Chega "Á luz da Candeira", a web das tradicións orais do IES Politécnico

Xa se pode consultar "Á luz da Candeira", o excelente traballo de recollida de tradicións orais e fotografías do patrimonio realizado polo alumnado do IES Politécnico de Vigo, no que atoparedes pezas marabillosas como lendas, cantigas, refráns ou adiviñas pertencentes á tradición oral, tanto galega coma doutros lugares do mundo aos que pertence o diferente alumnado participante no proxecto. Por agora, co material recibido xa se pode acceder a 139 items nesta web, entre os que hai 54 recollidas de diferentes tradicións orais, e mais 49 fotografías anteriores a 1970 con 35 audios asociados nos que se dá unha explicación das imaxes referidas. 

Para completar o traballo final na web, ao longo do curso iranse incorporando as transcricións das recollidas, os textos corrixidos das fotos e mais as gravacións dos podcasts previstos sobre algunhas das fotos (derradeira avaliación). 

Este traballo enmárcase dentro do proxecto escolar do IES Politécnico de Vigo "Á luz da Candeira", que este curso 2023/2024 se integrou na Rede de Centros “Ponte... nas ondas!. Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)”. Este proxecto ten como obxectivos, entre outros, o contacto interxeracional do alumnado coas súas familias; así como a posta en valor do noso acervo cultural inmaterial, contido nas nosas tradicións orais e mais nas fotografías recollidas.

En adxuntos, podedes consultar o documento do proxecto, co que o noso centro foi seleccionado como un dos que constituirán a Rede de Centros “Ponte... nas ondas! Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)” durante o curso 2023/24. Ademais, tamén podedes consultar na seguinte ligazón a resolución definitiva na que o noso centro aparece como seleccionado neste proxecto.

E xa sabedes, abride as orellas e os ollos, e consultade "Á luz da Candeira"!!

 

AdxuntoTamaño
lus da Candeira - Proxecto PNO.pdf721.97 KB