesións, cores, natureza,… etc. Deste xeito todos xuntos/as aprenderemos a xogar en lingua galega!

Os obxectivos que persigue este programa son os seguintes:

  • Potenciar o traballo en equipo.
  • Aumentar o vocabulario da nosa lingua.
  • Crear unha comunicación afectiva e directa na que os alumnos e alumnas participen activamente.
  • Manter unha boa actitude de escoita.
  • Motivar á lectura por medio da oralidade.
  • Fomentar a imaxinación e a creatividade.

 

Distribuir contido